Pechado por demolición, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Pasamos a vida mudando. En canto ao externo, mudamos de casa, de cuarto, deambulamos, facémonos nómades. Pero tamén o pelo, as esporas da pel, as súas escamas, os nosos tecidos van quedando ciscados polos lugares que transitamos. No interior tamén hai unha muda constante, natural ou obrigadamente circunstancial. O choque directo do emocional contra a nosa casca fai fenda e, inevitablemente, sofre o de adentro. O entullo, ese material de refugallo, os cascallos desa muda, desa demolición, vén sendo a pegada do que ten cambiado, os restos do naufraxio e os descartes.
Di Lorena Conde (Pontesampaio, 1980) neste seu primeiro libro, Entullo, gañador do Premio de Poesía Miguel González Garcés 2016, que pasamos a vida en dinámicas corporais e mentais de derrubo e reconstrución. Se cadra corpo e mente pasan por estas páxinas en evolución constante, como sempre adoitamos estar (foi Mozart quen cualificou de perfecto o inacabado?, tanto ten, o inacabado sempre tende a querer axeitar a súa incompletitude e morre no intento de acadar esa perfección. Mentres, a ruína reformúlase como abrollo e abrimos novas vías).
A humanización da casa como metáfora do paso desvastador do tempo, ten sido xa obxecto dunha boa chea de versos; de feito, a casa habitable, viva, agoniante ou vouga, é un dos tótems da literatura galega de todos os tempos. Pero até o de agora ninguén optara pola cousificación edificable da pel para falar dos procesos emocionais de desgaste, abandono, ruína e proxección de nova planta e é Lorena Conde quen deseña en Entullo un plano de obra case teatralizado e propón unha edificación viva e un entorno urbanístico móbil, expansivo e depresivo, respirante, no que encerrarse a procurar unha sanación. (…)”

A Coruña: Libros a monte 2017

Emma Pedreira: “O día que non sinta nervios e non me emocione cun premio será o que deixe este oficio”

Entrevista a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como foi recibir esa chamada na que lle din que gañou o Certame Literario de Vilalba?
– Emma Pedreira (EP): Non contas. Non pensaba nin en que tivese un 10% de posibilidades, presenteime no último momento e da peor forma posible, por correo electrónico, que non sabes nin se chega. Case o daba por perdido, nin lembraba terme presentado así que aínda estou aterrando e vendo a repercusión que tivo nas redes, que é a parte máis bonita.
– P: Que a levou a participar?
– EP: Este é un premio vello, ten máis anos ca min, cunha nómina moi solvente, pero quizais era moi local. Agora está nun proceso de apertura, cunha maior publicidade das bases nas últimas edicións. Creo que é bo que un premio con tanta traxectoria trate de ser un dos grandes, non só pola dotación, tamén polo espírito. Para os autores é un faro, ver a luz ao final do túnel da crise literaria.
– P: O premio inclúe publicar a obra, o que para moitos é máis importante que os cartos. É desa idea?
– EP: Si, os cartos están ben e o público mide a categoría do premio pola contía, pero os cartos vanse e ter a obra publicada nunha boa editorial e cunha boa distribución é o que eu miro. Alvarellos é un selo potente co que aínda non publiquei e apetecíame facelo. Ata onte (polo luns) non sabía ben nin a contía do premio, pero si que ía publicar con Alvarellos e iso é un soño cumprido. Xa me quixen presentar o ano pasado, pero non tiña obra. Este saquei este libro do lugar onde o tiña agochado. Non é actual, levo traballando nel bastante tempo, pensando onde podía encaixar.
– P: Contra que é o Antídoto?
– EP: Contra os prexuízos humanos a non ficar sós. Fala da soidade que non escolles, porque os seres que temos ao redor nos van deixando e non estamos preparados para iso, porque somos egoístas. É unha especie de diario dunha separación de parella, cunha segunda parte chamada Dúas veces na mesma pedra, que fala de como volvemos tropezar no mesmo. Falo de como cando chega esa soidade podemos aproveitala para laiar ou para definir ese 50% que queda eclipsado nunha relación e refacernos. (…)”

Antídoto, de Emma Pedreira, gaña o Certame Literario de Vilalba

Desde El Progreso:
“O libro da coruñesa Emma Pedreira titulado Antídoto resultou ser o gañador do primeiro premio do XLIII Certame Literario de Vilalba deste ano 2017, que organiza o Concello de Vilalba. Debido a un cambio de formato no galardón, esta é a única obra premiada aínda que o diñeiro que obtén é maior que o doutros anos, ascendendo a 7.000 euros.
O concelleiro de Cultura de Vilalba, José Antonio Pita, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director do Grupo de Radio Principal, Fidel Fernán Vello, e o xornalista Xulio Xiz, foron os membros do xurado que emitiron o veredito.
A Casa da Cultura de Vilalba acolleu o luns 21 a presentación dos dous libros que resultaron vencedores o ano pasado. O primeiro premio foi entón para Xosé Otero Canto pola súa obra Telúrica. María Xosé Lamas, con Sonetos preposicionais, acadou o segundo posto. Ambos libros xa están á venda tras ser imprimidos pola editorial Alvarellos.”

“Reacción contra a organización dunha Feira da Coruña “que pon en inferioridade o libro galego””

Reportaxe en Sermos Galiza:
“(…) Cal foi o problema para que diferentes escritoras como Ledicia Costas, Emma Pedreira ou Eli Ríos, ou mesmo o editor Manuel Bragado, leven manifestando o seu malestar durante días? Que houbo tres programacións paralelas: unha organizada pola Federación de Libreiros, con libros e autores e autoras galegas; outra organizada polo Concello, o Xardín dos Libros, con actividades para crianzas; e unha última, con financiamento do Concello pero decidida polas librarías da Coruña, chamada “A Carpa das Librarías”, que fixo unha programación maioritariamente en español e con autores e autoras españolas, como Sonsoles Ónega, Soledad Puértolas, Antonio Orejudo ou Carlota Corredera, directora do programa de televisión Sálvame que pechará o programa esta cuarta feira.
Ademais do agravio comparativo da diferenza de investimento entre os autores e autora sen español e os/as galegas, que até é graficamente visible no folleto pois os españois aparecen en maiúsculas; os problemas de organización foron patentes durante toda a feira, con interrupcións entre uns espazos e outros e mal desenvolvemento das actividades, tal e como denunciaron en redes sociais varias persoas, entre elas as escritoras Eli Ríos e Emma Pedreira. (…)
Ríos, recente gañadora do Torrente Ballester de novela e do López Abente de poesía, publicou un duro post no seu blog ao respecto da feira “para sacar do silencio a situación de moitas persoas que fomos menosprezadas”. No texto compara a situación das autoras galegas coas de fóra: “As persoas que escribimos pagamos a nosa gasolina, as peaxes, dedicamos horas ás viaxes, etc. e iso sae dos nosos petos. E nunca nos queixamos. Ata agora. Ata o momento no que o Concello da Coruña (puxo os cartos) e as Librarías da Coruña (decidiron como usalos) investiron unha cantidade enorme na Feira do Libro para traer escritores/as que nunca mercaron un libro nas vosas librarías e que nunca pagaron impostos no Concello da Coruña”. (…)
Tamén Ledicia Costas, Premio Nacional, manifestou nas redes sociais a súa “decepción e tristura”. “Contraprogamar do xeito en que se fixo é para min sinónimo de boicotear. E o boicot ao libro galego e as autoras e autores galegos desde certa parte do sector das librarías coruñesas, co apoio económico do Concello da Coruña, é algo tan delirante que a esta altura coido que só queda recibir unha explicación de quen corresponde. Polo que a min respecta, se este é o modelo que se vai implantar de agora en diante na Feira do Libro da Coruña, baixo deste tren en marcha. Xa haberá outro ao que subir. Outro onde nos mimen, nos coiden e nos respecten”. (…)
Outro dos persoeiros destacados que se sumou ás críticas foi Manuel Bragado, director de Xerais, que tamén expresou no seu blog a súa “decepción” polo modelo de organización: “Creo a todas luces fóra de lugar preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público”. Tamén se referiu á “insoportable interferencia sonora entre o que sucedía na «lata» e na carpa, que incomodou aos oradores e dificultou ao público o seguimento dos actos simultáneos”. (…)”

“Queremos tanto a M.V.M.”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1941-Pontevedra, 2005) deixou dito “Ningunha lingua me necesita a min” e a estas alturas afirmámola imprescindible para a dignidade deste sistema literario feble, en parte, pola súa misoxinia. Precisamente a súa modestia e sinxeleza fan resaltar máis a paixón por unha lingua e un lugar que a acolleron afacéndoselle ás contornas do corpo e do pensamento e grazas aos cales puido soñar o seu primeiro libro en galego (Mar adiante, 1973), ou que a fixeron sobreporse á absurdez de teorías machistoides que aluden á ósmose inversa e coleito polo que unha muller non pode definirse políticamente á marxe do seu compañeiro. Por iso antologar poetas novxs, nacionalistas e comunistas, nunha edición bilingüe para que todo o estado coñecese a situación vital e estado de saúde da poesía galega dos anos setenta, foi no seu tempo unha acusación e non un merecido aplauso. (…)
Eu vin falar da historia de amor que esta muller procurou con todo o seu mundo inmediato, desde as crianzas até os animais a quen consideraba almas puras e emocionais con dereito a voz propia. Desde a ensinanza até o amor que fai retroceder a morte no seu xogo de aproximacións. Desde as palabras até as persoas. Desde o compromiso até os perigos que conleva, que a ameazaron e mesmo derrubaron a porta que deu intimidade da súa casa. E vin falar das súas escollas, de como foi debullando a súa biografía de nena fronteiriza nunha raia esluída na Estremadura de posguerra e decidiu o que non: crueldade, inxustiza, represión e acritude e isto deu paso ao si, que soubo abranguer co seu carácter máis tamén coa súa escrita e carácter docente: a voz propia das criaturas insonorizadas na escrita imperante, a aproximación das rapazas aos seus protagonismos, a intelixencia emocional, o activismo cultural coa voz e as mans molladas e non simplemente sentada atrás dun escritorio.
Todo, efectivamente, extraliterario. Así como o son os afectos, as estradas secundarias polas que conducir igual que polas marxes do sistema. Extraliterario como as raiciñas, esas das que tamén provén a palabra radicalidade que afianzou, para a nosa fortuna, a María Victoria Moreno na nosa lingua e no noso sistema literario como unha pioneira que decidiu traballar desde esa raíz que é a LIX, unha base de adestramento dxs lectorxs do futuro, un berce de criterio onde a escrita ten máis que saúde. (…)”

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do mércores 7

O mércores 7 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 16:00 a 22:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

19:30 h. Presentación de O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Galaxia. Participan David Cortizo e Francisco Castro.
19:30 h. Emma Pedreira asina exemplares Bibliópatas e fobólogos, publicado por Galaxia.
20:30 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia. Acompañan ao autor Armando Requeixo e Francisco Castro.