“Decálogo da novela”, por Berta Dávila

Desde Euseino?:
“Novo “Decálogo da novela” no que Berta Dávila escribe sobre a novela como cousa viva, como un centauro ou unha medusa. Sempre se trata, abofé, dun animal inventado, que respira, que se move e latexa. En todos os casos, a autora de Illa Decepción considera a novela como aquilo que xorde dunha derrota —segura— e como un lugar que cómpre atravesar. Algo que tamén pode aboiar na escuridade dun océano profundo, algo que pode ser misterioso e, coma unha lanterna máxica, fai dar voltas ás imaxes arredor de nós. Ou un fío de sucesos, unha rede de símbolos, tamén unha voz. E, detrás deles, de maneira explícita ou implícita, a novela é alguén.
En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

O nome da illa
1) Misterio. A novela é un absoluto misterio para quen a escribe. De non ser así, nunca escribiriamos novelas. Este decálogo é, daquela, unha contradición.
2) Cuarto pechado. No caso de que unha persoa que escribe novelas resultase ser a indicada para saber o que unha novela é ou debe ser, o lugar para dar con ese significado é a ficción. Formulado doutro xeito, se a novela non fose por definición un absoluto misterio, o que unha novela é para unha escritora debemos procuralo necesariamente dentro das novelas que esa persoa escribe e nunca fóra delas; porque fóra do marco estritamente literario, as cousas que a escritora di, as cousas que a escritora pensa sobre os libros que escribe e sobre o feito de escribilos, son sempre unha construción interesada ou unha defensa. Por iso a novela é un cuarto pechado. Por iso tamén este decálogo está condenado ao fracaso. (…)”

“Decálogo da novela”, por Antonio Piñeiro

Desde Euseino?:
“A sección Decálogo da novela achéganos a proposta de Antonio Piñeiro. O autor de A través do fume intenta asediar o que chama “obxecto-fenómeno” da novela; como un historiador, descré da novela non dependente do suxeito que a produce. Piñeiro elévase, agatuña polo monte do idealismo literario para chegar a ese punto do sublime onde o estilo é todo porque é fenómeno: visión cambiante dun suxeito que só entende a realidade como reflexo, ou flexión, de si. A itinerancia deste decálogo lévanos á negación da novela. Exercicio do nihilismo modernista, ou visión a través da néboa dunha percepción que se flexiona —a brincadeira da prega, cadáver da filosofía do século XX— e flúe —o tamén cadáver filosófico do “devir”. A deformación é unha forma ao tempo que deixa de selo. A novela nin sequera xénero literario é. A novela, segundo o noso escritor, é algo voandeiro e volátil que só existe porque no seu voo acaba batendo con quen, tras o choque, se converte no seu autor. Por accidente, ou acaecer (ereignis, événement?). A novela non é un feito, a obra literaria non se fai —heideggerianamente, cae.
En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Función e flexión
1) Oficio de tebras. O discurso social é un. O discurso novelístico é outro. Non o convencional, non o coloquial, non o do documento, o espello ou a máquina tomavistas, senón un que difire e alterna ética e esteticamente con aqueles, facéndoo desde o introspectivo prospectivo.
2) Actitude. Semella que para a disposición non hai fórmula. A novela é un cabalo tolo, antítese do animal de desfile, ordenado, burocrático, formalmente gregario. ¿É parte da esencia do novelar? Polo menos, lévanos a outra das claves do oficio: a idea. Escribir implica disposición e necesidade de atopar ou explorar unha idea. Ao mellor non clara, nin sequera diferente, pero propia e perceptible. Unha idea para cada obra ou unha para toda a obra. Unha idea como función reveladora, que viría ser o mión da actitude. (…)”

“Decálogo da novela”, por Santiago Lopo

Desde Euseino?:
“Continúa a serie do Decálogo da novela, desta volta cunha achega de Santiago Lopo. O autor da Diagonal dos Tolos parte dunha idea da novela como universo de seu, irresistible e exacto. Un poliedro de mundos. Ficcións ousadas, atrevidas, mesmo prohibidas, que retorcen prexuízos ao aproveitar a potencia significativa dos grafemas. Arriscada, hipnótica e liberadora, a novela é coma unha faísca estelar cunha duración propia e unha materia que, igual ca os astros, acubilla séculos. Vidas que se subsomen na memoria, a novela acaba sendo espéculos e miraxes, unhas poucas escenas, algún personaxe, ¿unha lección? Ao cabo, a ficción narrativa permanece pola súa propia metamorfose infinita.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

Un poliedro infinito
1) Libre, coma un big-bang de grafemas. A novela nace dunha explosión creativa e polimorfa que forma un universo de seu.
2) Nutritiva, coma pexego prohibido. Téntanos dende a árbore veciña. Irresistible ao noso padal. Regálanos coñecemento do mundo e instrúenos na ciencia do ben e do mal. (…)”

“Decálogo da novela”, por Xosé Monteagudo

Desde Euseino?:
“Continúa a serie do Decálogo da novela, desta volta cunha achega de Xosé Monteagudo. O autor de Todo canto fomos propón unha concepción do xénero novelístico como aproximación ao inesperado e ao descoñecido, a aquilo que o relato agocha e, debido a ese mesmo ocultamento, tamén axuda a albiscar. A perspectiva, o estilo e o conflito trazan na novela as marcas da singularidade. A novela asolaga a consciencia de quen le, invade tempo e lugar, subsume a realidade nesoutra realidade que é a ficción.
Nesta sección que coordina e edita Iván García Campos, en semanas vindeiras imos continuar publicando novos decálogos sempre escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

A novela como forma de vida
1) Carácter. Toda novela mostra sempre a personalidade de quen a escribe. No que conta e no que oculta. No que pon a énfase. Na perspectiva desde a que relata. Unha novela xorde por necesidade, para alumear algunha dimensión persoal. Ás veces, incluso contra a propia intención.
2) Lupa. A literatura máis grande é a que presta atención aos detalles máis pequenos. Incluso as novelas que relatan as historias máis coñecidas e universais valen só polo interese particular que lle outorgan aos eidos diminutos e insospeitados. Son os que lles confiren unha significación propia e celmosa. (…)”

“Decálogo da novela”, por Diego Ameixeiras

Desde Euseino? (foto da Galipedia):
“Por proposta de Iván García Campos, que queda ao coidado desta nova sección de euseino.org, continuamos a serie do “Decálogo da novela“ agora coa colaboración de Diego Ameixeiras, ao que han seguir outros e outras novelistas. O autor de A crueldade de abril continúa a reflexión sobre o xénero novelístico e a función que ese tipo de ficción exerce na literatura actual. A relación entre realidade fáctica e realidade ficcional, a transmisión do tempo do escritor ao tempo da narración, a responsabilidade de quen escribe e a súa relación cos que o antecederon no xénero e cos que, como lectores, o seguen en busca desa teoría do inexplicable que é toda novela, son algúns dos asuntos deste novo decálogo.

Unha teoría do inexplicable
1) Memoria. Unha novela existe grazas á memoria. Todo o que se escribe garda relación co vivido. Cada páxina, aínda que estea disfrazada, é unha crónica tensa da nosa vida. Os desexos aprazados polo paso do tempo, pero vivos no recordo, instigan todo tipo de ficcións.
2) Perplexidade. Unha novela procede dunha organización de materiais (personaxes, espazo, trama) que non difire demasiado do esforzo que supón enfrontarse a unha mudanza. Hai que estar disposto a soportar un alto grao de perplexidade ante ese caos en movemento. (…)”

“Decálogo da novela”, por Iván García Campos

Artigo de Iván García Campos en Euseino?:
A narrativa como disciplina artística

1) Espera. Hai un aspecto desacougante en como ás veces nos achegamos ás novelas. Nese carácter didáctico e utilitario que por veces lles outorgamos. Dicimos de tal novela que ensina sobre a vida en parella; doutra, que nos amosa como a dor pode ser un estímulo na vida, e así. Coma se os autores lles ensinasen cousas aos lectores. En realidade, ningunha novela debería poder resumirse nunha lección de ningún tipo. A novela é sen un porqué e, mesmo sen ese porqué, é indispensable que exista: non nos deberían de entregar ningún saber, senón un lugar de incerteza, curiosidade e espera.

2) Incerteza. Unha novela debería ser unha máquina de suxerir preguntas, de posibilitar a aparición dun ou varios presentimentos, en ningún caso de convencer a ninguén de nada. Unha novela é un libro vivo cando o lector, despois de a ler, acaba tendo máis incertezas ou facéndose máis preguntas sobre a vida das que se facía antes. (…)”

Carballo: actividades destacadas do 7 e 8 de xullo na Praza dos Libros 2018

Chega ao fin esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 7 e domingo 8 de xullo, destacamos os seguintes:

Sábado 7
11:30 h. Obradoiro-presentación do álbum ilustrado infantil Lica, de Beatriz Fraga (Euseino?). Poden participar nenos/as de entre 4 e 7 anos, con inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa (981758580).
12:30 h. Contacontos para crianzas sobre Xandra, a landra que quería voar, con Mercedes Queixas, libro publicado por Urco Editora. Para todos os públicos.
20:00 h. Sinaturas de libros de autores/as de Carballo e Bergantiños.
Rosalía Fernández Rial: Bonus Track (Galaxia).
– Héctor Pose: Mar de invernía (Phottic).
– Beatriz Fraga: Lica (Euseino?).
– Selina Otero: Unha educación de premio (Galaxia).

Domingo 8
12:00 h. Presentación do libro Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, publicado por Galaxia. Acompañada por Patricia Blanco.
12:30 h. Sinatura do libro Carballo na memoria (Phottic-Galaxia), de Xan Fraga Rodríguez.
13:00 h. Sesión vermú. Algo especial a partir de Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial, publicado por Galaxia.
18:30 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Radio Bulebule (Kalandraka) de Paco Nogueiras.
20:00 h. Presentación de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata, de Miro Villar, publicado por Fervenza, coa participación do autor, acompañado por Xosé Ameixeiras.
21:00 h. Presentación de Luns, de Eli Ríos, publicado por Xerais, coa participación da autora, acompañada por Mercedes Queixas e Goretti Sanmartín.

“¿Cara a onde vai a literatura galega?”

Desde Euseino.org:
“O pasado día 16 de febreiro, o xornalista e novelista Manuel Veiga publicaba un artigo titulado “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición” no que chama a atención sobre que “A desaparición do público, xa de por si historicamente escaso por razóns coñecidas, creo que ten que ver coa infantilización progresiva do estilo e dos argumentos.”, ademais de reclamar “autores de verdade, dos que arriscan a cambio de pouco”. Nese senso, desde euseino.org hai tempo que vimos promovendo un debate arredor da urxencia dunha concepción nova da estética literaria, da necesidade dun pensamento que se dedique á crítica da estética literaria dominante e á proposta de concepcións diferentes.
Nun artigo anterior, falamos do “Esmorecemento da ambición literaria”, a ese artigo contestou o escritor e crítico literario Xosé Manuel Eyré con “Dialogando”. De seguido, puxemos ese debate baixo o rubro de “A polémica sobre a ambición literaria”. En efecto, consideramos preferible escribir da ambición literaria en troques de facer o que se adoita denominar “profecías autocumpridas”, ou anuncios de algo supostamente non realizado cos que se pretende xustificar unha posición xa tomada de antemán mais que neles se constata como futurible, dando argumentos así para que o anunciado na profecía acabe por parecer patente e inamovible. Desde euseino.org intentamos evitar ese tipo de posicións autoconfirmadas; pola contra, estamos a favor do pensamento especulativo, da necesidade dunha filosofía que pense a realidade e interveña nela mais non para confirmar o que se pretende facer pasar por inevitable. (…)
Nesa mesma liña, parécenos interesante publicar hoxe un texto inédito, escrito por Carlos Lema e lido nunha mesa redonda que se celebrou en Vigo o 8 de outubro de 2008 co título “¿Cara a onde vai a literatura galega?”, mesa na que tamén interviron Antón Figueroa, Rexina Vega e Suso de Toro. Reproducimos o texto sen ningunha modificación. Case dez anos despois, gran parte desta reflexión segue a ser pertinente; aínda máis, pensamos que ha servir para situar o debate no seu ámbito propio e cunha finalidade non espuria: a de pensar unha estética literaria libre de condicionantes heterónomos, sen a mistificación ameazadora da mercantilización e a didascalia. Unha literatura como obxecto retórico autónomo, non unha literatura como produto mercantil, ou medio para a dominación. Unha literatura como crítica da produción de subxectividade e como superación da correlación suxeito-mundo, correlación coa que se xustifica o relativismo e, ao cabo, todo o nihilismo actual, tamén o nihilismo literario. (…)

“O punto de partida é, daquela, 1983 ou, para sintetizar, a década de 1980. Outra cousa é trazar o percorrido da literatura galega neses vintecinco anos e, cousa aínda máis difícil, albiscar a onde nos leva ese percorrido. O título que nos reúne, máis ca preguntar a onde vai a literatura galega, coido que nos pregunta a onde a queremos levar; ou, noutras palabras, como nos gustaría que fose a nosa literatura. O título, coma todo título, é un acicate, un estímulo, e de ningún outro xeito —penso eu— o debemos entender.
Considerémola como a consideremos, como literatura nacional, como unha literatura que actualmente vive unha idade de ouro ou —ao dicir dalgúns— como unha literatura de segunda ou mesmo de terceira categoría, a existencia da literatura galega é incontrovertible.
Gustaríame salientar, polo tanto, catro circunstancias que ao meu ver marcan estes vintecinco anos da súa historia:
1ª) A institucionalización do discurso literario galego.
2ª) A apertura do campo literario galego como consecuencia da cooficialidade do noso idioma.
3ª) Un aumento importante da súa difusión debida a asunción de valores heterónomos de mercado.
4ª) A influencia excesiva no campo literario galego das súas relacións cos campos literarios veciños, nomeadamente co campo español. (…)”

A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, por Xosé Monteagudo

DesdeCuberta+lombo Euseino? Editores:
“No número 14 de Anotacións publicamos un artigo que reproduce o texto da conferencia lida polo novelista Xosé Monteagudo o día 15 de outubro de 2016 durante a sesión dedicada a “Ficcións narrativas para conquistar novos públicos” das V Xornadas de Literatura e Ensino organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e celebradas no Instituto de Ensino Secundario das Fontiñas, en Santiago de Compostela. En A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, o autor de Todo canto fomos pescuda na “orde xerárquica de valores (literarios e extraliterarios) que un autor segue á hora de concibir unha ficción” coa finalidade de intentar localizar onde reside o pulo do literario: “Na expresión da individualidade de quen crea? Na súa percepción particular e única da realidade? Ou na compracencia máis ou menos fiel dos gustos consabidos do público ao que se dirixe a obra?”
A situación dos escritores e escritoras galegos fronte ao seu público lector, o carácter intermediador das institucións académicas e os condicionantes de certa didascalia supostamente necesaria para achegarse a un público aparentemente tutelado son algunhas das cuestións que se tratan nesta análise feita por un escritor que percorre o traxecto que leva da escritura á lectura sen perder de vista en ningún momento as regras da ficción e a función da literatura na Idade Moderna.
Para descargar o artigo de balde: A ficción narrativa.”

Inma Otero Varela: “O feito de que as mulleres publiquen aínda se vía, ou se ve, como unha anomalía, un exotismo”

EntrevistaInma Otero Varela de Montse Dopico a Inma Otero Varela en Praza:
“A profesora e escritora Inma Otero observou unha presenza crecente de novelas de protagonista, moitas veces femininas, que están inmersas nun proceso de construción de si mesmas. E tentou explicar os motivos no ensaio A ficcionalización do eu. Autoría e protagonismo das mulleres na literatura, publicado por Euseino? en edición non venal, en pdf, na serie Anotacións sobre literatura e filosofía. Unha protagonista feminina, sostén a autora, ofrece máis posibilidades para unha elaboración nova do eu ou para construír relatos emancipatorios desde a reconstrución da súa identidade, asediada polos relatos que tentan encorsetala.
– Praza (P): Comezas rexeitando sintagmas como “literatura feminina” ou “literatura de muller”. Por que estes tópicos sobreviviron durante tanto tempo?
– Inma Otero Varela (IOV): Porque, por unha banda, o feito de que as mulleres publiquen aínda se vía (ou se ve) como unha anomalía, ou como un exotismo, se se prefire. Por outro lado, persiste o prexuízo de que a literatura escrita por mulleres debe ser lida case en exclusiva por mulleres; a etiqueta resulta útil á hora de marcar o gueto ao que se quere destinar os textos.
– P: En relación con iso, a túa proposta é non atender tanto á autora, á muller de fóra do texto, senón á muller construída dentro do texto, á personaxe. Por que?
– IOV: En realidade interésame, e creo que a toda a crítica en xeral, máis os textos que a vida privada das autoras e autores. Non nego que algunhas circunstancias vitais sexan importantes, como a cultura da que forman parte, por exemplo, ou algunhas experiencias decisivas. Pero creo que a importancia que se lle dá ao sexo da autora, porque se é autor parece que non é relevante, é excesiva. Aínda considerando que realmente as mulleres seguen a ser o xénero marcado, non todas o asomen do mesmo xeito nin o reflicten literariamente de maneira sequera parecida. Ocorre moitas veces que un escritor constrúe unha protagonista moito máis rica e subversiva que o que fai unha escritora. Existen moitas mulleres que recorren a personaxes moi estereotipadas e planas. (…)
– P: En xeral e en resumo, por que as personaxes femininas son vehículo idóneo para reflexionar sobre os procesos de construción do suxeito?
– IOV: Sen desprezar outras opcións, porque un personaxe que vive á marxe do sistema ou que ten unha opción, corpo ou vida sexual que non coincide coa normativa tamén enriquece a reflexión sobre as posibilidades do suxeito, desde o punto de vista do xénero social que aínda se rexe maioritariamente polo binomio home-muller, é a muller a que en maior medida ten que loitar contra unha identidade forzada. Pódense cruzar moitas liñas á hora de perfilar unha personaxe en loita e a de xénero é unha máis. Pero desde este punto de vista, unha protagonista que no procedemento de construírse atenda tamén á cuestión de xénero, ofrece un grao máis de problematización que o que pode achegar un personaxe masculino. Aínda que, por suposto, aparecen personaxes masculinos moi interesantes desde esta perspectiva como os que ofrece, por poñer un caso galego, Samuel Solleiro. Mais nestas análises da masculinidade ecoan os esforzos realizados polo feminismo por cambiar a categoría social do xénero. (…)”