Intensa actividade da Asociación Galega de Editoras, con doce editoras presentes, na Feira de Frankfurt

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras participa na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, que se celebrará nesta cidade alemá a vindeira semana, entre o 19 e o 23 de outubro, e que este ano terá a España como cultura convidada. A Asociación Galega de Editoras participará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España, coa colaboración de CEDRO, no que doce editoriais desenvolverán un intenso programa de actividades profesionais: Alvarellos Editora, Baía Edicións, Kalandraka, Galaxia, Hércules de Ediciones, Xerais, Positivas, Laiovento, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Ediciones del Viento, e a distribuidora Arnoia.
A AGE elaborou o catálogo “Galician Books”, específico para esta Feira, cunha selección de 90 títulos das doce editoras presentes, e o audiovisual “Unha edición poderosa” onde se recollen os máis de 20 Premios Nacionais galegos en todos os xéneros dos últimos 40 anos.

ACTIVIDADES PROFESIONAIS A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS EN FRANKFURT
Editar en catalán, éuscaro e galego
20 de outubro, ás 11:00 (Pavillón 4.1, stand D4)
Coorganizada pola Associació d’Editors en Llengua Catalana, a Associació d’Editorials del País Valencià, Euskal Editoreen Elkartea (Asociación de Editores en Lingua Vasca), o Gremio de Editores de Euskadi, e a Asociación Galega de Editoras, celebrarase a mesa Editar en catalán, éuscaro e galego, para poñer en valor a edición nas demais linguas do Estado. Participarán Joan Abellà (presidente da AELC, e Enciclopèdia Group), Henrique Alvarellos Casas (presidente da AGE ), Carmen Elvira Balsalobre (presidenta do gremio vasco, Pamiela editorial), Àfrica Ramírez Olmos (presidenta do gremio de editores valenciano, directora de Balandra Edition); moderada por Laura R. Herrera (Hércules de Ediciones)
Henrique Alvarellos, presidente da AGE, conversa co autor Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021, arredor da obra Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañadora do Premio Nacional do Libro de Narrativa 2021
O 22 de outubro, ás 10:00, no pavillón 4.1, stand D4, habilitado para actividades profesionais da Federación de Gremios de Editores de España, o presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, manterá unha conversa co autor galego Xesús Fraga, cuxo último libro, Virtudes (e Misterios), editado pola Editorial Galaxia, gañou en 2021 o Premio Nacional do Libro de Narrativa.

«UNHA EDICIÓN PODEROSA», LEMA DO VÍDEO PROMOCIONAL QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS LEVARÁ A FRANKFURT
«Unha edición poderosa» é o lema do vídeo promocional que a Asociación Galega de Editoras preparou para a Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a cargo da produtora Illa Bufarda.
O audiovisual reúne os máis de vinte «Premios Nacionales» da literatura galega logrados nas últimas décadas en todos os xéneros, galardóns concedidos anualmente polo Ministerio de Cultura de España, e que demostran a enorme calidade creativa e editorial de Galicia.
Concibido como unha homenaxe ao Libro, en só noventa segundos aparecen, nesta creación, dende as últimas persoas premiadas  ata as máis veteranas. Un recoñecemento continuo, dende a década dos 80, ao sistema literario e editorial galego. (…)

A EDITORIAL GALAXIA ORGANIZOU UNHA ACTIVIDADE ARREDOR DA ESCOLA DE LETRAS
A Escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, será presentada ao sector e aos medios alemáns o  xoves 20 de outubro, ás 10:00, no stand D4 da Federación de Gremios de Editores de España. No encontro participarán o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a escritora Inma López Silva, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.”

A presidencia da AGE pasa a formar parte da Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A presidencia da Asociación Galega de Editoras formará parte da Xunta Directiva da Federación de Gremios de Editores de España despois dunha reiterada reivindicación que se vén facendo nos últimos anos por parte da actual directiva da AGE. Esta decisión foi aprobada na FGEE no mes de marzo e onte foi ratificada na súa asemblea ordinaria.
A AGE valora moi positivamente esta decisión que é recibida como un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola asociación na defensa e representación do sector editorial galego ao longo dos 37 anos de existencia, traballo que se verá reforzado agora desde a propia Federación española.
A AGE está formada actualmente por 40 empresas que publican máis do 90% da produción editorial galega.”

O ISBN rexistra a recuperación na edición de libros en Galicia

Desde Cultura Galega:
“A produción editorial galega recuperouse en 2018, segundo recollen as cifras da rexistro do ISBN para ese ano que acaba de publicar a Federación de Gremios de Editores de España. Esta análise sinala que saíron das editoriais do país un total de 2.161 títulos fronte aos 1.927 do ano anterior. A mellora sitúa a cifra ao nivel de 2016 e permítelle ao noso país subir unha posición na lista de comunidades con maior produción editorial. Galicia fica así no quinto posto, cun 2,8% do total dos libros que saíron no Estado durante ese ano.
Pola contra, a cifra de libros publicados en galego, 1.245 títulos, supón unha mingua a respecto de 2017 se a comparamos coa Panorámica da Edición Española de Libros, informe que recolle tamén datos do ISBN. Este informe cifraba en 1.288 os libros na nosa lingua durante o período, o que supuña unha recuperación a respecto de 2016.”

A Asociación Galega de Editoras alerta da baixísima porcentaxe de lectura en galego

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“Os datos coñecidos esta semana do “Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros 2018” da Federación de Gremios de Editores de España revelan un lixeiro incremento xeral, en todo o Estado, das persoas lectoras, pero poñen de manifesto, a un tempo, a delicadísima situación da lectura en galego no noso país.
Para a AGE, que medre o número de lectores e, sobre todo, lectoras, en todo o Estado é unha boa nova, pero a situación en Galicia segue a ser moi preocupante. Non só por seguirmos na zona baixa da estatística a nivel estatal, senón sobre todo por ese ínfimo 4% de persoas que afirma escoller libremente o galego como lingua de lectura.
Demandamos, unha vez máis, políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego. A nosa lingua é un patrimonio único que debe ser preservado e potenciado de maneira decidida. Conéctanos co mundo, porque nos fai singulares e vivos, e debe ser prestixiada.”

“Diminúe o número de títulos editados en Galicia, segundo o ISBN”

“Os datos da Federación de Gremios de Editores de España sobre os títulos rexistrados na Axencia Española do ISBN revelan un descenso nas cifras da edición galega. Deste xeito, no noso país editáronse en 2011 un total de 2.996 obras, o que supón o 2,9 % do conxunto do Estado. Fronte a isto, os datos de 2010 cifran en 4.754 os títulos editados en Galicia, o que suporía un descenso de 1.700 títulos que, ademais, crebaría a tendencia crecente dos últimos anos. De xeito paralelo, as 1.855 obras que saíron editadas na nosa lingua supoñen tamén un descenso fronte ás 2.544 do ano anterior, segundo os datos achegados polo Ministerio de Cultura a partir do mesmo rexistro.” Vía Cultura Galega.