Tabela dos Libros de marzo, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de marzo. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. En hora boa a todxs xs destacadxs e beizóns xs compañeirxs pola parte que me toca. Boas lecturas!»

Vigo: actos arredor de Rosalía de Castro o luns 24

O luns 24 de febreiro ás 12:00 horas, no Auditorio do Concello de Vigo (Praza do Rei), Fernando Pereira Bueno, autor de Rosalía de Castro. Imaxe e realidade, impartirá unha conferencia a escolares da cidade sobre A imaxe da maior icona visual de Galicia, nun acto onde participarán Isaura Abelairas, Manuel Bragado e o autor.
A partir das 18:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), terá lugar unha lectura, en varios idiomas, da obra de Rosalía en colaboración coa Universidade de Vigo e o Voluntariado de Vigo. Deseguido, ás 20:00 horas, Fernando Pereira Bueno, falará de Rosalía de Castro. Imaxe e realidade para o público en xeral.

Santiago: Segunda xornada do Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada

Chega a segunda xornada de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única. O programa é o seguinte:

XOVES 21 DE MARZO
DO PRIVADO AO PÚBLICO: A CONFIGURACIÓN DA ROSALÍA ESCRITORA. Coordinadora: Dolores Vilavedra.
10:00 h. Avances na investigación da biografía rosaliana. Por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Retrucante: María do Cebreiro Rábade.
12:00 h. Mesa redonda: As imaxes en Rosalía, as imaxes de Rosalía. Moderadora: Marta Pérez Pereiro. Con Helena Miguélez, Arantxa Serantes e Fernando Pereira Bueno.
16:00 h. O paradigma autorial de Rosalía de Castro: unha denominación de orixe, por Pilar García Negro. Retrucante: María López Sández.
18:00 h. Recital poético.