Xosé Ballesteros é reelexido presidente da Asociación Galega de Editoras

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE), reunida esta semana en Asemblea Xeral Extraordinaria, renovou os cargos da súa Xunta Directiva para os dous próximos anos e decidiu por unanimidade reelixir como presidente a Xosé Ballesteros Rei, director de Kalandraka Editora, nunha aposta da Asociación pola consolidación e continuidade na liña de traballo desenvolvida nestes dous últimos anos.
O equipo directivo queda tamén configurado polo vicepresidente, Henrique Alvarellos Casas (Alvarellos Editora); a secretaria, María Xesús Gómez (Rodeira); a tesoureira, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro) e catro vogais: Andrea Jamardo (Urco Editora), Miguel Toval (Edicións Embora), Francisco Alonso (Edicións Xerais de Galicia) e Xulio Amigo (Editorial Galaxia).
O presidente da AGE, Xosé Ballesteros, fixo balance da xestión realizada durante os estes dous anos. Destacou o traballo realizado polas persoas que formaron parte da directiva e que agora non continuarán e valorou así mesmo a complicidade do equipo e do grupo de editoras que participan activamente a prol do funcionamento da Asociación.
Ballesteros lembrou que a parte máis gratificante foi sacar adiante á AGE despois dunha situación económica delicada e grazas a unha política de austeridade e de xestión, o que nos permite agora iniciar este período con certa solvencia. Nesta etapa a Asociación poderá investir en formación (sobre todo para os proxectos editoriais máis novos), na proxección exterior do libro galego, e continuar coa colaboración cos outros gremios e colectivos do sector.”

Conversa con Fran Alonso sobre Street Poems

Desde Chamando á terra, de Radio Galega:
María Solar conversa con Fran Alonso sobre o seu libro de poemas Street Poems e o novo cargo á fronte da Dirección Xeral da Editorial Xerais. Escoitamos un cachiño do libro de poemas na voz de Pepe Carreira. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Tabela dos libros. Maio de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Compostela: presentación de Soños. Arquivos. Cartas, de María do Cebreiro

A terza feira 8 de maio, ás 20:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, María do Cebreiro presenta Soños. Arquivos. Cartas, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Fran Alonso e Xiana Arias.

O Mapa Literario de Vigo permite percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”

Fran Alonso: “A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte e Xerais notouno moitísimo”

Entrevista de Daniel Salgado a Fran Alonso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cales son os retos inmediatos da nova dirección de Xerais?
– Fran Alonso (FA): O reto máis inmediato é evidentemente que a editorial continúe navegando. Parece un reto moi humilde pero é algo fundamental. A partir de aí, deseñar liñas de renovación. Nunha nova etapa sempre hai cambios. Parece lóxico. Mais estou aínda na aterraxe. O nomeamento foi a sexta feira [20 de abril] e non tiven tempo para deseñar nada. É un momento de transición en que estamos termando de cousas pendentes e cousas urxentes para que non se paralice nada. Non quero precipitarme. (…)
– SG: O contexto económico para as editoriais galegas segue a ser complicado.
– FA: Si, evidentemente. A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte. Xerais notouno moitísimo. Pero tamén todo o tecido editorial, aínda maltreito. Agora hai que traballar conxuntamente e intentar estratexias para saír da crise. Se non hai axuda institucional, e as cifras indican que está en perdas dun 80%, pois teremos que organizarnos. E con esa vontade, que é unha vontade bastante de ferro -como historicamente demostramos-, buscarmos estratexias para continuar adiante e superarmos as dificultades. (…)
– SG: Compatibilizará as súas novas responsabilidades coa literatura?
– FA: Iso espero! Teño paralizada unha novela que estaba escribindo, pero agardo poder recuperala. Nestes primeiros meses non, a ver se co acougo do verán…”

Tamén se pode escoitar aquí a entrevista feita no Diario Cultural da Radio Galega.

Fran Alonso foi nomeado Director de Xerais

Desde Xerais:
“O Grupo Anaya decidiu nomear con data de hoxe a Fran Alonso Director Editorial de Edicións Xerais de Galicia. Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria profesional no ámbito do xornalismo e pertence ao cadro de persoal de Xerais desde 1992, onde desempeñou diferentes funcións no ámbito editorial. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, e Máster en Promoción da Lectura e Literatura Infantil (2001-2003) pola UCLM. Desde 2001 viña exercendo como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais, ocupándose principalmente da edición literaria. Entre 2006 e 2010, ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editoras e na actualidade pertence á súa Xunta Directiva. Tamén foi un dos membro fundadores da asociación Espazo Lectura en 2008.”

O xurado do certame aRi[t]mar escolleu as poesías finalistas publicadas en Galiza e en Portugal en 2017

“O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal da música e da poesía galego-portuguesa, iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, abrirá o proceso de votación despois do xurado ter seleccionado as vinte (10+10) poesías portuguesas e galegas finalistas. As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, desde as 00:00 h do día 20 de abril até ás 23:59 h do día 20 de maio, e participarán posteriormente nun sorteo dun lote de libros.
As poesías finalistas desta edición son as galegas: Arróstrasme ítacas (Eli Ríos), Cinco adolescentes sentadas (Fran Alonso), Blues do rei Bergman = B.B. King (Lois Pérez), Afixécheste a encollerte (Lupe Gómez), Tira a roupa (Marta Dacosta), Herdanza (Olalla Cociña), Se vas morrer na guerra leva un libro (Pura Tejelo), Esquecer ter cousas (Sther F. Carrodeguas), Agoiro (Xulio L. Valcárcel) e Palabras na beira (Xurxo Alonso); e as portuguesas: Com o ritmo da chuva (Alexandre Brea Rodríguez), Poderei ser uma daquelas pessoas que lêem sinais (Rosa Oliveira), Sou mulher de vestígios fáceis e dignos (Cláudia R. Sampaio), Contrato social (Madalena de Castro), Música antológica and todos contentes (José Miguel Silva), Estamos parados de olhos postos (Rui Almeida), Somos daqueles que limpam os ouvidos (Golgona Anghel), Aprendizagens (Ana Luísa Amaral), Memórias da casa da China e de outras visitas, à maneira de Yuan Mei (Manuel Afonso Costa) e Revel (Nuno F. Silva).
aRi[t]mar é um proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2017. A finais de outubro os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.”