Desde
Praza:
“- Praza (P): A intención de publicar as Obras Completas de Vidal Bolaño chegou moito antes de que a Real Academia Galega decidise que as Letras Galegas 2013 se lle dedicasen o dramaturgo. Como xurdiu a idea?
– Xosé Manuel Fernández Castro (XMFC): Eu teño entendido que xa antes, en 2007, houbera algunha tentativa. Eu comecei a me interesar polo asunto en 2007, cando lin a miña tese de doutoramento sobre Vidal Bolaño. Belén Quintáns, naqueles tempos, tiña un proxecto interesante, facer unha biblioteca Vidal Bolaño en volumes soltos e estaba cunha editorial falando do asunto. Ese proxecto quedou apartado, atascouse e, despois no 2001, digamos que se entrou nunha nova fase cando houbo un acordo entre Macías e Belén. E comezamos a traballar.
– Francisco Macías (FM): Os editores, os editores pequenos, temos que buscar os espazos que deixan libres as grandes editoras. En Galicia, a verdade, deixan case todo libre e non é difícil atopar espazos. Roberto era un deses espazos. Eu lembro que en 2007 viñeran desa editorial, que era Sotelo Blanco, a me pedir permiso para poder editar a obra Rastros. Eu preguntei para que e contáronme que querían facer unhas obras completas. A min interesábame tamén o asunto, tiña a intención, pero facer dúas resultaba imposible. Retireime, pero como iso non foi para adiante, puiden facelo eu. Un día Pepes (XMFC) fíxonos unha celada a Belén e a min (…).
– XMFC: Entón, a partir de novembro de 2011, comezamos a reunirnos e a traballar máis en serio. En principio, ía ser iso, unha biblioteca cunha morea de volumes. Practicamente, un libro por texto, agás algúns que ían ser moi breves e que se podían reunir nun único tomo. Estabamos inicialmente, ademais de Paco e mais eu, Belén e Roi Vidal. Os catro, inicialmente, tiñamos un deseño nese sentido de biblioteca, mais veuse abaixo por mor de que en xuño de 2012 a Real Academia decidiu concederlle as Letras Galegas. (…)
– P: Como se clasificou a obra de Vidal Bolaño nestes seis tomos?
– XMFC: Nas obras completas, temos un sexto tomo que recolle os textos que non son dramáticos. Despois, o quinto reúne textos que non teñen unha autoría plena del, son textos doutros nos que fixo algunha intervención. Os outros catro serían de autoría plena. Como clasificamos eses catro tomos? Nun caso polo tipo de público que teñen, por iso hai un tomo destinado aos textos de rúa infantil, que teñen ese nivel de proximidade. Despois temos un tomo que reúne os textos de teatro do aquí e do agora. Outro que recolle as producións que se dan nun ámbito histórico que son grandes producións. Por último, o tomo que falta reúne por un lado os textos da época Abrente e, polo outro, monólogos e soliloquios, que son fórmulas teatrais concretas. Penso que esta clasificación ten sentido, teñen unha coherencia todos os libros. (…)
– P: Daquela o 17 de maio non dá vertixe?
– FM: Non, ho! Para nada. Ademais, este ano é un fasto moi contraditorio. Creo que ten algo positivo, descóbrese un escritor. O sistema literario galego nunca tivo a Vidal Bolaño como escritor e agora vai ter que admitilo pola forza das súas obras. E, ao mesmo tempo, penso que a Real Academia Galega o ignora. E penso que está bastante incómoda. Neste momento si, hai un mes ou dous, non. (…)”.
Arquivos da etiqueta: Francisco Macías
Santiago: presentación das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, e proxección de Doentes
Vila Nova de Cerveira: presentación do volume I da Obra completa de Roberto Vidal Bolaño
O
sábado 16 de marzo, ás 16:00 horas (hora portuguesa), na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerdeira, preséntase o volume I da Obra completa de Roberto Vidal Bolaño, publicada por Positivas. No acto, onde se falará do autor e da súa obra, participan Xosé Manuel Fernández Castro e Francisco Macías.
“Vivimos unha época na que o poder tenta que os parias sexan máis parias e máis derrotados”
Desde
Praza:
“”Canto se bota de menos a Vidal Bolaño! Porque dende logo el non ía estar calado diante desta situación nin ía deixar de facer teatro. E se cadra sacaba o nariz de pallaso que lles di aos poderosos o que os demais calamos”. Fala Belén Quintáns, unha das impulsoras da Asociación Roberto Vidal Bolaño que se presentará publicamente este marrtes ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela. Estamos no ano Vidal Bolaño, no que se lle dedica a celebración das Letras Galegas, e un ano ademais no que a lingua e cultura galegas e as artes escénicas se revolven contra os ataques e o trato inxusto recibido dende o Goberno galego.
A asociación leva meses traballando na súa posta en marcha, da man de Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro, Camilo Franco e a propia Belén Quintáns. Nesta segunda fase incorpóranse Antonio Durán “Morris”, o titiriteiro Jorge Rei, Antón Dobao, Luis Rei e Luciano Fernández -en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais-, Roberto Pascual -xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia-, Manuel Guede -director do CDG-, Laura Ponte e un representante da Federación Galega de Teatro Amateur. A asociación nomeará Presidente de Honra da Asociación ao estudoso do teatro e da obra de Roberto Vidal Bolaño Manuel Quintáns Suárez.”
Santiago: presentación de Balea2, de Estevo Creus
A Asociación Roberto Vidal Bolaño sobe o pano
“Nace
en Compostela a Asociación Roberto Vidal Bolaño, co obxectivo de promover a figura e a obra do autor dez anos despois da súa desaparición. O colectivo, que formaliza a súa inscrición como asociación cultural despois de postular con éxito o dramaturgo compostelán para a conmemoración do Día das Letras Galegas, está integrado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco.
Baixo a denominación de RVB 2013, a asociación proponse impulsar un programa de actividades nas que o teatro sexa protagonista fundamental, nas que se evidencie o valor literario da obra do dramaturgo e nas que se dean a coñecer os seus aspectos menos divulgados. Outro dos obxectivos que se propón esta asociación é realizar labores de orientación ou asesoría sobre a obra e a figura do escritor, fornecer de materiais para o ensino e canalizar as necesidades que poidan ter colectivos e particulares arredor de RVB, en especial no sector da educación. Tamén é intención da asociación realizar un labor de coordinación entre entidades organizadoras de actividades para evitar duplicidades nas celebracións.
Para todo isto, a Asociación Roberto Vidal Bolaño traballa xa na confección da web, que se presentará xunto coa propia asociación no Culturgal o domingo 2 de decembro ás 18:00 h. Mentres, a asociación anima ás persoas e colectivos que queiran achegarse á figura do dramaturgo a contactar con eles a través da dirección de correo-e: info@robertovidalbolano.org.” Desde Praza.
Vigo: presentación de Inflamables, de Samuel L. París
Vila Nova de Cerveira: presentación da colección DiVersos de Positivas
O
sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas locais, na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira, terá lugar a presentación conxunta da colección DiVersos de Edicións Positivas. No acto participarán Paula Carballeira, Estevo Creus, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Serxio Iglesias, Samuel L. París e o editor Paco Macías, acompañados pola música do grupo De outra margem.
A guerrilla editorial
“Hai
xa tres anos, un grupo de pequenos editores, coa característica común de residir na capital galega, xuntábanse para compartir gastos e organizar algunha actividade. Resultado deste encontro, Editores de Compostela está amosar nos últimos meses unha destacada creatividade á hora de achegar o libro aos lectores, con propostas como o Outlet do libro ou o Exprés Literario. A semente do colectivo, composto na actualidade por Edicións Positivas, Alvarellos, Sotelo Blanco e Urco, xurdiu no maxín de Francisco Macías, de Positivas. “Eu fixen un chamamento hai xa catro ou cinco anos no seo da Asociación Galega de Editores para contactar cos outras firmas de Compostela, fundamentalmente con vistas a compartir gastos como os de hotel ou transporte para irmos a feiras”, explica Macías. “Ao final a xuntanza non se daba feito, e hai cousa de tres anos conseguín reunirme con Quique Alvarellos e Chelo de Sotelo Blanco e botámolo andar. Despois coñecín a Tomás de Urco, que se sumou ao proxecto. A convocatoria segue aberta se alguén máis se quere integrar”, puntualiza. Henrique Alvarellos, pola súa banda apunta que “aínda que os integrantes, por dicilo dalgún xeito, somo catro, sumamos colaboracións puntuais con outros selos da cidade, e estamos abertos a aproveitar sinerxias a nivel de comunicación ou de asistencia a feiras”. (…)”. Desde Cultura Galega.
“Positivas publicará en xaneiro a obra completa de Vidal Bolaño”
“Roberto
Vidal Bolaño estreou moito e publicou menos. E o publicado quedou disperso en editoriais diferentes e con edicións a estas alturas esgotadas. No 2013 o Día das Letras Galegas estará dedicado a esta figura convertida en referente principal do teatro galego. Para ir cubrindo eivas, Edicións Positivas ten previsto ter publicado no mes de xaneiro próximo as obras completas do escritor. A intención desta colección de Positivas é reunir en seis volumes toda a obra de Vidal Bolaño, seguindo o criterio de épocas artísticas fixado por Xosé Manuel Fernández Castro no seu libro sobre a traxectoria do dramaturgo publicado por Laiovento. Os seis volumes irán agrupando as obras seguindo ese criterio artístico e temporal, aínda que segundo o editor, Francisco Macías, «algunha das épocas terán que estenderse en máis dun volume». A intención desta colección de obras é que sexa moi asequible. Macías explica que, de acordo coa familia de Vidal Bolaño, teñen a «intención de facer unhas obras completas moi manexables desde o punto de vista do formato e economicamente igual de asequible». (…)” Desde La Voz de Galicia.




