Novidades de Galicia Encantada

“Para  Galicia encantada celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, na rede desde marzo 2005, fixemos (de momento) dúas cousas:
– Renovamos a estética e a organización dos contidos da web.
Nova imaxe con debuxos de Noemí López. Novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”, e melloramos a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrollos Lugonet.
– Publicamos un libro: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, unha edición con ilustracións de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía, Isidro Novo ou Adela Figueroa.”

Entregáronse os XXII Premios Irmandade do Libro

Desde Sermos Galiza:
““Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, foi recoñecida como Mellor Obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte.
O libro e a lectura son os protagonistas desta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego”, alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvolvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”.
Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero.
As Guías da Natureza de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”.
Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de María Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura.”

Galicia encantada: As empanadillas do moribundo

“Lenda urbana?: As empanadillas do moribundo. Se coñecedes esta historia ao algunha outra parecida, escribide a correo@galiciaencantada.com e contádeo.”

“Un pobre paisaniño do Courel (Lugo) estaba moi maliño deitado na súa cama cando sentiu o olor da comida que máis lle gustaba, as empanadillas que lle facía a súa muller.
A pesar do seu estado, non o puido resistir; ergueuse da cama, baixou as escaleiras e foi dereitiño á cociña. E alí estaban, sobre unha mesado de madeira, nun prato a reverquer, unhas empanadillas recén feitas e quentiñas.
Máis cando lle bota a man a unha para levala á boca, alguén bateulle na caluga con algo contundente:
—Que fas?
O home desplómase como consecuencia do golpe e da súa enorme debilidade, pero cando xira a cabeza para ver quen o acosa ve a súa muller cun cullerón de ferro na man, disposta a repetir o golpe, e berrándolle:
—Nin se che ocorra comelas que son para o velorio!”