Dez anos encantados

ReportaxeGalicia encantada en Cultura Galega:
“Seres míticos, historias sobre topónimos, xogos ou lendas urbanas. O web Galicia Encantada acaba de facer, pasado 5 de marzo, unha década a compilar os máis variados exemplos da nosa literatura oral na rede. Un proxecto único nado da man de Antonio Reigosa que busca garantir a transmisión de historias condenadas doutro xeito ao esquecemento.
Cando hai unha década botaba a andar o portal Galicia Encantada, o seu responsable, Antonio Reigosa, non pensaba que puidese dar no que deu. “A verdade é que eu cría que podía ter certo futuro, pero non chegar a imaxinar que fose o que é. A idea era buscar novos xeito de transmisión para a literatura de tradición oral”. Daquela, segundo asegura, “parecíame que a rede, que non era o mesmo que é hoxe, podía chegar de xeito particular á xente máis nova, e a idea era buscar a transmisión deste patrimonio por esa vía”. Unha década depois, e a ollar as dimensións que acadou o proxecto, Reigosa recoñece que “durante os primeiros catro ou cinco anos levaba a conta de cantos artigos publicabamos, pero a partir de determinado momento deixei de o facer. Porque nalgúns casos dinme conta que era máis interesante fundir determinados textos, que achegaban unha visión máis completa sobre un tema. Ao mellor podemos falar de máis de tres mil entradas, pero a verdade é que non o sei”, apunta.
Colaboracións
A colaboración dos lectores revelouse como fundamental para o desenvolvemento do web neste tempo. Para o coordinador do proxecto, ademais, facilitou unha maior pluralidade de visións. “Sempre que se recolle un documento hai unha alteración, unha deturpación, e se ademais só hai un intermediario único, acabáselle dando unha orientación a ese material. Entón o ideal é que os transmisores ou intermediarios próximos a eles poñan ese patrimonio en circulación, e nese sentido a participación colectiva en Galicia Encantada evita tamén determinados nesgos”. Neste sentido, o proxecto contou ao longo deste tempo con achegas dunhas 150 persoas, que van desde aquelas que enviaron unha única historia ata outras que participan habitualmente como Xabier Moure. Como a amosar a importancia que poden chegar a ter estas contribucións, Reigosa lembra as historias que un neto dun galego emigrado en Arxentina lle enviou hai xa varios anos. “Mandoume varias lendas que lle contara o seu avó de San Amaro en Ourense, unha aldea na que xa non vive ninguén desde hai anos. Así, desde emigración chegounos un patrimonio que doutro xeito non podería conservarse”.
O libro
Como principal conmemoración do aniversario, acaba de saír publicado da man de Xerais Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías. O proxecto escolma un cento dos contos que se poden atopar na rede. “Con este formato queremos chegar a públicos que poden non estar afeitos a empregar Internet”, explica. A selección de historias pretende representar os diferentes elementos que están no web. “Hai relatos da maioría das seccións”, desde lendas tradicionais a urbanas, •e téntase tamén achegar textos recollidos en diferentes lugares da xeografía”. Desta escolla, aproximadamente a metade corresponde aos colaboradores que participan de xeito voluntario no proxecto.
Novidades
Canda a isto, o portal conta cunha nova sección, Aulas do imaxinario que busca achegar materiais específicos pensados para o seu emprego nos centros de ensino. “Permite integrar directamente traballos escolares ou de investigación no web mediante un formulario. Acéptase calquera formato e permite intervir directamente no web”. Ademais, un novo mapa permite localizar os lugares nos que se recollen as narracións. E é que Galicia Encantada está a servir para moito máis que para deixar constancia deste patrimonio inmaterial, e fíxose unha ferramenta fundamental para educadores e investigadores. “Todo o mundo que está relacionado coa tradición oral coñece a páxina e moita xente emprégaa para consultas. Xa aparece na bibliografía de diferentes traballos,investigadores portugueses emprégana para atopar paralelos ás tradicións que coñecen no norte do país. Tamén chegan artigos e colaboracións de xente de León, Asturias ou Zamora que amosan que culturalmente somos o mesmo”. De feito, o portal conta cunha sección, chamada Veciñanzas dedicada a recolle contribucións de zonas próximas ao noso país. No entanto, segundo recoñece Reigosa, “a maior alegría para min é saber do uso regular e frecuente no ámbito escolar dos contidos do web. Aínda que sexa a través do profesor, deste xeito cúmprese o obxectivo de que este material chegue á xente nova”.
Proxectos
De cara o ao futuro, e canda a ese obxectivo de favorecer a difusión destes contidos entre a mocidade e no ámbito escolar, Galicia Encantada prevé fundamentalmente “seguir facendo arquivo”. Un ámbito no que, segundo sinala o coordinador deste proxecto, aínda é posible atopar novidades. “Un pensa que cos anos vai sabendo algo da estrutura sobre a que se constrúe a cultura popular, pero sempre aparecen sorpresas, variantes que non se agardan”. Aínda recentemente o proxecto incorporou a historia do rito de curación cun alicornio, que un informante recolleu directamente dunha muller que aínda hoxe o realiza e emprega este amuleto. “Ao comezo ela non quería divulgalo, e non o publicamos, pero logo deu permiso, e agora temos unha entrada, con foto e todo, na que se recolle este material”, explica Reigosa. Canda a incrementar o material, a idea é “traballar máis a interpretación deste patrimonio, achegar artigos ou visións de especialistas, na liña da revista que publicamos en rede.”

Galicia Encantada cumpre 10 anos

DesdeGalicia encantada Galicia Encantada:
“Este xoves, 5 de marzo, sumamos 10 anos enredando cos encantos de Galicia. Unha década de traballos que serviron para coñecervos a moitos de vós, polo que aproveito esta ocasión para agradecervos tanto agarimo e colaboración.
Sabedes que para celebrar este aniversario editamos o libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías que andamos presentando polo país.
Aquí tes algo de información sobre o libro.”

Entrevista a Antonio Reigosa no Diario Cultural

Desde Antonio Reigosao Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Antonio Reigosa arredor do proxecto Galicia Encantada, que celebra o seu décimo aniversario coa publicación do libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, en Xerais.”

Lugo: presentación de Galicia Encantada, de Antonio Reigosa

OAntonio Reigosa martes 10 de febreiro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Noemí López e Manuel Bragado, quen manterán un faladoiro con J. Manuel Blanco Prado, Xosé María Carricoba, María Celina Cruz, Adela Figueroa, Xosé María Gómez Vilabella, Xabier Moure e Isidro Novo.

Novidades de Galicia Encantada

“Para  Galicia encantada celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, na rede desde marzo 2005, fixemos (de momento) dúas cousas:
– Renovamos a estética e a organización dos contidos da web.
Nova imaxe con debuxos de Noemí López. Novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”, e melloramos a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrollos Lugonet.
– Publicamos un libro: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, unha edición con ilustracións de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía, Isidro Novo ou Adela Figueroa.”

Entregáronse os XXII Premios Irmandade do Libro

Desde Sermos Galiza:
““Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, foi recoñecida como Mellor Obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte.
O libro e a lectura son os protagonistas desta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego”, alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvolvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”.
Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero.
As Guías da Natureza de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”.
Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de María Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura.”

Galicia encantada: As empanadillas do moribundo

“Lenda urbana?: As empanadillas do moribundo. Se coñecedes esta historia ao algunha outra parecida, escribide a correo@galiciaencantada.com e contádeo.”

“Un pobre paisaniño do Courel (Lugo) estaba moi maliño deitado na súa cama cando sentiu o olor da comida que máis lle gustaba, as empanadillas que lle facía a súa muller.
A pesar do seu estado, non o puido resistir; ergueuse da cama, baixou as escaleiras e foi dereitiño á cociña. E alí estaban, sobre unha mesado de madeira, nun prato a reverquer, unhas empanadillas recén feitas e quentiñas.
Máis cando lle bota a man a unha para levala á boca, alguén bateulle na caluga con algo contundente:
—Que fas?
O home desplómase como consecuencia do golpe e da súa enorme debilidade, pero cando xira a cabeza para ver quen o acosa ve a súa muller cun cullerón de ferro na man, disposta a repetir o golpe, e berrándolle:
—Nin se che ocorra comelas que son para o velorio!”