Lugo: Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria, o 3 de abril

A Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.

O Programa previsto é o seguinte:
– 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo.
Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa.
Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín.
Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda.
Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana Carreira, Celso Sanmartín e Benxamín Otero.
A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua.

Compostela: Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia XV. A lectura inclusiva

A xanela de Gálix. Xavier Estévez

Entrevista a Xavier Estévez en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Xavier Estévez (XE): A nosa fortaleza é o inmenso talento que hai en Galicia. Temos creadores cun fecundo mundo literario que paga a pena descubrir.
A nosa debilidade diría que é, por un lado o pouco que se respecta o noso traballo dende o eido institucional, e por outro, que a LIX galega dependa tanto do sector educativo. Non deberíamos depender tanto das lecturas nos centros escolares.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución?
– XE: O galego está en retroceso. A lectura tamén. Se xuntamos as dúas cousas temos un futuro que non é esperanzador. As redes sociais interromperon a evolución que debería ter seguido a nosa literatura cara arriba. E non lle vexo moita solución.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– XE: Non se coñece o suficiente. Sacando un par de nomes propios penso que o resto somos bastante descoñecidos para o público xeral. Respéctase o noso traballo, pero o descoñecemento é un problema que debemos resolver. (…)”

Compostela: Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia XIV. Os movementos migratorios na LIX

Compostela: entrega do Premio Arume a Beatriz Dourado e presentación de Versos (a)variados, de Pablo Nogueira Campo

Gálix e o Concello de Pontevedra renden homenaxe a Fina Casalderrey cunha exposición

“A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil foi a encargada de elaborar para o Concello de Pontevedra unha exposición sobre a escritora Fina Casalderrey, candidata ao premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e ao premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido este último como o “Nobel da Literatura Infantil”. A exposición, que se colocará na Praza da Ferraría, inaugurarase o vindeiro 18 de abril, nun acto que comezará ás 12 da mañá e no que estará presente a autora. Poderá visitarse ata o 18 de maio.
A mostra, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título Fina Casalderrey: medrando entre historias e está composta por 20 paneis que narran o seu percurso vital e literario. Son as propias palabras de Fina as que serven de fío condutor da exposición, ao destacar declaracións e anécdotas que ofreceu en diferentes ocasións e medios ao longo da súa carreira. Desta maneira retrátase unha autora referente da nosa literatura contemporánea que, xunto con outras compañeiras e compañeiros de xeración, asentou as bases da literatura infantil e xuvenil en galego. Tamén se presta atención ao seu traballo noutros xéneros e, especialmente, ao seu labor como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida e que ela mesma recoñece que estivo intimamente ligado aos seus inicios na escrita.
Dende Gálix agradecen a iniciativa do Concello de Pontevedra e consideran esta homenaxe un recoñecemento merecido que contribuirá a achegar á cidadanía a palabra e figura de Fina Casalderrey.”