Do 1 ao 4 de xuño desenvólvense a sexta edición dos Diálogos Literarios de Mariñán, no Pazo do mesmo nome situado en Bergondo (A Coruña). Baixo a coordinación de Román Raña intervirán este ano nas xornadas os escritores Gonzalo Navaza, Dolores Vilavedra, Antón Riveiro Coello, Xurxo Borrazás, Xavier Rodríguez Baixeras, Manuel Rivas e José Saramago. Organiza a Fundación Carlos Casares. Podedes descargar o díptico coa programación picando nesta ligazón.
Arquivos da etiqueta: Gonzalo Navaza
Gañadores dos Premios AELG 2009

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2008 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.
Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.
Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG. Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2008 son:
Ensaio: Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina (Galaxia)

Literatura Infantil e Xuvenil: Xabier P. DoCampo, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia)
Poesía: Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán)
Narrativa: Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia)
Tradución: Gonzalo Navaza, pola tradución da obra As flores do mal, de Charles Baudelaire (Galaxia)
Teatro: Teresa Moure, pola súa obra Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña)

Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní

Blog Literario: Marcos Valcárcel, polo seu blog As uvas na solaina
Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense

Escritora Galega Universal: Elena Poniatowska
Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias: Vídeo
Lectura e entrega dos Premios AELG 2009: Vídeo
(Vídeos retransmitidos en streaming durante a Cea das Letras no portal Blogaliza)
Gondomar: encontro co escritor Gonzalo Navaza
Espazo Lectura, en colaboración coa librería Libraida e Edicións Xerais de Galicia, convocan para este martes 5 de maio o Club de Lectura Sete Vidas co presenza do escritor Gonzalo Navaza. O club de lectura Sete Vidas centrarase no libro de relatos Erros e tánatos de Gonzalo Navaza, publicado por Xerais. A sesión terá dúas partes, unha primeira, ás 20.00 h, na Biblioteca de Gondomar, onde os asistentes falarán libremente sobre o libro; e unha segunda parte, ás 21.00 h, na libraría Libraida, aberta a quen o desexe, onde haberá un encontro co escritor e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, que nos falará desta e doutras obras súas. O escritor Gonzalo Navaza, natural de Lalín, reside desde hai varios anos na parroquia de Peitieiros, en Gondomar.
Homenaxe a Ramiro Fonte
A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz nº 21, acollerá mañá venres 17 de abril, a partir das 19,30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Ramiro Fonte.
O acto iniciarase coa actuación musical do “Grupo Instrumental Siglo XX”. A continuación, celebrarase un recital poético con participación de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en prensa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.