A Coruña: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”

OEduardo Estévez mércores 2 de decembro, ás 20:30 horas, en Linda Rama (Porta de Aires, 4), na Coruña, preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto, xunto aos autores, participará unha persoa representante de editora e os músicos Belén Bermejo e Andrés Díaz.

Eduardo Estévez: “Non me interesa dar imaxe de escritor sufrinte que iso tamén é, á fin e ao cabo, outro tópico”

EntrevistaEduardo Estévez de Montse Dopico a Eduardo Estévez en Praza:
“(…) – Praza (P): entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?
– Eduardo Estévez (EE): Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.
Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos. (…)
– P: Por que a idea da construción sae tanto na túa obra, entón?
– EE: Eu penso moito en como fago o que fago. Interésame moito o proceso, a construción. E tamén a construción que cada un fai de si mesmo. Interésanme os procesos máis que os resultados. Desfruto moito co proceso de construción dos libros. Agora estou co proxeto de baleas, que creo que é un dos mellores libros que escribín. É un work-in-progress que fun publicando en internet, con todas as versións de todos os poemas. Se cadra o publico tamén en papel. (…)
– P: lúa gris ten algunha conexión con en construción: a casa, as pegadas, a ausencia… Que relación teñen? Ou a idea de lúa gris era máis ben outra?
– EE: lúa gris é o máis parecido a un libro autobiográfico. Naceu dun soño no que aparecía a casa da miña infancia pero derruída. Afortunadamente a casa segue en pé, pero a imaxe serviume de escusa para facer o libro sobre a infancia e a adolescencia. Tanto ten se o que se conta ten un correlato biográfico estrito ou non. Mirado con ollos xornalísticos hai poemas que falan de cousas que aconteceron e outros que son construcións imaxinarias. E mesmo os que falan de cousas que aconteceron son tamén construcións imaxinarias, claro… (…)”

Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 22

OFeira do Libro de Foz 2015 sábado 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz no seu penúltimo día (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación do libro De paseo con Crunia, de Cristina Corral Meilán, publicado por Embora. Ao finalizar, a autora asinará exemplares da súa obra.
19:30 h. O fotógrafo Ignacio Castro, “Nachok”, asinará exemplares do libro Entrar na casa, con poemas de Eduardo Estévez, publicado por Estaleiro, na caseta da Libraría Bahía.
20:00 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participan, xunto ao autor, Cándido Meixide e os mariñeiros Ton de Chao e Ricardo “Ridó”.
21:00 h. David Pobra, autor de Liña azul, publicado en Xerais, conversará sobre o detective Palmeira, protagonista da súa obra.

Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do martes 11

OAgosto cultural Cee martes 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:30 h. Presentación do libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro, nun acto presentado por Serxio Iglesias.
20:30 h. Modesto Fraga asina exemplares do seu libro Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015, na caseta da Libraría Á lus do candil.
21:15 h. Pregón da Feira a cargo de María Canosa, acompañada por Yolanda García Leal e Ramón Vigo Sambade.

Compostela: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e fotografías de Ignacio Castro, “Nachok”

OEduardo Estévez venres 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase o libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro. No acto, xunto aos autores, participa Alba Viñas.

Ourense: exposición Fóra de campo, no Outono Fotográfico 2013

Do martes 3 ao xoves 19 de decembro, na Galería Visol (Rúa San Domingos, 33) de Ourense, e con horarios de martes a venres, de 18:30 a 21:00 horas, e sábados de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 21:00 horas, dentro do Outono Fotográfico 2013, estará aberta a exposición Fóra de campo, que nace como un proxecto colectivo co que se pretende reflexionar e crear ao redor da fotografía e os seus límites. O grupo está formado por Caxigueiro, Eduardo Estévez, Ernesto González Torterolo e Nachok, propón un achegamento a esta disciplina explorando as posibilidades que poden ofrecer outras linguaxes artísticas (pintura, escultura, videocreación e poesía) na procura de lecturas menos convencionais. A inauguración terá lugar o martes 3 de decembro ás 20:00 horas.