O 27 de outubro de 2024, o xurado do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, dentro da IX Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo; e Roberto Pascual, dramaturgo, docente e investigador; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e recibir as votacións dos grupos participantes, decidiu que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña ao longo de 2025-2026 sexa:
Arquivos da etiqueta: Isabel Milhanas Machado
Propostas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal
Estas son as propostas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizado pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, o Camões-Centro Cultural Português em Vigo, e a subvención da Deputación da Coruña.
O 21 de outubro de 2024, tras varias deliberacións a través de medios virtuais, o xurado do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; e Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo, decidiu que as pezas escollidas para esta nova edición do Festival, que terá lugar o 27 de outubro na Coruña, sexan as seguintes:
Propostas galegas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024 (por orde alfabética do nome da proposta):
– A VELHA BERIMBAU, de Sol Mariño.
– EN CARNE VIVA, de Andrea González García.
– NÉMESE EN TRÁNSITO, de Paula Sanmartín Juncal.
– NINGUÉN TIRA FOTOS NOS ENTERROS, de Carlota Mosquera.
Propostas portuguesas escollidas para o VII Festival Peças de um Teatro do Porvir 2024 (por orde alfabética do nome da proposta):
– CARTA À MÃE, de Luís Campião.
– POR FAVOR NÃO MEXER/POR FAVOR NÃO TOCAR. de Nuna.
– UMA HISTÓRIA, de Isabel Milhanas Machado.
O xurado quere manifestar a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, 10 galegas e 4 portuguesas, seguindo as bases da convocatoria, dispoñíbeis aquí.
IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal
A IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Camões-Centro Cultural Português em Vigo, terá lugar o domingo 27 de outubro de 2024 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, baixo o título de As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas. A entrada é libre e gratuíta para calquera persoa interesada que queira acudir como público.
As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar cunha estrea nun teatro algún dos proxectos presentados no Festival.
Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2024 propuxemos o tema “As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas”. Unhas das premisas fundamentais para a creación escénica é a liberdade. Por outra banda, no caso das artes vivas (teatro, danza, circo e formas híbridas) a súa esencia é a do encontro comunitario, no que non só se trata de entreter, senón tamén de transcender a nivel de coñecemento e de espírito crítico, fomentando a emancipación das persoas.
Parécenos que é importante reflexionar sobre cales son os desafíos e os perigos que deben enfrontar as artes escénicas neste contexto. Para iso, o noso convidado de honra vai ser Roberto Pascual, dramaturgo, investigador, docente e director artísticos durante unha década e media (2009-2024) da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, quen se ten caracterizado por realizar programacións cun alto compromiso humano respecto aos valores de liberdade, diversidade e inclusión de colectivos marxinalizados. Así o fixo tamén na súa ópera prima, coa que acadou o Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2021, titulada Sophie non é o meu nome de guerra.
VII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2024
Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta sétima edición do festival acollemos 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo, e o convidado de honra, Roberto Pascual, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.
PROGRAMA
DOMINGO 27 DE OUTUBRO
– 10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.
VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
– 10:30 h. Nuna. Por Favor não mexer/Por favor não tocar.
– 11:00 h. Intervalo.
– 11:15 h. Paula Sanmartín. Némese en tránsito.
– 11:45 h. Intervalo.
– 12:00 h. Andrea González García. En carne viva.
– 12:30 h. Intervalo.
– 12:45 h. Aula maxistral a cargo de Roberto Pascual.
VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).
– 16:30 h. Isabel Milhanas Machado. Uma história.
– 17:00 h. Intervalo.
– 17:15 h. Luís Campião. Carta à mãe.
– 17:45 h. Intervalo.
– 18:00 h. Carlota Mosquera. Ninguén tira fotos nos enterros.
– 18:30 h. Intervalo.
– 18:45 h. Sol Mariño. A Velha Berimbau.
– 19:30 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; e Roberto Pascual, contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados.
Crónica videográfica da VI Xornada de Literatura Dramática (III)
A VI Xornada da Sección de Literatura Dramática. Artes escénicas e comunidade en tempo de distancias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os seguintes vídeos:
– Festival Pezas dun teatro do porvir. 4. Ditados ou o ter de acabar, de Isabel Milhanas Machado:
– Festival Pezas dun teatro do porvir. 5. Raigame, de Sara Guerrero Alfaro:
– Festival Pezas dun teatro do porvir. 6. Meu rei, de Daniel González Lamoso:
Crónica videográfica da V Xornada de Literatura Dramática (VI)
A V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias foi unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña e o Centro Camões de Vigo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:
– III Festival Pezas dun teatro do porvir. Obras portuguesas:
V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias
A V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias é unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.
As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de pór en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para reivindicar, apuntar ou interrogar a comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Sen necesidade de nos afastarmos moito, nin no tempo nin no espazo, levamos enfrontado, polo menos, dúas crises importantes: a crise económica que comezou arredor do ano 2008 e que usurpou moitos dereitos ao longo de case unha década, e agora, en 2020, a crise do coronavirus, Covid-19, e a declaración por parte do Goberno español do Estado de Alerta, recentralizador e confinador.
Tanto nunha como na outra crise estamos vendo que se establece unha orde de prioridades que adoita deixar en segundo plano necesidades básicas, que están na constitución do humano, como a realización cultural nas súas diversas e complementarias expresións.
Malia as prioridades que se poidan establecer nunha situación de alarma, cremos que estas non se deben utilizar para desprazar ou ignorar outros dereitos nin para descoidar asimetrías e necesidades como, por exemplo, o emprego da lingua galega nun territorio no cal se ve minorizada, as revindicacións do feminismo ou a produción e o acceso á cultura e ás artes.
No ámbito cultural, polas súas circunstancias colaborativas e dependentes de medios, as artes escénicas, o teatro e a danza, entre elas, sofren unha continua precarización. No entanto, nesta última crise, de emerxencia sanitaria, en que o confinamento foi o medio de loita contra a pandemia, puido comprobarse como as persoas necesitan estímulos e alicientes para cultivar e alimentar non só partes do seu corpo, senón tamén órganos como o cerebro, o sistema nervioso, e todo iso que, se callar, metaforicamente chamamos espírito, mais que é unha parte integral do corpo e da saúde. Non só se trata da saúde do sistema respiratorio, que pode ser atacado por un coronavirus, senón tamén doutros sistemas interconectados do corpo, que necesitan a medicina das artes, da literatura, do teatro, da danza, do cinema, da música, etc.
Estamos no momento de facer un diagnóstico non só do sistema público de saúde para enfrontar pandemias, mais tamén do sistema público de cultura e arte.
Estamos no momento, tamén, de ver como as literaturas producidas non só por e para o teatro, mais tamén por e para a danza, o circo, a ópera, a performance, etc. responden e actúan ante situacións de crise e alarma. Unha revisión e unha reflexión que contribúa, quizais, non só a xerar conciencia sobre a importancia da cultura para a saúde e o benestar común, mais tamén para afortalar ese sistema público de cultura e artes, que, até o de agora, na nosa contorna, sempre foi minimizado, recortado e marxinalizado.
Esta é a proposta arredor da cal xirarán os relatorios e as mesas de debate da V Xornada de Literatura Dramática da AELG. Unha proposta que, con certeza, ha encontrar os seus ecos e reflexos nalgúns dos procesos creativos que se van presentar no Festival Pezas dun Teatro do Porvir, porque, como xa sinalamos, as artes vivas nunca se mantiveron alleas ás cuestións máis acuciantes de cada época.
Por outra banda, un dos elos fundamentais desta V Xornada é servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Cómpre facilitarmos, visibilizarmos, abrirmos espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción.
Coa alegría dun nacemento, celebrámolo a xeito de festival e chamámoslle PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL, que, neste 2020, ampliamos a 7 os proxectos que serán amosados e compartidos en público. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua. Para promovermos as sinerxías e o diálogo, abrimos este III FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL a 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal.
Este ano, debido á situación derivada da pandemia da Covid-19, o formato será virtual. As persoas interesadas poderán ver a transmisión en directo na canle de Youtube da AELG, nesta ligazón.
Terá lugar o 20 de novembro de 2020 pola tarde e o 21 de novembro pola mañá directamente desde internet, na canle indicada anteriormente.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
PROGRAMA
SEXTA FEIRA, VENRES, 20 DE NOVEMBRO
Emisión en directo desde a canle de Youtube da AELG.
– 16:30 Apertura da IV Xornada.
Interveñen:
– Rómulo Sanjurjo, Director da Área de Cultura do Concello da Coruña.
– Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
– 16:45 Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises.
Presentación e moderación: Afonso Becerra.
Interveñen: Branca Novoneyra e AveLina Pérez.
– 17:50 Mesa redonda A cultura é un ben necesario en tempos de crise?
Presentación e moderación: Cilha Lourenço Módia.
Interveñen: Mercedes Queixas e Mercedes Rosón.
– 19:15 Aula maxistral a cargo de Mickael de Oliveira. Dramaturgo e Director artístico do END, Festival Encontros de Novas Dramaturgias de Portugal. Presentación a cargo de Afonso Becerra.
SÁBADO 21 DE NOVEMBRO
Desde a canle de Youtube da AELG.
Entre as 09:55 e as 13:30.
III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 7 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, para teatro, danza, circo ou outras modalidades escénicas, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou unha mostra desta. 4 proxectos de Galiza e 3 proxectos de Portugal.
Este festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai mostrar.
Neste 2020, o formato será virtual, polo que se publicarán previamente uns vídeos de cada proposta das/os dramaturgas/os ou equipas de dramaturxia na canle de Youtube da AELG. O propio día 21, nas franxas horarias que sinalamos a continuación, retransmitirase cada vídeo e haberá unha conversa por videoconferencia duns 15 minutos cos/as autores/as, onde se lle trasladarán os comentarios máis relevantes publicados previamente na canle de Youtube. Deste xeito, búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabamento desas pezas en proceso. Neste sentido, animávosvos a que comentedes as vosas opinións na propia canle de Youtube, de cara a facilitar e contribuír a que o seu proceso de creación poida abrirse ás vosas ideas, pensamentos e perspectivas.
Estas son as pezas escollidas, e os horarios en que terá lugar o visionado dos vídeos enviados previamente e a conversa posterior, sempre o día 21 de novembro na canle de Youtube da AELG:
– De 09:55 a 10:00 h. (Galiza). De 08:55 a 09:00 h. (Portugal). Breve presentación do Festival de Pezas 2020.
Obras galegas:
– De 10:00 a 10:30 h. (Galiza). De 09:00 a 10:00 h. (Portugal). Mudras familiares. Borja Fernández. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 10:30 a 11:00 h. (Galiza). De 09:30 a 10:00 h. (Portugal). Mulleres que bailan na néboa. Ana Abad de Larriva. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 11:00 a 11:30 h. (Galiza). De 10:00 a 10:30 h. (Portugal). Museo-viveiro. Helena Salgueiro.
– De 11:30 a 12:00 h. (Galiza). De 10:30 a 11:00 h. (Portugal). Vendo Opel Corsa. Pornós Teatro: Alba Pérez, Carlota Mosquera, Lucas Simón, Lydia Prada, Noelia González, Uxía Algarra e Yago Durán.
Obras portuguesas:
– De 12:00 a 12:30 h (Galiza). De 11:00 a 11:30 h. (Portugal). Anti-Benjamin. Ricardo Cabaça. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 12:30 a 13:00 h (Galiza). De 11:30 a 12:00 h. (Portugal). Declaração de Amor. Isabel Milhanas Machado. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 13:00 a 13:30 h (Galiza). De 12:00 a 12:30 h. (Portugal). DIY. Projeto Casa: Cátia Faísco.
Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.