V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias

A V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias é unha actividade organizada pola AELG co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de pór en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para reivindicar, apuntar ou interrogar a comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Sen necesidade de nos afastarmos moito, nin no tempo nin no espazo, levamos enfrontado, polo menos, dúas crises importantes: a crise económica que comezou arredor do ano 2008 e que usurpou moitos dereitos ao longo de case unha década, e agora, en 2020, a crise do coronavirus, Covid-19, e a declaración por parte do Goberno español do Estado de Alerta, recentralizador e confinador.
Tanto nunha como na outra crise estamos vendo que se establece unha orde de prioridades que adoita deixar en segundo plano necesidades básicas, que están na constitución do humano, como a realización cultural nas súas diversas e complementarias expresións.
Malia as prioridades que se poidan establecer nunha situación de alarma, cremos que estas non se deben utilizar para desprazar ou ignorar outros dereitos nin para descoidar asimetrías e necesidades como, por exemplo, o emprego da lingua galega nun territorio no cal se ve minorizada, as revindicacións do feminismo ou a produción e o acceso á cultura e ás artes.
No ámbito cultural, polas súas circunstancias colaborativas e dependentes de medios, as artes escénicas, o teatro e a danza, entre elas, sofren unha continua precarización. No entanto, nesta última crise, de emerxencia sanitaria, en que o confinamento foi o medio de loita contra a pandemia, puido comprobarse como as persoas necesitan estímulos e alicientes para cultivar e alimentar non só partes do seu corpo, senón tamén órganos como o cerebro, o sistema nervioso, e todo iso que, se callar, metaforicamente chamamos espírito, mais que é unha parte integral do corpo e da saúde. Non só se trata da saúde do sistema respiratorio, que pode ser atacado por un coronavirus, senón tamén doutros sistemas interconectados do corpo, que necesitan a medicina das artes, da literatura, do teatro, da danza, do cinema, da música, etc.
Estamos no momento de facer un diagnóstico non só do sistema público de saúde para enfrontar pandemias, mais tamén do sistema público de cultura e arte.
Estamos no momento, tamén, de ver como as literaturas producidas non só por e para o teatro, mais tamén por e para a danza, o circo, a ópera, a performance, etc. responden e actúan ante situacións de crise e alarma. Unha revisión e unha reflexión que contribúa, quizais, non só a xerar conciencia sobre a importancia da cultura para a saúde e o benestar común, mais tamén para afortalar ese sistema público de cultura e artes, que, até o de agora, na nosa contorna, sempre foi minimizado, recortado e marxinalizado.
Esta é a proposta arredor da cal xirarán os relatorios e as mesas de debate da V Xornada de Literatura Dramática da AELG. Unha proposta que, con certeza, ha encontrar os seus ecos e reflexos nalgúns dos procesos creativos que se van presentar no Festival Pezas dun Teatro do Porvir, porque, como xa sinalamos, as artes vivas nunca se mantiveron alleas ás cuestións máis acuciantes de cada época.
Por outra banda, un dos elos fundamentais desta V Xornada é servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Cómpre facilitarmos, visibilizarmos, abrirmos espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción.
Coa alegría dun nacemento, celebrámolo a xeito de festival e chamámoslle PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL, que, neste 2020, ampliamos a 7 os proxectos que serán amosados e compartidos en público. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua. Para promovermos as sinerxías e o diálogo, abrimos este III FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL a 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal.

Este ano, debido á situación derivada da pandemia da Covid-19, o formato será virtual. As persoas interesadas poderán ver a transmisión en directo na canle de Youtube da AELG, nesta ligazón.
Terá lugar o 20 de novembro de 2020 pola tarde e o 21 de novembro pola mañá directamente desde internet, na canle indicada anteriormente.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

PROGRAMA

SEXTA FEIRA, VENRES, 20 DE NOVEMBRO
Emisión en directo desde a canle de Youtube da AELG.

– 16:30 Apertura da IV Xornada.
Interveñen:
– Rómulo Sanjurjo, Director da Área de Cultura do Concello da Coruña.
– Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

– 16:45 Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises.
Presentación e moderación: Afonso Becerra.
Interveñen: Branca Novoneyra e AveLina Pérez.

– 17:50 Mesa redonda A cultura é un ben necesario en tempos de crise?​
Presentación e moderación: Cilha Lourenço Módia.
Interveñen: Mercedes Queixas Mercedes Rosón.

– 19:15 Aula maxistral a cargo de Mickael de OliveiraDramaturgo e Director artístico do END, Festival Encontros de Novas Dramaturgias de Portugal. Presentación a cargo de Afonso Becerra.

SÁBADO 21 DE NOVEMBRO
Desde a canle de Youtube da AELG.
Entre as 09:55 e as 13:30.

III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.
Convocatoria aberta a 7 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, para teatro, danza, circo ou outras modalidades escénicas, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou unha mostra desta. 4 proxectos de Galiza e 3 proxectos de Portugal.
Este festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai mostrar.
Neste 2020, o formato será virtual, polo que se publicarán previamente uns vídeos de cada proposta das/os dramaturgas/os ou equipas de dramaturxia na canle de Youtube da AELG. O propio día 21, nas franxas horarias que sinalamos a continuación, retransmitirase cada vídeo e haberá unha conversa por videoconferencia duns 15 minutos cos/as autores/as, onde se lle trasladarán os comentarios máis relevantes publicados previamente na canle de Youtube. Deste xeito, búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabamento desas pezas en proceso. Neste sentido, animávosvos a que comentedes as vosas opinións na propia canle de Youtube, de cara a facilitar e contribuír a que o seu proceso de creación poida abrirse ás vosas ideas, pensamentos e perspectivas.

Estas son as pezas escollidas, e os horarios en que terá lugar o visionado dos vídeos enviados previamente e a conversa posterior, sempre o día 21 de novembro na canle de Youtube da AELG:

– De 09:55 a 10:00 h. (Galiza). De 08:55 a 09:00 h. (Portugal). Breve presentación do Festival de Pezas 2020.

Obras galegas:
– De 10:00 a 10:30 h. (Galiza). De 09:00 a 10:00 h. (Portugal). Mudras familiares. Borja Fernández. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 10:30 a 11:00 h. (Galiza). De 09:30 a 10:00 h. (Portugal). Mulleres que bailan na néboa. Ana Abad de Larriva. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 11:00 a 11:30 h. (Galiza). De 10:00 a 10:30 h. (Portugal). Museo-viveiro. Helena Salgueiro.
– De 11:30 a 12:00 h. (Galiza). De 10:30 a 11:00 h. (Portugal). Vendo Opel Corsa. Pornós Teatro: Alba Pérez, Carlota Mosquera, Lucas Simón, Lydia Prada, Noelia González, Uxía Algarra e Yago Durán.

Obras portuguesas:
– De 12:00 a 12:30 h (Galiza). De 11:00 a 11:30 h. (Portugal). Anti-Benjamin. Ricardo Cabaça. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 12:30 a 13:00 h (Galiza). De 11:30 a 12:00 h. (Portugal). Declaração de Amor. Isabel Milhanas Machado. O vídeo de presentación pode verse aquí.
– De 13:00 a 13:30 h (Galiza). De 12:00 a 12:30 h. (Portugal). DIY. Projeto Casa: Cátia Faísco.

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.