Desde Nós Diario:
“A nómina de libros e autoras máis demandadas polos Clubs de Lectura do ensino secundario no curso 2019/2020 está liderada por Infamia e pola súa autora Ledicia Costas, que ten outro título, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, na sexta posición.
Infamia, que integra o catálogo de 109 dos clubs participantes, conta a historia de Emma, unha avogada profesora de dereito penal que chega á vila de Merlo para dar clases, sen saber que o lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada ao lugar coincide cos 25 anos da desaparición das irmás Giraud.
A segunda obra no ránking é a Memoria do silencio de Eva Mejuto, unha novela a tres voces, as de Günter, Lola e Frieda, que explora desde 1943, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galiza durante a II Guerra Mundial.
O terceiro lugar ocúpao a obra de María Solar Os nenos da varíola, que conta a historia das crianzas “heroicas” que transportaron nos seus corpos a vacina da varíola na súa viaxe a América. E xusto detrás, Beleza vermella, de Arantza Portabales. Unha novela negra que relata o “espantoso” crime cometido nunha instalación artística de vangarda.
Completan o “top ten” entre a listaxe dos 50 máis lidos: O último barco, de Domingo Villar; Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; O neno do pixama a raias, de John Boyne; Senlleiras, de Antía Yáñez; e Mentira, de Care Santos.
Máis alá dos títulos máis demandados entre os clubs de lectura no curso pasado, é significativa tamén a preferencia por determinadas autoras e autores. Nesta liña, Ledicia Costas encabeza este catálogo, con 109 lecturas, case duplicando en lecturas o segundo autor posicionado, o finado Agustín Fernández Paz, con 58 lecturas.
Por detrás destes cómpre resaltar a presenza doutros nomes, dos que tamén as súas últimas novidades son as máis lidas, como é o caso de Andrea Maceiras, en terceiro lugar, e Eva Mejuto no cuarto.
Na mesma listaxe Domingo Villar, Antía Yáñez, María Solar e Care Santos ostentan as posicións sétima, oitava, novena e décima. Antes deles, o autor catalán Jordi Sierra i Fabra e a galega María Reimóndez ocupan a quinta e a sexta posición.”
Arquivos da etiqueta: John Boyne
Cinco títulos galegos entre os dez máis lidos nos clubs de lectura do ensino
Desde Cultura Galega:
“O blog Ler en mancomún acaba de publicar unha listaxe das obras máis lidas nos clubes de lectura das bibliotecas escolares do noso país. Segundo os datos achegados por 209 destas entidades, O curioso incidente do can a media noite de Mark Haddon é o que máis aceptación tivo, xa que se leu, nas súas versións en galego, castelán e inglés, nun total de 19 clubs. Ségueo a pouca distancia O neno do pixama a raias de John Boyne (18) e a pouca distancia dous autores galegos, Domingos Villar con A praia dos afogados (16) e Agustín Fernández Paz con Cartas de inverno (14).
En total, dos dez títulos máis seguidos, 5 son de autores galegos. Canda aos dous mentados, Xulia Alonso, Marcos Calveiro e Pedro Feijoo foron os seleccionados, en competencia con clásicos com J. D. Salinger, José Mauro de Vasconcelos ou a serie Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Na maior parte dos casos optouse polas versións en galego das obras para traballar con elas.”
A Coruña: actividades do xoves 4 na Feira do Libro
Estas son as actividades máis destacadas previstas para o xoves 4 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, ubicada, como cada ano, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que permanecerá aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 18:30 h. Presentación da obra gañadora no Premio Barriga Verde 2010, para textos dirixidos para monicreques (modalidade infantil), titulada Fábula galénica, obra de Inacio, escritor, director e fundador da compañía de monicreques Fantoches Baj, que, ao tempo, fará unha lectura narrada da súa obra para os máis pequenos.
– 19:00 h. Carlos Vázquez Padín asinará exemplares do seu libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
– 19:30 h. Presentación da novela Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, publicada por Faktoría K. Participará no acto o tradutor do libro, Carlos Acevedo, e un representante da editorial.
– 20:30 h. Galaxia presenta o libro Cociñando ao pé da letra. Participarán no acto Yolanda Castaño, Andrea Costas, coordinadoras do mesmo, Víctor F. Freixanes, en representación da editorial, e dous escritores que cociñan no libro: Xabier P. DoCampo e Lucía Aldao.
– 21:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.
O neno do pixama a raias, de irlandés John Boyne, preséntase na Coruña
A editorial Faktoría K vén de publicar en galego O neno do pixama a raias, o éxito literario do escritor irlandés John Boyne, traducido por Daniel Saavedra, do que se levan vendido millóns de exemplares en todo o mundo. A obra, que forma parte da nova colección Narrativa K, presentarase na FNAC da Coruña este xoves día 31 de xaneiro, ás 19:30 horas.