Yolanda Castaño e Brais Lamela fanse cos Premios Nacionais da Crítica

Desde Nós Diario:
“Esta sexta feira falláronse en Málaga os Premios Nacionais da Crítica 2022, que cada ano destacan as mellores obras literarias publicadas no Estado nas categorías de narrativa e poesía. A concelleira de Cultura da cidade, Noelia Losada, acompañada polo presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Fernando Valls, deu a coñecer os gañadores en rolda de prensa.
Estes galardóns son concedidos por un xurado composto por máis de vinte membros da Asociación Española de Críticos Literarios que realizan críticas literarias nos medios de comunicación. Os premios non teñen dotación económica pero si teñen un prestixio único entre escritores, editores e lectores.
O premio da crítica en lingua galega foi para Brais Lamela por Ninguén queda, publicado pola editorial Euseino. Nado en Vilalba en 1994, esta é a súa primeira obra publicada.
O xurado destacou a frescura da proposta, derivada dunha certa hibridez discursiva e dunha aparencia de provisionalidade e falta de pretensións que esperta de inmediato a empatía do público lector.
En poesía en galego, Yolanda Castaño gañou o premio por Materia (Edicións Xerais). Castaño tamén ten unha intensa actividade como xestora cultural. O xurado destacou o poder material do léxico, a súa forza evocadora e sensorial así como a eficacia coa que se explotan as súas posibilidades lúdicas e irónicas.
En catalán os premios foron para El dit de Déu, de Raquel Ricart (narrativa) e El rastre nival, de Ángels Marzo. En euskera, os premios foron para Lagun Miñak, de Jon Benito (narrativa) e Uda vetea, de Aritz Gorrotxategi. En castelán, gañaron o premio De bestias y aves, de Pilar Ardón (narrativa) e Clamor en la memoria, de Dionisia García (poesía).”

Salvaterra: XXIX Festival de Poesia no Condado

2015-08-27_cartaz_festival_da_poesia“A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado organiza o XXIX Festival da Poesia. Um programa multidisciplinar no que todas as actuaçons e invervençons vam estar vertebradas polo protagonismo das pessoas Migrantes. O XXIX Festival da Poesia no Condado será nos dias 4 e 5 de setembro em Salvaterra de Minho.
Baixo o lema Migrantes participam diferentes iniciativas e projetos sobre a emigraçom e a imigraçom. A SCD do Condado apresenta múltiplas manifestaçons culturais e sociais relacionadas com a defesa dos direitos das pessoas migrantes e com a denúncia das causas deste fenómeno (económicas, políticas, pessoais). O Festival da Poesia quere ser um ponto de encontro para a defesa da liberdade de todas as pessoas a traspassar fronteiras e do direito coletivo dos povos a se relacionarem em igualdade. (…)
A sexta-feira, 4 de setembro, às 22:00 horas, começa a Noite nas Minas. Abre-a o poeta e tradutor Isaac Xubín, que recitará os textos do escritor basco Joseba Sarrionandia. (…) A parte musical estará protagonizada polo Cuarteto Caramuxo.
O sábado, 5 de setembro, às 18:00 horas, Xurxo Souto falará do seu livro Contos do mar de Irlanda, onde trata outro jeito de migraçom temporal, o das pessoas embarcadas. (…)
E às 20:00 horas inicia-se o prato forte do encontro: o Festival Poético e Musical. Apresentado por Esther Carrodeguas, abre-o Miguel Fernández, do Foro Galego de Inmigración, lendo o limiar que preparou para a Antologia Poética do XXIX Festival da Poesia. No apartado de poesia, a SCD do Condado contará com Alba Cid, Augusto Fontám, Alexandre Ínsua, Lara Rozados, Isabel Blanco-Rivas, Rosalía Morlán, Eduard Velasco e Mª José Fernández, ademais dos bascos Jon Benito e Xabi Borda e do português Alexandre Sá. (…)”