Desde Lermos.gal:
“(…) Meu cubil está na bufarda da casa na que vivo. Ten andeis con libros non rigorosamente clasificados inda que sigan unha disposición de certa lóxica. Amoreo libros en galego, inglés, portugués e castelán, e meus temas predilectos son a historia, divulgación científica, narrativa galega, narrativa española dende o século XVIII en diante, literatura sudamericana, cine fantástico, esoterismo, filosofía, pedagoxía, filosofía, novela negra, ficción científica…
Para min é máis importante ler ca escribir. Inda que ás veces resulte difícil por mor dos ditados da vida. Procuro alimentar a biblioteca con certa periodicidade e a medida que os ingresos mo permiten.
Nun dos andeis gardo os cadernos con todos meus traballos literarios, xa que o primeiro borrador de cada obra é escrito sempre a man, con estilográfica ou bolígrafos de tinta líquida.
Pero, inda que este lugar semelle o tobo ideal para un creador, o certo é que miña dispersión me obriga a levar libros e cadernos pola casa adiante, recalando no dormitorio, no cuarto de baño, na cociña ou no coche. Sendo o zulo o singular Heorot ao que regreso todas as noites para facer memoria e alimentar o esquecemento. É así.”
Arquivos da etiqueta: Jorge Emilio Bóveda
Contos Estraños nº 1 (2ª parte)
Artigo de Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) – Xosé Duncan (XD): Por que enviaches un relato a Contos Estraños?
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): Enviei o relato porque sempre fun obsesivo coa figura de Lovecraft, que coñecía logo de ler biografías, de ler súa literatura e a de moitos epígonos da casa Arkham. Foi un grupo de persoas fascinante e moitos deles con biografías peculiares e agridoces. Sen dúbida o pulp é un concepto que me apaixona igual que o cinema de series B e Z, porque deu saída a verdadeiros artesáns da palabra e auténticos traballadores das letras. De aí que a idea de Contos Estraños fora tan acertada e me seducira. (…)
– XD: Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?
– JEB: Antes de Contos Estraños houbo nove autoedicións de ensaios, novelas e grupos de relatos ata que Toxosoutos (Davide G. Couso) me publicou A vila das ánimas e A habitación secreta e Urco me publicou o libro de divulgación A xanela escura. (…)
– XD: Que houbo despois?
– JEB: O paso por Contos Estraños deixoume, principalmente, coñecer unha morea de xente creativa e marabillosa da casa Urco/Contos, xurdiron algunhas outras publicacións coa casa e con Enxebrebooks que á súa vez me estimularon con novas ideas para seguir coa miña vocación. Tamén teño especial interese en ser corporativo neste pequeno país tan dado ao minifundismo e cuns habitantes tan dados a ningunearse uns a outros. (…)”
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 4 e domingo 5
O sábado 4 e domingo 5 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 4
– 18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Presentación de Transición, de Pablo Fernández Barba, publicado por Sotelo Blanco Edicións, obra gañadora do XVI Premio Risco de Creación Literaria.
– 19:30 h. Bieito Iglesias asina exemplares de O ouro de Ourense, publicado por Engaiolarte, na caseta da Libraría Kathedra.
– 20:00 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. No acto acompañará á autora Patricia Arias Chachero.
Domingo 5
– 12:30 h. Presentación do libro Lindos abrollos, de Carlos Abeledo, publicado por Edicións Embora, con cata de viños de Adega Pousadoiro.
– 20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto acompaña ao autor Jorge Emilio Bóveda.
– 21:00 h. Presentación do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Análise estructural e simbólica do mito da moura, de Rafael Quintiá, publicado por Sotelo Blanco Edicións. No acto participan Miguel Losada, Antonio Blanco e José Mª Eguileta.
Allariz: faladoiro sobre a novela O frío azul, de Ramón Caride
A Coruña: actos literarios destacados do luns 4 na Feira do Libro
O luns 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 20:00 h. Presentación do libro O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Jorge Emilio Bóveda presenta o seu libro Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial na caseta de Consorcio Editorial.
– 21:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
Ourense: actividades destacadas do venres 6 na Feira do Libro
O venres 6 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 19:00 h. Charla coloquio de Xoán Doldán e Afonso Fernández sobre o libro Guía para o descenso enerxético, publicada pola Asociación Véspera de Nada, por unha Galiza sen Petróleo.
– 20:00 h. Presentación do libro Um pouco acima da miséria, de Amadeu Baptista, gañador do XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense.
– 20:00 h. O escritor e xornalista Pemón Bouzas asinará exemplares da súa novela A voz do vento, publicada en Xerais, e do resto da súa obra, na caseta da Libraría Pedreira.
– 21:00 h. Presentación do libro O sol do pasado, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Urco Editora.
Santiago: actividades destacadas do xoves 1 e venres 2 de maio na Feira do Libro
O xoves 1 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 18:00 h. A editorial Contos Estraños presenta Os novos camiños da autoedición, do selo O Fogar das Palabras.
– 19:00 h. Presentación da liña xuvenil de Urco Editora: O sol do pasado, de Jorge Emilio Bóveda e Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola.
– 20:30 h. Presentación da novela erótica Intensa e quente é a túa unidade azul, de Xulio Pardo Neyra, publicada por Positivas. Xunto ao autor participa no acto Francisco Macías.
O venres 2 de maio destaca:
– 19:00 h. Presentación do libro A industria do sexo e do peixe empanado, do escritor Emmanuel Pierrat, publicado pola Editorial Hugin e Munin.
Cuestionario Proust: Jorge Emilio Bóveda
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Jorge Emilio Bóveda:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Respecto e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A boa memoria.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e ler. Ultimamente por esa orde. Prometo tentar cambialas de orde.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non hai tal sendo o mundo como é e estando como está. Agora, sinto acougo na alma ao ver ben aos seres próximos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Descartando pensar nas desgrazas evidentes sobre os seres queridos ou outras que alimentan as mentes melodramáticas, sería unha enorme desgraza caer, por exemplo, nas gadoupas dun goberno (máis) totalitario.
8.– Que lle gustaría ser?
– O ser positivo que realmente son. Pero sempre centrado no “ser”, e nunca no “estar”.
9.– En que país desexaría vivir?
– Admiro a Inglaterra, a pesar do seu chovinismo e outros dogmatismos. Pero eu quero estar na Galicia. Porque, a pesar de todo, quéroa como a queremos (case) todos.
10.– A súa cor favorita?
– A cor que recolla todas as cores.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera que estea amarrada á terra. Viva e adulta, pois non me gustan nadiña os capullos.
12.– O paxaro que prefire?
– O ave Fénix.
13.– A súa devoción na prosa?
– Catro bandas. Primeira banda: os narradores latinoamericanos. Segunda banda: algúns escritores góticos dende antes de Poe ata o final dalgúns epígonos de Lovecraft. Terceira banda: Lobo Antunes, Javier Marías, Juan Goytisolo, Martín Santos, Benet… Cuarta e última banda: a capacidade de traballo e a perseverancia (non a obra) de certos escritores de libros de xéneros populares.
14.– E na poesía?
– Borges.
15.– Un libro?
– Onde?, onde?
16.– Un heroe de ficción?
– Macbeth, que loita coñecendo a inutilidade do combate.
17.– Unha heroína?
– Madame Bovary. Sendo irónicos, claro.
18.– A súa música favorita?
– Rock das décadas dos 60, 70 e 80.
19.– Na pintura?
– Pintura figurativa expresionista. Por mor do meu avó Tomás Bóveda, que a cultivou coma poucos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera cabeza de familia que tire adiante aos seus sen case recursos.
21.– O seu nome favorito?
– Xurxo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O falar de algo sen saber nada.
23.– O que máis odia?
– Non sei odiar. Pero me fai sentir mal a preguiza, envexa e a cobiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador ou sátrapa. Incluso algúns que, aos ollos de occidente, non son ditadores nin sátrapas.
25.– Un feito militar que admire?
– O tándem admirar-militar semella para min un oxímoro.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Aptitudes para dar resposta a preguntas como “Que don natural lle gustaría ter?”.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Ao saber que me rematou o prazo para entregar os papeis da inmortalidade. Son tan despistado para certas cousas que intúo que vai ser algo así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo patolóxico. Cousa que, ás veces, me crea ansiedade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Certos egoísmos nos que, tarde ou cedo, me acabo vendo reflectido.
30.– Un lema na súa vida?
– Dous: Ler ata “perder o coñecemento” e “Aturar é a arte de dicir que si”.”
Ourense: faladoiro arredor de A Xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda
O xoves 27 de febreiro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, terá lugar un faladoiro ao redor do libro A xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Urco Editora.
Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o domingo 1 de decembro
A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, finaliza o domingo 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 20:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:
Domingo, 1 de decembro
– 12:00 h. Presentación do libro A nosa botica, de Miguel Mosquera (Edicións do Cumio).
– 12:30 h. Conversa sobre Xosé María Díaz Castro. Alfonso Blanco, Armando Requeixo e Óscar Sánchez conversan coa xornalista Montse Dopico.
– 12:30 h. Presentación do proxecto cinematográfico A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, presentado polo seu director Ignacio Vilar.
– 13:30 h. Presentación do libro Apocalipse zombie, de Manel Loureiro (Urco Editora).
– 16:30 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto (Edicións do Cumio).
– 16:30 h. Presentación escénica e audiovisual de As carriolas do mencer, de Rafael Fernández Lorenzo e Ramón Trigo (Ir Indo).
– 17:00 h. Presentación de Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial, de Jorge Emilio Bóveda (Enxebrebooks).
– 17:00 h. Presentación de Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (Estaleiro Editora), co seu autor, Xosé García Rodríguez, e Estefanía Elexpuru Boullosa, do proxecto Xanela aberta ao sur.
– 17:00 h. Presentación e sesión de contacontos de Paula Carballeira, arredor dos seus títulos Chímpate Pepa!, Paolo e o misterio da Cerdeira e Os lunares de Lola.
– 17:30 h. Acto festivo de entrega do Premio do Público Culturgal 2013.
– 18:00 h. Presentación e concerto Cartas que veñen e van, de Mamá Cabra (Galaxia), con Susa Herrera e Gloria Roel.
– 18:30 h. Showcase de Najla Shami co seu novo libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia).
– 19:00 h. Conversa con Anselmo López Carreira ao redor do libro Historia de Galicia (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.
– 19:00 h. Presentación de Tambo, de Laura García e Víctor A. Castro (Edicións do Cumio).
– 19:30 h. Presentación do libro Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manuel Cráneo (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.