Ourense e Vigo: Xornadas Carlos Casares, os 7 e 9 de novembro

Kristina Berg: “Carlos atendía máis á cultura galega que ao seu labor literario”

Entrevista a Kristina Berg, viúva de Carlos Casares, en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alén a faciana literaria, Casares representou sempre un papel conciliador na Galicia do cambio de século. ¿Está de acordo?
– Kristina Berg (KB): Si, o seu falecemento, que foi unha sorpresa porque se coidaba moito e non tiña ningunha enfermidade, impediu que culminase algúns proxectos. Por iso nós, dende a Fundación, pensamos que tiñamos que seguir o seu traballo. Eu moitas veces pensei que Carlos se dedicaba máis ao traballo pola cultura galega e por tender pontes entre diferentes posturas que ao seu labor literario. (…)
– LVG: ¿Está publicado todo o material literario de Casares?
– KB: A fundación está catalogando todo. Se hai cousas inéditas non o sei, é posible. Carlos era moi autocrítico e traballaba moito os seus textos. Para rematar un folio, escribía dez ou vinte. Se houbese algo inédito é moi posible que el non quixera editalo. (…)”.

Kristina Berg: “Carlos Casares non só deixou orfos os seus fillos, tamén a cultura galega”

Entrevista a Kristina Berg, viúva de Carlos Casares, en Praza:
“(…) – Praza (P): Como é o balance da Fundación Carlos Casares nestes dez anos?
– Kristina Berg (KB): A Fundación ten feito até hoxe un traballo moi importante. Non tanto en divulgar a figura de Carlos, pero si en seguir os seus pasos e darlle continuidade aos seus proxectos. Neste tempo sempre buscamos salvagardar os principios de Casares e quixemos facelo cun comportamento cívico. Coido que o traballo da fundación axudou á cultura galega na medida en que organizamos moitísimos encontros internacionais nos que participaron xentes de moitas culturas. Todos os que pasaron por eses encontros marcharon con boas impresións de Galicia. É un proxecto que fixemos posible entre todos coa axuda xenerosa de tantas institucións e colaboradores. Moitas persoas prestan o seu coñecemento e o seu tempo no desenvolvemento desta fundación.
– P: Conservan materiais inéditos nos fondos da Fundación Carlos Casares que se vaian publicar proximamente?
– KB: Estamos niso. Quedou un arquivo de Carlos desordenado. Nestes anos, apareceron papeis por todos lados. Hai moitos manuscritos e aínda hai persoas que están clasificando todo o material. É moi posible que haxa textos inéditos que se poidan aproveitar. Carlos sempre estaba escribindo. Se quedou algo, quedou porque Carlos Casares quería publicalo.. Hai posibilidades de que sexa así. Se hai algo e se se decide publicar, será algo que dependerá dos seus amigos máis próximos e, sobre todo, dos fillos. Eles terán que decidir sobre ese asunto. (…)”