Arquivos da etiqueta: La Voz de Galicia
Noia: presentación de A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo
Xesús Fraga: “O rap é un xénero axeitado para contar a realidade”
Entrevista
a Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Novo libro de Xesús Fraga (Londres, 1971). Trátase de Reo (Galaxia), co que gañou o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil, e que protagoniza un grafiteiro de 17 anos.
– La Voz de Galicia: Por qué escolleu un grafiteiro para esta historia?
– Xesús Fraga: O graffiti é unha presenza constante nas nosas paisaxes urbanas, pero son moi poucos os que reparan nel, e os que o aprecian, aínda menos. Hai un gran descoñecemento sobre as motivacións dun grafiteiro, e axudar ao lector a descubrilo era unha das miñas intencións coa novela. (…)”
Manuel Rivas alerta da «situación de emerxencia» do galego ao recoller o premio Casa dos Poetas
Desde
Sermos Galiza e La Voz de Galicia:
“Recibía a XXX edición do Premio Celanova Casa dos Poetas e aproveitou a ocasión para demandar unha alianza pola lingua, de “esquerda e dereita, nacionalistas ou non” co fin de crear un “hábitat” coas condicións precisas para garantir o seu futuro. A defensa dunha nova alianza social de Manuel Rivas devén da súa análise da situación da lingua galega que, segundo entende, está nunha situación de “emerxencia” en risco de autodestrución polo que chamou “bioperversidade”. “Rescatar a lingua de pleno dereito, que non sexa un refugallo”, reclamou Rivas no acto de recollida do premio, no seu berro por un “novo Rexurdimento”.
Botou man o escritor e xornalista do título de Celso Emilio, Onde o mundo se chama Celanova, para defender o “local universal” e manifestou sentirse da xeración de Curros, un “librepensador, republicano federal e xornalista valente”.
Compartiu Manuel Rivas o premio co tamén escritor e músico Xurxo Souto, encargado do discurso no que comparou a Rivas con Manuel María e Otero Pedrayo. “Rivas expresa o que todos estabamos a sentir e ninguén se atrevía a contar”, sinalou Souto, para quen a palabra do autor de Os comedores de patacas é “a rebelión da realidade”. Situou a Rivas nas Encrobas, a bordo do Xurelo ou nas mobilizacións de Nunca Máis para mostrar a face de “xornalista valente” que o escritor dixo admirar en Curros Enríquez.”
Ramón Vilar Landeira: “Quero ir máis aló dos titulares, contar historias persoais”
Entrevista
a Ramón Vilar Landeira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Está a ter boa acollida [Os televisores estrábicos]?
– Ramón Vilar Landeira (RVL): Si, para min é toda unha sorpresa. A editorial quixo apostar forte pola promoción deste libro e estamos a ter un bo nivel de vendas. Leva dous meses e medio á venda e está preto de terminarse a primeira edición.
– LVG: Este é o seu primeiro libro. Gustaríalle seguir escribindo?
– RVL: Si, eu levo traballando como xornalista catorce anos e gañei algún premio literario. Escribir é a miña paixón. Nunca me atrevera a publicar, dábame algo de vertixe. Este ano decidín enviar o libro á editorial Xerais e para a miña sorpresa, encantoulles.
– LVG: Sobre que tema lle gustaría escribir?
– RVL: Teño moitas ganas de escribir unha novela, supoño que será o seguinte paso. Pero o momento vital no que estou non me deixa moito tempo para escribir. Teño dous nenos pequenos e traballo como xornalista. Gustaríame escribir sobre a corrupción en Galicia, creo que ese tema podería dar para moito.”
Ramón Vilar Landeira: “Por moito que queime, a vida hai que pelexala, e diso falan lestes relatos”
Entrevista
a Ramón Vilar Landeira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A estes relatos úneos unha crise de fondo, pero tamén o humor e, no medio, unha luz de saída.
– Ramón Vilar Landeira (RVL): Si. Son relatos descarnados. Están influenciados polo momento económico no que se xestaron, especialmente crítico porque están concibidos sobre o 2009 e escritos a maioría en torno ao 2010, 2011… Era un momento complicado tamén no sector do xornalismo, pero en xeral en todos: víao en amigos, veciños e compañeiros… xente que se quedaba sen traballo… Iso deriva en moitas crises, tamén persoais. Así que Os televisores estrábicos non é un libro da crise económica, senón dos procesos todos da vida, a cal ten cousas boas e duras. Os relatos, dalgunha maneira, tratan de contar que, por moito que queime, a vida hai que pelexala, disfrutala… (…)
– LVG: Xornalismo, relatos, anda a voltas cunha novela… ¿Que é peor?
– RVL: Teñen razón tanto os que din que o relato é máis complicado como os que din que o é a novela. Para min a novela é de corredor de fondo, de paciencia… ¡Digo eu, porque non escribín ningunha, eh! O relato é máis explosivo: podes ter a idea clara nuns días e ir facendo. Os grandes relatos, que non son os deste libro [ri], están á altura da mellor novela, non son un xénero menor: os de Raymond Carver, Alice Munro, Ferrín… O xornalismo gústame, e sigo colaborando, pero a literatura dáche a perspectiva de escribir sen présa, sen a ditadura do día a día, que tamén queima.”
Rosalía Fernández Rial: “Ter soños por cumprir é unha razón para vivir”
Entrevista
a Rosalía Fernández Rial en La Voz de Galicia:
“A poetisa carballesa e muxiá, Rosalía Fernández Rial, presentou este xoves, 14 de agosto, o seu poemario Ningún amante sabe conducir no Faro Vilán de Camariñas rodeada das pezas da exposición de pintura e escultura Son do Mar e coa colaboración dos seus autores, José Garrido e Yano Yoro, que realizaron unha pequena performance inspirada neses versos. (…)
– La Voz de Galicia: Un soño por cumprir.
– Rosalía Fernández Rial: Moitos. Ter soños por cumprir é unha razón para vivir, así que os vou acumulando continuamente. Tamén teño soños colectivos, como que a cultura impere un pouco máis, que a xente aspire a ela e que aprecie as demostracións culturais, e sobre todo que haxa máis traballo neste sector. (…)”
Xosé Neira Vilas: “José Martí ten moitas referencias a Concepción Arenal e Pardo Bazán”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en La Voz de Galicia:
“Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é moito máis que Memorias de un neno labrego. É a memoria de moitos persoeiros: Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, Ernesto Che Guevara, Luís Seoane, Díaz Pardo… Con moitos deles mantivo correspondencia: «Pero por cada unha das súas cartas hai tres miñas, porque eu quería saber moitas cousas», dicía onte. «O número non importa moito», asegura, pero vai polos 50 libros publicados, «contando as traducións». Os dous volumes últimos presentounos onte na Feira do Libro da Coruña: Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade (Edicións Bolanda) e Días de Cuba (Galaxia).
– La Voz de Galicia (LVG): Son as lembranzas de Cuba?
– Xosé Neira Vilas (XNV): É a memoria dos meus 31 anos na illa de Cuba, da vida laboral, xornalística, sindicalista, a relación co Che Guevara… (…)
– LVG: ¿Desde cando coñecía a Isaac Díaz Pardo?
– XNV: Coñecino en Arxentina no ano 1955 e estiven na fábrica de cerámica que fixo nas aforas de Bos Aires. Logo reencontramos aquí, en Galicia, e a miña compañeira, Anisia Miranda, e mais eu vivimos ano e medio en San Marcos; alí ten alí habitacións e ocupámolas nós mentres facían a nosa casa en Gres. Foi unha experiencia moi rica. Logo presenteino varias veces, demos conferencias conxuntas e no libro aparece tamén o que dixen o día do seu enterro en Santiago.
– LVG: Escribíanse moito?
– XNV: Son 110 cartas que me mandou e acumulei e 175 que eu lle mandei a el; é a correspondencia de medio século, onde está toda a vida cultural, política e social de Galicia. Eu faláballe de Cuba, que lle interesaba moito como era a evolución institucional xa que todo era novo, e el falábame do que estaba pasando entonces en Galicia, o que eu quería saber. (…)
– LVG: Segue escribindo?
– XNV: Ata que o corpo aguante. Estou con Roi Casal traballando nunhas letras. E teño un libro disco con poemas e cancións cantadas por Galinova que se titula Cantos de sol a sol e sairá en setembro. E Mini e Mero tamén están con cantos de emigrantes de retorno.”
Eva Veiga: “A poesía é o testamento máis verídico dun pobo”
Entrevista
a Eva Veiga en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O seu libro A distancia do tambor foi publicado pola editorial Espiral Mayor como parte do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño que gañou o ano pasado, ¿é difícil hoxe en día encontrar editoriais dispostas a publicar poesía?
– Eva Veiga (EV): Non é sinxelo, xa que non lles é doado. Coa poesía xa se sabe que non se gañan cartos. Publicar poesía é un acto de amor, esixe traballo e xera poucos beneficios.
– LVG: Como definiría a súa obra e en que se inspirou para escribila?
– EV: A obra naceu da toma de conciencia da situación das mulleres en debilidade. Na rodaxe do largometraxe A cicatriz branca, o cal protagonicei, tiven tempo para pensar e poñerme na pel desas mulleres. Existen milleiros de mulleres e nenos que deben percorrer mundo sen saber onde ir, expostos á crueldade dos homes.
A obra é unha proxección ética sobre o social e o ser da linguaxe, neste caso a poesía. (…)
– LVG: Que futuro lle augura á poesía galega, cree que se seguirá apostando por este xénero?
– EV: É imposible que desapareza, é unha necesidade vital para a xente. A poesía é o testamento máis verídico dun pobo, transmite os sentimentos e o seu sentir xeral.”
María Reimóndez gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
Desde
La Voz de Galicia:
“Abusos sexuais, corrupción política, denuncia social, conflitos psicolóxicos, intriga, tensión desde a ollada dunha muller… E todo iso nun escenario de máxima actualidade narrado cun pulso narrativo moi áxil. Estes son os ingredientes de A dúbida, a obra da escritora e tradutora lucense María Reimóndez que resultou gañadora na decimocuarta edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que se outorgou onte no transcurso dunha cea literaria celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, que contou con unha ampla e variada representación da cultura galega.
O xurado do galardón, que está patrocinado por Ámbito Cultural de El Corte Inglés, acordou designar a obra gañadora por un resultado de sete votos a favor fronte a dous. A acta destaca o «ritmo áxil da novela, a profundidade do conflito psicolóxico e a sutileza coa que trata temas de actualidade, como os abusos sexuais e a corrupción política».
Como finalistas do premio quedaron as obras presentadas baixo os títulos O faro escuro e A pena das Calandras. Son dúas propostas das que o xurado tamén valorou a súa calidade.
É unha das poucas veces que un autor gaña un mesmo ano dous dos premios literarios máis importantes convocados en Galicia, como é o caso da Novela por Entregas e o Xerais. (…)
En A dúbida, a autora fai uso da súa mestría narrativa para presentar un relato de máxima actualidade que conta con todos os ingredientes necesarios para enganchar a atención do lector e manter o seu interese durante os 31 días en que se presentarán as distintas entregas nas páxinas do xornal. (…)”

