Entrevista
de P. Calveiro a Armando Requeixo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que podemos atopar nesta obra sobre Díaz Castro [Cartafol de traducións e outros poemas]?
– Armando Requeixo (AR): O libro ten dous volumes. Un deles recolle os textos de Díaz Castro en edición facsimilar e o outro é un estudo do material, con anotacións sobre os poemas. Dentro da produción do autor, está recollido todo o seu labor como tradutor de textos poéticos, deixando fóra a tradución de narrativa, e os versos que el mesmo escribe noutras linguas. É un libro moi completo porque Díaz Castro practicou iso que os expertos chaman tradución directa e tamén inversa, que é algo que só os grandes tradutores son capaces de facer. Hai traducións cruzadas a outras linguas e de autores moi interesantes como Lamartine, Víctor Hugo, Chesterton, Campoamor,… A obra de Díaz Castro é un verdadeiro festival políglota e revela o seu interese como lector e o influxo que todas estas lecturas da literatura mundial tiveron na súa faceta de poeta, facendo cousas moi singulares e distintas ás da época. Cartafol de traducións e outros poemas é o máis diazcastriano dos libros que sairán este ano, porque funde as súas dúas grandes paixóns, a poesía e a tradución. (…)
– LVG: ¿Cal é a faceta menos coñecida?
– AR: A de tradutor, sen dúbida. A gran pena é que esa faceta non vira a luz dun modo máis público e notorio hasta este ano. Pero eu creo que dende xa debemos situar a Díaz Castro entre os máis grandes da tradución do século XX, amén de ser un dos máis grandes poetas, e debería estar no olimpo dos tradutores da época. Eu non coñezo ningún caso da literatura galega dun autor que traducira linguas tan distintas, tan cruzadamente e de autores tan variados en plena posguerra. Coñecía ruso, danés, sueco, linguas eslavas e, por suposto, as máis comúns (inglés, francés, alemán, italiano, portugués, catalán, éuscaro, etcétera) e en moitas delas era autodidacta. Ademais do seu traballo de tradutor como funcionario do Estado durante o día, polas noites queimaba os ollos traducindo para editoriais de fóra, ás que tamén pedía métodos e dicionarios de gramáticas para aprender as linguas. A súa produción como tradutor foi amplísima, fixo dende receitas médicas á primeira tradución de Al Servicio de su Majestad, a undécima novela de James Bond.”
Arquivos da etiqueta: La Voz de Galicia
Modesto Fraga: “É moi emocionante facer un libro que fale da túa terra”
Entrevista
a Modesto Fraga en La Voz de Galicia:
“«Vir ao mundo en Fisterra non é comparable a nacer noutro lugar. É coma ser o único espermatozoide que chega ao óvulo, pero por partida dobre». Quen fai esta comparación é Modesto Fraga, escritor e, actualmente, tamén libreiro, nacido no que durante tanto tempo foi o límite do mundo coñecido. E que mellor xeito de render tributo ao lugar cun libro. Fisterra, a derradeira perla de occidente é a obra coa que Fraga se mergulla na prosa despois dunha traxectoria ligada case sempre á poesía. «Era unha tarefa pendente, xa que pouco máis fixera que algún relato curto. Creo que ao final resultou un libro útil e divulgativo que vai axudar a comprender un pouco máis Fisterra», afirma. Un traballo que «é unha mestura de ensaio, guía turística, biografías e moitos outros xéneros», segundo explica.
Hai historias sobre personaxes coma o capitán Traba, poeta e mariñeiro, ou as de Jurjo e Chanquete, os dous fisterráns que lle puxeron cara á emigración na mítica fotografía de Manuel Ferrol. Ou unha detallada descrición das particularidades da fala fisterrá coma o enxordecemento (palancre, lonqueirón). (…)”
Coñécense os finalistas do XX Premio Arcebispo San Clemente
Desde La Voz de Galicia:
“Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras; A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa; e Costa do Solpor, de Xosé María Lema, son as tres obras finalistas en lingua galega da vixésima edición do premio Arcebispo San Clemente, convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago. (…)
O fallo será decidido por un xurado integrado por estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago, e doutros catro institutos galegos (un por provincia), que se elixirán por sorteo, segundo anunciouse na presentación das narrativas finalistas. O fallo prevese que se dará a coñecer en xuño, no instituto compostelán.”
A Pobra do Caramiñal: presentación de Cadeas, de Xabier López
O
venres 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na Tenda-Escola O Deán (Rúa Rafael Calleja, 11-13) da Pobra do Caramiñal, nun acto convocado pola Asociación Cultural Barbantia, Edicións Xerais, La Voz de Galicia e a Libraría Ler da Pobra do Caramiñal, preséntanse o número 92 do suplemento cultural A Voz de Barbantia e Cadeas, de Xabier López. Intervirán Amparo Cerecedo, Agustín Agra e o propio autor.
Entrevista sobre o Premio Losada Diéguez a Ramón Nicolás
Actos do Día de Rosalía de Castro 2014 para o luns 24 de febreiro
Redondela salva o premio Blanco Amor
Artigo
de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“O Concello de Redondela convocará este ano o Blanco Amor, salvando deste xeito in extremis este premio de novela, xa que a entidade responsable da organización do 2013, o Concello de Ferrol, alertou de que a súa continuidade corría perigo. As delicadas circunstancias que vivía un dos galardóns senlleiros das letras galegas debíanse a que os tres municipios aos que lles tocara asumir a vindeira edición renunciaron a esta responsabilidade, xa que xa foran anfitrións do premio en ocasións anteriores. Ademais, un número considerable de concellos non fixeron as achegas económicas necesarias para acadar os 12.000 euros que recibe o gañador.
Ante esta situación, Redondela convocou onte unha reunión en Santiago para buscar fórmulas que garantan a supervivencia do Blanco Amor. No encontro o concelleiro de Cultura, Julio Alonso, comprometeu a organización e se sentaron as bases para estudar cambios que aseguren futuras edicións. Estas modificacións pasan por adaptar as achegas municipais ao tamaño dos concellos, así como adiantar o sorteo no que se elixe a entidade organizadora. Actualmente faise en novembro, «o que resulta moi tarde para poñer en marcha a maquinaria para o ano seguinte, e que ademais colle a moitos concellos cos orzamentos xa pechados», explicou onte Alonso. O concelleiro tamén expuxo a idea de crear unha especie de centro de documentación arredor do premio que facilite a quen lle corresponda asumilo as tarefas relacionadas coa organización.
Deste xeito, Redondela ten previsto publicar a convocatoria antes de rematar este mes, e o fallo producirase en novembro, aínda que se conta con adiantar o sorteo «para que o seguinte concello teña algo máis dun ano para organizalo» (…)”
Convocado o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo
Sabela González: “O obradoiro é a escusa perfecta para usar a imaxinación”
Entrevista
a Sabela González en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que decidiu inscribirse no obradoiro de escrita creativa?
– Sabela González (SG): Creo que vin a convocatoria a través do Facebook e nese momento xa me apuntei. Pensei que sería a escusa perfecta para usar a imaxinación e ademais, por ser un obradoiro con máis xente, unha boa forma de perder a vergoña de amosar o que escribes. Tiña xa cousas a medio facer pero nunca daba conseguido acabalas, e nese sentido tamén foi unha axuda, igual que aprender a criticar o que escribes e saber criticar e apreciar o que escriben os demais.
– LVG: Daquela, o seu era xa un caso de vocación pola escrita.
– SG: Si, tiña vocación. O libro xa empezara a escribilo, pero as sesións no obradoiro foron unha axuda para atopar os camiños polos que tirar cando me atopaba perdida ou non sabía como seguir. Empezara no 2001 pero por traballo ou estudos sempre se demoraba. Os obradoiros tamén foron unha boa forma para obrigarme a rematalo e compartir as opinións foi moi útil, sabendo ademais que Francisco Castro é editor, polo que valoras os seus consellos xa non só como autor, senón tamén como alguén responsable de publicacións.
– LVG: Din que a escrita é unha actividade solitaria, pero tamén existe esa dimensión social e participativa.
– SG: É certo que escribes só, pero tamén son boas esas postas en común. Cada vez que remataba unha sesión saía con moitos ánimos, coas forzas necesarias para darlle un novo impulso ao que escribo. E tamén necesitas distanciarte, coller perspectiva e así achegarte mellor á túa propia escrita.”

BOIRO
CAMARIÑAS
A CORUÑA
A ESTRADA
FERROL
LUGO
MOAÑA
PONTEVEDRA
A RÚA DE VALDEORRAS
VIGO

