Arquivos da etiqueta: La Voz de Galicia
Convocado o 13º Premio Novela por Entregas Relatos de Verán
“1.- La Voz de Galicia, S.A. e Canal Voz, S.L. convocan un concurso para elixir a novela por entregas que se publicará durante o mes de agosto do 2013 na edición impresa de La Voz de Galicia e na súa páxina web.
2.- Poderán participar todas as persoas que presenten unha novela inédita e que non opte a outros concursos, escrita en idioma galego e que responda ás seguintes características:
· Deberá constar de 31 capítulos destinados á súa publicación diaria ao longo de todo o mes de agosto do 2013.
· Cada capítulo terá exactamente a mesma extensión, que se fixa en 3.500 caracteres, con espazos incluídos.
3.- As obras presentaranse en catro copias, impresas a dobre espazo e por unha soa cara. Ademáis, requírese o envío dunha copia do escrito en versión PDF grabado nun CD. Os orixinais faranse chegar a 13.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón (15142) Arteixo (A Coruña), polo sistema de plica cerrada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el no caso de resultar finalista ou gañador. Os orixinais que non sexan reclamados no prazo dun mes a contar desde o momento do fallo serán destruídos.
4.- O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto deica o 14 de xuño do 2013, incluido.
5.- O xurado, designado pola organización do premio, darase a coñecer conxuntamente co seu fallo, que será inapelable e que se fará público antes do 25 de xullo do 2013 no xornal e na páxina web.
6.- Establécese un único premio, que estará dotado con 6.000 euros, cantidade que estará suxeita á normativa do IRPF e, en particular, á retención que legalmente corresponda a conta do devandito imposto. O premio levará aparellada a publicación da novela nas páxinas de La Voz de Galicia ao longo dos 31 días do mes de agosto do 2013 e, simultáneamente, a súa aparición na páxina web.
Establécese tamén como pago dos dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora para o caso de que sexa La Voz de Galicia quen a publique en formato libro dentro do ano 2013. Noutro caso, o autor quedará facultado para negociar a edición libremente.
7.- Os participantes responsabilízanse da autoría real e orixinalidade da novela, así como dos seus contidos, que non poderán ser ilícitos, ofensivos ou discriminatorios, nin lesionar bens ou dereitos de terceiros. O feito de participar no premio implica a cesión non exclusiva polo autor premiado a La Voz de Galicia, S.A. dos dereitos de explotación sobre a novela, incluindo os dereitos de reprodución, recopilación en libro, transformación, distribución e comunicación pública, para todo o mundo, polo máximo prazo de tempo que recoñece a lei aos titulares dos dereitos e por calquera medio ou soporte. Así mesmo, o autor premiado cede en exclusiva a La Voz de Galicia, S.A. os dereitos de edición da obra durante o ano 2013, nos termos indicados no apartado 6º.
8.- Os datos remitidos polos autores conservaranse nas plicas cerradas ata o fallo do premio e, unha vez fallado, incorporaranse ás bases de datos de La Voz de Galicia, S.A. Ao participar, os autores consenten expresamente que La Voz de Galicia, S.A. trate os seus datos para xestionar o premio e ofrecerlles periodicamente información sobre os seus produtos, actividades, servizos e accións, aínda logo de finalizada a actuación. Igualmente, o consentimento outorgado considérase prestado para ceder os seus datos a outras empresas do Grupo ao que pertence La Voz de Galicia, S.A. relacionadas cos sectores editorial, de medios de comunicación e investigación de mercados, mercadotecnia e opinión, que pode atopar referenciadas na web, co fin de informar dos seus produtos ou servizos e facer ofertas comerciais. Os autores poderán en calquera momento oporse, acceder, cancelar e rectificar os seus datos ou oporse ao seu tratamento con fins promocionais a través do e-mail lopd@lavoz.es ou dirixíndose á dirección indicada no apartado 3, acreditando debidamente a súa personalidade.
O nome e imaxe do gañador e dos finalistas poderá ser obxecto de comunicación pública nas actuacións que poida levar a cabo La Voz de Galicia, S.A., sempre que a comunicación pública estea relacionada coa súa participación no concurso.
9.- A participación nesta convocatoria implica a total aceptación das súas bases. Os organizadores do concurso resérvanse o dereito de interpretalas ante calquera dúbida que puidese xurdir.”
Ramón Nicolás: “O Día das Letras non debe limitarse a un ano”
Entrevista
a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os blogs mudaron moitas cousas no panorama editorial. ¿Como o utiliza un crítico?
– Ramón Nicolás (RN): Mudárono, en efecto, aínda que talvez un tanto relativamente porque non se pode falar de xeneralización deste soporte, malia que cada día é maior o número de persoas que se asoman á rede para se informar pois xa foron educados nas súas potencialidades, no seu doado acceso e na súa inmediatez. No que atinxe á crítica, e especificamente a do libro galego, esta é unha batalla na que hai que estar e que non se debe perder, e mesmo coido que goza dunha saúde que está á vangarda do que se fai preto de nós.
– LVG: A súa biografía de Celso Emilio está a ter moi boa acollida…
– RN: A acollida foi e é tan fabulosa que nin nas mellores expectativas o sospeitaría hai menos dun ano. Alégrome, sobre todo, porque co galardón se me posibilita agradecer a confianza dos lectores, e tamén a que me prestaron Xerais, a Fundación Celso Emilio Ferreiro e moitas persoas próximas. Tamén porque entendo que a biografía é un libro colectivo, que creei a partir de xenerosas achegas de persoas que compartiron a súa memoria comigo para trazar, no posible, un perfil actualizado de Celso Emilio Ferreiro.
– LVG: Falta pouco para o 17: ¿como prolongar o espírito do Día das Letras e o interese pola literatura galega?
– RN: O Día das Letras non pode, nin debe, circunscribirse a un mes, nin, ao meu ver, a un ano. A experiencia levada a cabo desde a Fundación Celso Emilio Ferreiro o ano pasado para sumar vontades que conflúen no interese de difundir a memoria e o legado de Celso Emilio conduciu facilmente a estender as actividades ao longo de todo un ano, e mesmo máis alá. Neste sentido cómpre implicar máis á sociedade civil con diferentes estratexias, e hainas.”
Ribeira: presentación de Olladas, de Adelaida Vidal
Os escolares galegos premian ao muxián Rivadulla Corcón
Entrevista
a Xosé Henrique Rivadulla Corcón en La Voz de Galicia:
“”Este premio debe considerarse para todos os muxiáns de ben, porque está escrito coa inspiración da lenda da Furna da Buserana, a lenda nacional dos muxiáns, e porque está tecido cos vimbios da cultura propia de Muxía, e por suposto de toda a Costa da Morte». Desta forma tan poética e tan propia del, agradecía o escritor muxián Xosé Henrique Rivadulla Corcón as primeiras felicitacións polo seu novo premio literario, o Frei Martín Sarmiento, que acadou pola novela O noso amor será eterno. Un galardón que gaña por cuarta vez e que recoñece as mellores obras publicadas durante os dous anos anteriores a xuízo dos escolares galegos. «Este tipo de recoñecementos son moi satisfactorios, porque están referendados polos propios lectores, que amosan deste modo que lles gusta o que escribiches», explicaba o autor, que recibiu o premio na Festa da Lingua, celebrada o mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Rivadulla Corcón, que acadou a recompensa na categoría de 3.º, 4.º e Bacharelato, amosouse especialmente contento porque, segundo explicou, O noso amor será eterno, incluído na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais e publicado a finais do 2011, é a súa obra máis muxiá e persoal. «É unha novela moi especial para min, porque está baseada na cultura da miña vila. Parte da lenda da Furna da Buserana e fala da forma de ser e da cultura muxiá, o mar e algo central na historia e incluso penso que ten certo valor etnográfico, porque recolle, por exemplo, xoguetes da miña infancia, a importancia do máis alá na cultura galega o a importancia da solidariedade entre as xentes do mar», contaba Rivadulla Corcón. (…)”.
Antón Cortizas: “A cultura lúdica está esmorecendo. Cómpre retransmitila”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Antón Cortizas en La Voz de Galicia, desde o blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): -Cal é a orixe de Tastarabás?
– Antón Cortizas (AC): A Chirlosmirlos faltáballe un capítulo, que é o que agora sae á luz, en forma de libro. Mais quizabes, tamén haxa que escaravellar nas raíces daquel cativo argalleiro que fun.
– RN: Que o conduciu a estruturar a información a xeito de enciclopedia?
– AC: Sempre se ten que escoller un método, que se desenvolve cunha organización e tamén unha clasificación ou catalogación, como este traballo concreto require. Segundo lle fun dando beo ás informacións e ás descricións, foise tecendo o xeito do libro, mellorábel sen dúbida, mais a vía escollida non me supuxo demasiados atrancos para chegar á penúltima estación (á última nunca se dá chegado). A clasificación elixida é, por suposto, unha das posíbeis. Os brinquedos e enredos están agrupados ao meu entender, en función da súa finalidade principal ou dos elementos necesarios para a súa elaboración, como é o caso do uso lúdico da Natureza.
– RN: O libro, é evidente, persegue algo máis que unha catalogación…
– AC: E mais si. En primeiro lugar, o enguedellarme neste labor non sería posíbel se o mesmo non me resultase agradábel e interesante. En segundo lugar, a cultura lúdica, coma tantas outras cousas, está esmorecendo. Cómpre retransmitila. Se somos alguén serémolo por ser dun lugar concreto, se non sempre seremos unha sucursal. O libro nace da cerna do noso país, non esquecendo, madía leva, que somos pequenos, concretos, simples, e iso, ao meu entender, é o que nos fai verdadeiramente interesantes, porque é o que nos permite encher ese furado do Mundo que só nós podemos encher.
– RN: O reto máis difícil que abordou?
– AC: Non sei, tal vez, de forma inconsciente, o ter paciencia para continuar aos poucos, recollendo informacións, construíndo os brinquedos ou pedíndollelos a outras persoas, buscando as plantas precisas, lendo libros referentes, procurando literatura sobre os brinquedos e enredos… Visitei museos, exposicións, bibliotecas, coas limitacións temporais e económicas que sen dúbida afectaron o meu labor. Mais, velaquí que contei con grande cantidade de axuda de todo tipo, informantes de acó e de aló ou compañeiros de docencia e amigos… En realidade toda esta xente é autora de Tastarabás.
– RN: Que expectativas persoais deposita neste libro?
– AC: O máis gustoso sería que os contidos do mesmo fosen útiles para que as persoas, cativas ou adultas, recuperasen a capacidade de enredar co noso arredor, gozándoo, respectándoo, conservándoo e contándoo nesta nosa lingua que tanto nos precisa.”
Xosé María Lema: “Costa do Solpor é froito da experiencia de toda a vida”
Entrevista
a Xosé María Lema Suárez en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como é que lle levou tanto tempo escribir Costa do Solpor?
– Xosé María Lema (XML): Cóntase que García Márquez botou 17 anos pensando Cien años de soledad e 14 meses escribindo, pero eu botei todo ese tempo pensándoa e tamén escribíndoa [risos]. A novela parte dunha vella idea, porque sempre quixen facer algo relacionado cos piratas na que hoxe se chama Costa da Morte, pero non tiña nada claro como empezar a novela. Cando por fin empecei a historia cobrou vida e foi cambiando de rumbo segundo ía escribíndoa. (…)
– LVG: ¿Que se van atopar os lectores que abran Costa do Solpor?
– XML: É moi difícil resumila nun único argumento porque ten moitas historias entrelazadas. Conta a historia dunha goleta que a mediados do século XVIII regresa do Caribe cun tesouro fabuloso nas bodegas. Navega de regreso ao porto inglés de Bristol, pero unha tormenta lévaa a unha das rías da Costa do Solpor e os espías da zona dan aviso a banda de corsarios que historicamente había en A Coruña. Dous barcos de piratas asaltan a goleta, pero escapa un dos grumetes, que na costa atópase con dous mozos galegos cos que idea a forma de recuperar o barco e o tesouro. Esa é a historia central, pero polo medio hai moitas outras e recreacións de lendas propias da nosa zona.
– LVG: ¿Confíaba en que tivera tan boas críticas e tan boa acollida?
– XML: Tiña algunhas opinións boas da xente que lera o borrador e dende a editorial estaban moi seguros de que funcionaría e tería éxito, pero para min foi toda unha sorpresa. O mellor que de todo é que a novela funciona polo boca a boca e polo que me din os libreiros, chegan moitos lectores que compran a novela porque lla recomendaron outros. (…)”
Boiro: presentación de Ocultos. Animais extraordinarios
A Pobra do Caramiñal: presentación de Sete de Biblos
Manuel Rivas: “Teño que repensar se quero continuar na Academia nesta situación”
Entrevista
a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) «A circunstancia actual da institución non é a mesma que cando eu entrei e este cambio obrígame a repensar se debo ou non permanecer como académico», apunta Rivas.
O escritor considera, «aínda que sexa algo inxenuo», que debe quedar algunha esperanza para resolver a situación porque, declara, «eu pediría que Ferrín agotase o seu actual mandato». Rivas asegura sentirse incómodo «con algunhas acusacións vertidas desde o anonimato por académicos» e pide que se abandonde o «cainismo que tantos estragos causa no país para adoptar isto que antes se chamaba altura de miras».
O escritor tamén considera que hai unha «considerable desproporción entre as cuestións que son motivo de polémica e as repercusións das mesmas». Rivas lembra que non sucedeu «nada ilegal» e que pode ser «necesario que a Academia poña en marcha un regulamento para establecer contratacións públicas». Igual que outros consultados, o escritor sinala que a valoración do presidente e da súa xestión «é globalmente boa e esta circunstancia aínda fai máis difícil entender por que a situación acaba en dimisión». Na opinción de Rivas «a situación debería reconducirse desde unha confianza básica, desde unha certa unidade que pense no país e que abandone comportamentos cainitas que non benefician á cultura galega nun momento moi grave para a mesma». (…)”.



