Entrevista a Alfonso Pexegueiro no Diario Cultural da Radio Galega, arredor da súa nova obra Lapsus, publicada por Axóuxere. Pódese escoitar completa aquí.
Arquivos da etiqueta: Lapsus
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2014
Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2014. En total, este ano recibimos 531 enquisas.
Con esta edición, son xa oito as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
Agradecer igualmente á Federación de Librarías de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz ((Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (Xerais).
– Mellor libro de Teatro para Lapsus, de Alfonso Pexegueiro (Axóuxere).
– Mellor libro de Banda Deseñada para O bichero, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Jude o escuro, de Thomas Hardy, traducido por María Fe González (Hugin e Munin).
– Mellor libro xuvenil para Reo, de Xesús Fraga (Galaxia).
– Mellor libro infantil para Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Na cociña de noite, de Maurice Sendak, traducido por Oli (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para David Pintor.
– Mellor portada dun libro para adultos para Olympia Ring, 1934 (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Escarlatina, a cociñeira defunta, con portada de Víctor Rivas (Xerais).
– Mellor editorial para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política lingüística e cultural da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”
Alfonso Pexegueiro: “A sociedade está fundamentada sobre o maltrato e sobre a violencia”
Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Pexegueiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Comezaches Lapsus no 1977. Como foi ese proceso tan delongado?
– Alfonso Pexegueiro (AP): Empecei na primavera no 77, en París, si, estando en Rompente. O tema da infancia é unha constante na miña poesía e deste libro cheguei a pensar que me ía salvar… Mais non é así, ningún libro nos salva. O proceso detívose, retomeino anos máis tarde, houbo xente que leu o libro… Pero había algo que non me cadraba. É que é tan delicado ese mecanismo do absurdo onde se vai descubrindo a realidade falsa que nos impoñen, que me vin desbordado. Ademais, eu penso que o libro constrúese a si mesmo e que nós temos que prestarlle atención á escrita, escoitala. Pasoume con Hipatia: ía ser unha novela e converteuse en poesía. Con Lapsus o que pasou foi que o ano pasado, en novembro, vin que o libro quería saír. Envieillo a David Souto, e así foi. Eu creo que a humanidade está en débeda coa infancia. Sempre trato o tema do conflito pais-fillos, pero nunca o fixera desta maneira tan clara. (…)
– P: Ademais do poder e da violencia, na túa poética está moi presente o medo, o desexo, a escravitude, o exilio…
– AP: O do medo é porque sempre tiven moitos medos. Identifiqueime con Chagall cando dixo que era moi medoso. Porque me transmitiron moitos medos: que a vida non paga a pena… E tiven que deconstruír todo iso. Desde o consciente pouco podemos facer: se cadra entreter. Einstein dicía, en relación con isto, que a distinción entre presente, pasado e futuro é unha ilusión. Eu creo que vivimos nun presente continuado. O poeta ten que estar no pasado e no futuro construíndo o presente. Nos meus libros tento suspender o tempo. Lapsus é, nese sentido, como un libro cubista. Cada catro frases adopta unha perspectiva distinta. A perspectiva desprázase. En realidade sacrificamos a infancia a un futuro que non existe, que cando chega vemos que non era. Algo de eternidade hai en nós. Xogan con nós e co medo á morte, que non ten que ser boa nin mala…
– P: Iso do tempo coméntalo en relación coa Historia, que escribes con maiúsculas moitas veces. Que é a Historia na túa obra?
– AP: A Historia é a gran mentira. A Historia que nos transmiten os historiadores é a do tempo medido. O poeta está entre a historia do tempo medido, a historia interior, a historia persoal, e a historia que quedou colgada, detida. A Historia é mentira, por iso digo en Dados blancos que a Historia é a resistencia ao humano e á ética. A Historia é a sociedade-lei, a lei inxusta, porque unha lei sen ética é unha lei moi dubidosa. A Historia conta o visible, pero hai unha parte invisible que queda oculta, que impide que se constrúa a Historia desde o amor, a liberdade, os soños… Tamén é o corpo maltratado. Como as místicas, os místicos. A culpa terxiversa o desexo, e leva a castigar e torturar o corpo. Temos que construír unha historia desde a liberdade do corpo, o amor, o encontro, o que o poder decapitou. Pensar que o corpo e a alma son unha unidade, -e separalos foi outro erro-, que o corpo non é o pecado. Que non hai maldade orixinaria, senón só represión que construíu o puritanismo. O desexo tamén está en mans do poder. O poder inflinxiu en nós as cicatrices que nos lembran quen é o amo, creadas polas feridas da culpa.”