Arquivos da etiqueta: Laura Veleiro
A Coruña: presentación de Relatos de Cascarilla. 12 contos de xente da Coruña, de César Concheiro
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2022 en Compostela
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2022 en Compostela, que tivo lugar o 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2022, no Panteón de Galegos Ilustres
A AELG organiza o acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 19 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, co apoio de CEDRO.
Este é o programa:
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Lectura do Manifesto da AELG, pola súa autora, Beatriz Maceda Abeleira.
– Lectura de poemas rosalianos:
Lucía Carreira (A. C. Solfa)
Pilar Astray (Asociación Traxe Galego)
Daniel Asorey
Jakson Renner Rodrigues Soares
Montse Vilar Figueirido
Sagrario Abelleira
Nuria Vil
Laura Veleiro
Nacho Pena Maceda
Nee Barros Fernández
– Ofrenda floral.
– Interpretación do Himno Galego polas persoas asistentes.
A Coruña: Beatriz Maceda presenta Lúa en Ningures
Man, a icona do ‘Prestige’ que morreu de tristura
Desde Nós Diario:
“(…) O obxectivo de Man, como o describe Beatriz Maceda para Nós Diario, é “que a rapazada coñeza Man en toda a súa vertente”. “A súa figura paréceme todo un exemplo para a mocidade. Non digo que teñan que ir en taparrabos ou facerse anacoretas, mais se a todos se nos contaxiase algo da súa coherencia e do seu ecoloxismo, mellor nos iría”, engade.
Esa “coherencia” é, para a autora, o trazo definitorio do alemán de Camelle: “Impactoume moitísimo a súa figura, tanto pola súa forma de vida como por esa coherencia que a determinou, tanto no persoal como no referente á súa obra. Era unha persoa que estimaba e admiraba, até o punto de que pasei varios días chorando cando souben do seu pasamento, que para min simbolizou a crueldade desta sociedade”.
Porque Beatriz Maceda, como tantas outras persoas, consideran que Man non morreu “de causas naturais”, como informaron as autoridades, senón “da pena, da tristura” causada por ver a súa terra de acollida tinguida de negro chapapote após da crise do Prestige.
“Cando viu que todo o mar estaba negro, el decidiu pecharse na súa cabana e morrer. A xente da vila ía alí a levarlle comida, pero non lles abría a porta. Cando decidiron botala abaixo, xa era demasiado tarde, estaba morto. A profecía da balea negra facíase realidade”, explica a autora de Man.
Esa profecía da balea negra que referencia a escritora e profesora tivo lugar uns meses antes de que tivese lugar a catástrofe do Prestige, cando Man lle contou a varios veciños da zona un sinistro soño naquel idioma que falaba, un castelán galeguizado profuso en infinitivos: “Seguirá llegando alquitrán hasta que no quedar más en mar, y cuando ya no llega alquitrán, venir una ballena negra, grande como Costa da Morte, muerta. Entonces yo enterrar y todo acabar para min”. Moitos relacionaron o soño do alemán de Camelle co mito da trabe, segundo o cal o home, buscando a trabe de ouro, atopará a trabe de alcatrán e o mundo afundirá.
O volume de Medulia Editorial é unha edición corrixida e aumentada que presenta un novo formato e chega máis de sete anos despois do seu lanzamento orixinal, por parte da desaparecida Galebook.
Beatriz Maceda revela que, no seu momento, o libro tivo “moi boa acollida”, mais facíase “necesaria” esta revisión, porque “as cousas cambiaron moito desde 2012, pois agora hai un museo dedicado á figura de Man e restaurouse a cabana onde vivía”.
Entre os extras desta nova edición destacan “unha unidade didáctica para que a rapazada pense e traballe sobre a figura de Man” e “un anaco do seu testamento, no que expresa o seu desexo de que se conservase o seu legado, quedando a disposición do Ministerio de Educación, para o que deixaba os aforros de toda unha vida, 120.000 euros que nunca se recuperaron, pois quedou con eles Facenda”.
O principal beneficiado da reedición de Man foi o apartado gráfico, que vai asinado pola ilustradora Laura Veleiro. “A anterior edición non estaba mal, pero era cadrada, máis pequena, e o novo formato non presenta esas limitacións, permitindo presentar incluso láminas a dobre páxina”, conta a ilustradora a Nós Diario.
Nos seus debuxos, “feitos con lapis, acuarela e algún detalle en tinta, ao estilo tradicional”, pretende “mostrar, especialmente á rapazada, como estaba o museo de Man e como eran as súas obras cando estaban acabadas de facer, e non estragadas polo tempo, para que miraran a beleza que el vía en todo o que o rodeaba, esa foi a miña inspiración”.”