Aldaolado: “O noso humor non é o chiste polo chiste. Hai un fondo crítico”

Entrevista de Montse Dopico a Lucía Aldao e María Lado en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A idea de sacar un libro [Ninguén morreu de ler poesía] foi proposta de Xerais?
– María Lado (ML): Era unha idea nosa que eu lle propuxen a Fran Alonso. Xa pensaramos había tempo en facer un libro Aldaolado, pero tampouco nos convencía a idea de baixar do escenario e pornos a vender o noso propio libro…
– Lucía Aldao (LA): A iniciativa foi máis cousa de María. Como é sabido, eu teño máis alerxia e medo a publicar…
– ND: Coñecéronse nun recital. Lucía tiña 17 anos e María fora con Yolanda Castaño
– ML: Fora un recital na Fundación Seoane. Un insigne poeta dos 90 chegara moi tarde e deixara o coche parado no medio da rúa cun papel que poñía: “estou estragado, o meu dono volve en cinco minutos”. Pareceunos unha xenialidade…
– LA: Eu fora a aquel recital, de Letras de Cal, para ver as caras da xente que lera ou estudara. E tiven por primeira vez a sensación de: “mira, esta movida pode ser divertida”.
– ML: É que nese momento a xente tiña moito costume de contar batalliñas sobre os poemas nos recitais. Ás veces a explicación sobre o poema era máis longa que o propio poema. Foi a primeira vez que vin que, se había algo de chiste, a xente quedaba contigo. E foi o que acabamos facendo como Aldaolado. O que contamos é algo tanxencial ao poema, algo relacionado: unha imaxe, unha sensación…
– ND: Así naceu o humor de Aldaolado?
– LA: Cando empecei a facer recitais xa contaba parvadas ao empezar, pero facíao para perder o medo. Non era unha estratexia. Era unha maneira de conectar cos ouvintes. Despois xa vin que o facía máis xente…
– ML: Si, logo vimos que é un recurso común na narración oral, por exemplo. Pero nós comezamos a facelo de maneira máis intuitiva.
Lucía: Como ademais os nosos textos son serios, o humor é un modo de quitar ferro. Cando eu tiña 17 anos, o humor era tamén unha maneira de mostrar que era unha persoa divertida e con saúde mental pese ao dramatismo dos meus textos. (…)”

Carlos Lorenzo: “Segue sendo necesario facer ver que a poesía está na barra do bar, nunha pintada na rúa ou en Youtube”

Entrevista de Montse Dopico a Carlos Lorenzo en Praza:
“”Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía. Para iso eu tiña claro que non funcionaría entrar en análises literarias nin en comentarios académicos”. Así explica Carlos Lorenzo, o director do documental Vértice de versos, o seu proxecto para este filme, que acaba de presentar o seu teaser. Falamos con el. (…)
– Praza: O documental trata de contar o acontecido desde os 90 na poesía galega. Non é un proxecto nada doado. Con que criterios (cronolóxico, temático, formal…) formulastes o relato dos feitos?
– Carlos Lorenzo: Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía. Para iso eu tiña claro que non funcionaría entrar en análises literarias nin en comentarios académicos.
Como comentei en varias ocasións durante a rodaxe ou no traballo de edición, estabamos a sacarlle a túnica ao vello poeta; estabamos a facer un documental sobre poetas, e non tanto sobre poesía. Con isto quería deixar claro que os espectadores tiñan que descubrir as persoas que fan poesía, rachando cos tópicos e comprobando que é unha actividade creativa tan natural coma calquera outra e que se está a transformar co tempo igual que outras expresións literarias ou artísticas.
Mais eu sabía que para contar este fenómeno con expectativas de éxito, había algúns feitos na nosa poesía recente que me axudarían a darlle ese brillo atractivo ao documental. Por exemplo, o acontecido nos anos 90, cunha extensa nómina de poetas novos, que comezaron a innovar no modo de ofrecerlle poesía ao público. Dedicamos un tempo a escoitar a Modesto Fraga e a María Lado falándonos do Batallón Literario da Costa da Morte, todo un fenómeno en Galicia que rachou con vellos tópicos.
Ou cal foi o motivo para que nacese unha editorial como Letras de Cal. Estes, entre moitos outros, foron feitos singulares que nos fan ver que aqueles novos e novas poetas non só quedaron na escrita duns versos, senón que tiveron a ansia de levar os seus poemas por innumerables e singulares lugares de toda Galicia. Remato esta pregunta comentando que Vértice de Versos desenvólvese a través de diversos temas sen seguir unha liña cronolóxica definida.
Entre eses temas están o do protagonismo actual da muller na poesía, os novos modos de expresión poética, facemos un rápido repaso pola historia da nosa poesía, cal está sendo a situación actual da nosa poesía, que pode pasar no futuro… E ocupa unha boa parte da metraxe da película escoitar a catro dos poetas falando dos seus inicios, os seus procesos creativos, as súas influencias, os seus premios… Emprégoos como exemplos do que está acontecendo en Galicia na creación poética. Estes autores e autoras son Emma Pedreira, Baldo Ramos, Gonzalo Hermo e Yolanda Castaño. (…)”