A Sega: Letras de muller

ArtigoA Sega en Cultura Galega:
“Este 28 de febreiro cumpriu tres anos de existencia A Sega. Esta plataforma de crítica naceu coa intención de facer visible o traballo das mulleres no campo das letras e de achegar unha perspectiva feminista sobre a nosa literatura. Desde entón, o seu traballo avanzou cara a outros ámbitos como a celebración do Día das Galegas nas Letras. Continuamos a nosa serie sobre a presenza da muller na nosa cultura.
“A iniciativa foi fundamentalmente de María Reimóndez, que nos escribiu un correo a xente da creación e da crítica literaria con certa sensibilidade feminista”, explica Lara Rozados, unha das compoñentes do grupo. “A intención era facer unha plataforma de crítica literaria a través de Internet”. Ao grupo inicial fóronse incorporando novos nomes ata, na actualidade, concentrar colaboracións de Ánxela Lema París, Verónica Martínez, Ana I. Morales, Andrea Nunes Brións, Andrea Ruthven, Eli Ríos, Susana Sánchez Arins, Beatriz Suárez Briones e Lau Ríos, ademais da propia Lara Rozados e de María Reimóndez. No grupo atópanse perfís de filólogas, tradutoras, profesoras universitarias, poetas, xornalistas, e mesmo unha lectora adolescente. O equipo complétase con Lucía López, responsable da programación web.
Necesidade
Segundo explica o propio texto de presentación do colectivo, “A Sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade”. Segundo explica Lara Rozados, esta problemática non é específica deste ámbito nin da nosa cultura. “No campo literario, ao igual que en moitos outros, a obra das mulleres está infrarrepresentada. É unha parte moi pequena do que se estuda e sobre o que se fai crítica”, explica. “Ademais, as visións sobre as obras escritas por mulleres non teñen unha óptica feminista, senón que parten de visións paternalistas que as ollan como un subxénero ou se campo. Deste xeito, incardínase como literatura de muller unha serie de campos e de tópicos”. Ante esta situación, a necesidade dunha plataforma para potenciar a crítica feminista nas nosas letras “era unha perspectiva totalmente necesaria, non só na literatura, senón tamén na crítica cinematográfica, teatral e cultural en xeral. Do que se trata é de rachar a autoridade patriarcal neste campo, o feito de que en xeral os que opinan e teñen autoridade para o facer son homes. Na academia, entendida no sentido máis amplo, os opinadores seguen a ser homes. Reclamamos o dereito a falar desde nós mesmas e sobre nós mesmas, cunha perspectiva claramente feminista”. (…)”

Mondoñedo é poesía

DesdeMondoñedo é poesía Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”