Acto conmemorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, o sábado 30 de xullo

O sábado 30 de xullo, ás 12:30 horas, no Cemiterio de Boisaca (diante da campa onde está soterrado o poeta) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto conmeorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, organizado polo Centro PEN de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Consellería de Cultura e Turismo, co seguinte programa:
– Palabras de presentación a cargo de Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Galicia).
– Intervencións de:
* Luciano Rodríguez. O pó dos días de Aquilino.
* Xurxo Martínez González. Pervivencia da poesía de Iglesia Alvariño.
* Xosé Luís Méndez Ferrín (Presidente da Real Academia Galega).
– Recital de poemas a cargo de: Miro Villar, Bieito Iglesias e Salvador García-Bodaño.
– Palabras de agradecemento de Aquilino Iglesia Ferreirós (fillo do homenaxeado).
– Ofrenda floral e interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.

Crónica posterior en Galiciaé.

A Insua dos Poetas: Xosé María Díaz Castro será o homenaxeado na III Festa da Palabra

O sábado 9 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarmás, no límite entre O Irixo e Carballiño), terá lugar a III Festa da Palabra, cunha homenaxe a Xosé María Díaz Castro. O mantedor do acto será Luciano Rodríguez Gómez.
O programa previsto para este día consistirá nun acto literario, no que intervirán estudosos da obra de Díaz Castro. Seguidamente, procederase ao recital, onde poetas lerán composicións propias e de Nimbos, e a inauguración da escultura de Xosé Cid, alegórica do poema Penélope, recollido na mencionada publicación. Tamén haberá un xantar literario, coma en edicións anteriores, no que os veciños das parroquias colindantes, compartirán palabras cos escritores e artistas da cultura.
A Insua dos Poetas comeza a súa andaina no ano 2009, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Libro, impulsado polo escritor e actual presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, e apoiado pola escritora brasileira Nélida Piñon, o pintor Antón Lamazares e o escritor Manuel Rivas. Este espazo cultural, cedido polo poeta González Tosar, está situado nunha finca de hectáreas e sita no linde entre os Concellos do Irixo e O Carballiño. Pola súa banda a Fundación Insua dos Poetas está actualmente en trámite, nela participan desde institucións até escritores, e ten como finalidade establecer un diálogo creativo nun espazo aberto á natureza, así como tamén a defensa do medioambiente e a liberdade de expresión.
Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, Xornal e La Voz de Galicia.

Santiago: Poesía Suspensa, mostra poética e pictórica

Do venres 3 de decembro ao domingo 30 de xaneiro, na Zona C (San Domingos de Bonaval, s/n.) de Santiago de Compostela, pódese visitar a mostra poética e pictórica Poesía Suspensa, comisariada por Luciano Rodríguez e Emilio Liñares. O proxecto aspira a seducir cara o pensamento que emana das 52 pezas poéticas doutros tantos autores, así como dos cadros e ilustracións levadas a cabo polos pintores Xurxo Gómez-Chao, Isabel Pintado e Fidel Vidal, que acompañan os textos e embelecen os espazos dispostos para tal fin. A voz de autores como Lêdo Ivo, José Emilio Pacheco, Billy Collins, Yves Bonnefoy, Úrsula Heinze, Xohana Torres ou Gioconda Belli, entre outros moitos conforman esta escolma. Cada poema, exposto no seu idioma orixinal, vén acompañado da súa tradución ao galego, agás no caso daqueles redactados orixinariamente en castelán ou portugués. A proposta, co apoio de Política Lingüística, do Departamento Territorial de Cultura da Xunta na Coruña, do Concello de Santiago e o Xacobeo, emerxe do homónimo libro, publicado por Luciano Rodríguez coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello e a colaboración do Pen Clube Galicia, en Espiral Maior. A inauguración terá lugar venres 3 de decembro a partir das 20:00 horas.

Ourense: conferencia de Luciano Rodríguez

Dentro do ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” do Liceo de Ourense, terá lugar o próximo mércores 2 de xuño, a partir das oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Entidade liceísta, a conferencia de Luciano Rodríguez Gómez sobre Aquilino Iglesia Alvariño, o autor do primeiro libro galego de entidade da posguerra (Cómaros Verdes, 1947).

Centenario de Aquilino Iglesia Alvariño

Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, no de Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século XX.

Con motivo do centenario do seu nacemento, Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez, aproximación á súa obra poética estruturada en dúas sesións: Os días, que dá conta da súa peripecia biográfica, e As palabras, que propón unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.

Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín hoxe venres, 12 de xuño a partir das 19:00 horas, cunha recepción diante do concello. A seguir os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha placa conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia. De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (Director Xeral de Cultura).