A Coruña: Luz Pozo e Luís García Montero no ciclo Poetas di(n)versos

LuzMontero

O ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña chega este próximo martes 15 á segunda das súas citas mensuais. Se as lecturas sempre reúnen a un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia, nesta ocasión será a grande dama da poesía galega, Luz Pozo Garza, quen faga parella con Luis García Montero, un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual.

Ao remate dos actos, os autores poden asinar os seus libros para todos aqueles lectores que llo soliciten, quen tamén poden adquirir alí mesmo os títulos que lles falten. Antes, entre as 18h e as 19h de cada unha das xornadas do ciclo, no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada.

Descargar folleto informativo en PDF

Culleredo: homenaxe a Luz Pozo

O vindeiro mércores 14 de outubro na aula de poesía Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa ás 20 horas terá lugar unha homenaxe á poetisa Luz Pozo Garza que consistirá na prantación dunha camelia na sua honra e na presentación do seu último libro Deter o día cunha flor, ilustrado con gravados de Xosé Valentín. Luz Pozo recibirá ademais o primeiro galardón anual da Biblioteca “Uxío Novoneyra” aos poetas máis destacados.

Luz Pozo gaña o premio Ramón Piñeiro “Facer País”

Luz Pozo Garza vén de gañar a oitava edición do premio Ramón Piñeiro “Facer País”, que recoñece o labor desenvolvido por persoas ou entidades galegas a prol do país. A escritora de Ribadeo é a primeira muller que recolle este galardón, ao que optaban 35 cadidaturas na súa VIII edición. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]

A Coruña: inauguración da exposición Deter o día cunha flor

O artista José Valentín expón na Coruña a colección Deter o día cunha flor, que recolle os gravados que o artista preparou para os poemas de Luz Pozo, publicados nun libro do mesmo título por Baía Edicións. O acto de inauguración terá lugar na Casa Museo Casares Quiroga, rúa Panadeiras 12 (A Coruña), o mércores 29 ás 20:00 horas, en el participarán o tamén gravador e humorista Siro López. A exposición estará aberta do 28 de xullo ao 16 de agosto.

Vigo: presentación do libro Deter o día cunha flor

Mañá mércores 20 de maio ás 19:30 horas na Casa do Libro de Vigo (R/ Velázquez Moreno, 27) terá lugar a presentación do libro de poemas de Luz Pozo Garza Deter o día cunha flor, ilustrado a toda cor polo gravador betanceiro José Valentín e editado por Baía. No acto, xunto a Luz Pozo e José Valentín, intervirán o profesor, poeta e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, a poeta María do Carmo Krukenberg e a directora editorial Belén López Vázquez, quen se encargarán de facer unha aproximación crítica a esta obra que combina a literatura poética e a expresión plástica e que ofrecerán un recital poético.

«”Non existe a arte, só os artistas”. Se así o aceptamos, podería explicarse a afinidade, a irmandade, entre dúas formas de expresión, imaxe e palabra, que se complementan. Antiga é a relación. Xa Simónides de Ceos sostiña que “a poesía é unha pintura falada, e a pintura unha poesía muda”. Luz Pozo e José Valentín seguen unha tradición ben nosa: houbo épocas nas que non se concebía a edición dun libro galego sen as correspondentes ilustracións: de Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Xohan Ledo (…).

Relación constantemente renovada, a da pintura e a poesía, que volvemos atopar nesta obra, síntese fecunda de dúas achegas a un todo harmónico. Deter o día cunha flor, este é o título, enunciado-propósito, do libro de Luz Pozo Garza e José Valentín; Luz Pozo, unha das nosas máis grandes poetas; José Valentín, revelación serodia, pero a tempo, dun artista moito máis importante do que a súa modestia lle permite aceptar. Luz e José, dous creadores cun enfoque común de interacción e apoio».

(Do prólogo de Xulio López Valcárcel)

 

A Coruña: presentación de libros da fotógrafa Maribel Longueira

O mércores día 20 de maio ás 20.00 horas na Fundación Caixa Galicia na Coruña presentaranse os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba da fotógrafa Maribel Longueira, editadas pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración. No acto participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro e Estíbaliz Espinosa.

A Coruña: recital poético de Luz Pozo e Manuel Álvarez Torneiro

pozogarzaluzA Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que mañá martes 12 de maio terá lugar un novo recital do Ciclo Poetas coruñeses con Manuel Álvarez Torneiro e Luz Pozo, presentados por Xavier Seoane. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º) con entrada libre.

A Coruña e Lugo: presentación do libro de Luz Pozo e José Valentín

deterdiaflor
O vindeiro mércores día 22 de abril, ás 20.00 horas, na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24), terá lugar a presentación do libro Deter o día cunha flor de Luz Pozo Garza e José Valentín, editado por Baía. No acto intervirán, ademais dos autores, Ánxeles Penas, Olga Patiño e Belén López Vázquez.

A seguinte presentación terá lugar en Lugo o mércores día 29 de abril, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de San Domingos, 4), e contará coa participación dos autores acompañados por Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Belén López Vázquez.

Luz Pozo Garza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxeles Penas e Xulio Valcárcel recitarán na Arabesque Gallery d’ A Coruña

Arabesque GalleryO 21 de xuño, ás 20:30 horas, Luz Pozo Garza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxeles Penas e Xulio Valcárcel participarán nun recital poético ofrecido pola Arabesque Gallery (Pza. María Pita, 25B) con motivo da mostra “Transformando a materia”, de Enrique Ferrer, Fina Mantiñán e Ánxeles Penas.