
Arquivos da etiqueta: Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo: Séculos a escribir teatro
Entrevista de Afonso Becerra a Manuel Lourenzo en Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): Pero a onde quero ir chegar é que che acaban de dar o Premio da Cultura Galega non de teatro ou de literatura dramática, senón das Letras.
– Manuel Lourenzo (ML): A min tamén me sorprendeu. Será para darme o premio como escritor. Debe ser porque publiquei as supostas obras completas, con seis tomos… Ao mellor é por iso. Tamén é para meterme nese estatuto, aí nas letras, veña… a traballar soíño!
En todo caso, acólloo con agradecemento e con orgullo, porque é resultado do traballo de toda unha vida, dedicado sempre ao mesmo, escribindo sobre o que eu máis quero, sobre o país, sobre a xente. Eu amo á xente, entendes?
Sempre gostei da literatura, aínda que o meu sexa o teatro, sempre escribín moreas de obras, aínda que soubese que non se ían poñer en escena. Nunca fixen ningunha xestión para que os meus textos se puxesen en escena. Se algún día lle interesan a alguén que os poñan. O meu traballo é escribilas e algunhas delas escribinas para facelas eu, porque me interesaban, por exemplo Xoana, a que chaman a tola, a de Castela, cando os tolos eran o pai e a nai e non ela, sobre todo a nai e logo dicían “Juana la loca”. Non señor! “Isabel la loca!” E eu quixen falar diso, á miña maneira. Hoxe faríao con moita máis violencia, porque teño máis coñecemento e lin máis cousas sobre Xoana.
A min pásame unha cousa: o teatro que chamamos clásico, da Grecia clásica, Shakespeare, Cunqueiro, está continuamente fluíndo en min e eu estou volvendo a el. Porque sempre penso que esquecín algo alí, que hai unha riqueza que non souben ver. Pero tamén hai autores novos que aparecen, que me tolean a cabeza e que necesito ir a eles constantemente. Por iso teño dúas bibliotecas enormes, con autores que non me dá tempo a reler todas as veces que eu necesitaría para telos ben incorporados. E despois, teño a sorte de ser deste país, no que hai unha tradición oral moi importante e eu tiven a sorte de nacer nunha aldea e vivir alí até o bacharelato, entre as montañas e o val, onde todo se contaba, aínda que fose polo baixo, onde a relixión era algo moito máis amplo que a Biblia. E eu fun absorbendo moito de todo iso. E iso ficou perenne en min e volven á miña memoria lembranzas que me poñen a escribir. Eu necesitaría polo menos cen anos máis para escribir todo o que quero escribir. (Risos) Para dicir aínda algunhas cousas que quixera ter tempo de dicir.
Agora, por exemplo, estou a escribir dunha maneira diferente, que vai revolucionar todo o que escribín antes.
– E: Que muda?
– ML: Que non hai referencias nin acoutacións e que, ás veces, hai unha especie de escurantismo en canto a personaxes, en que ás veces é tan colectiva a cousa que… hai que ter vivido noutra época para darse conta do que estás vendo. Misterios da alma humana que saen ao papel. E, se a alguén lle interesa, que os saquen ao escenario.
O caso é intervir, eu fágoo á miña maneira. Un dramaturgo non se xubila e debe seguir intervindo. Máis aínda no meu caso, que son un “traumaturgo”, como fun chamado unha vez por un membro dun xurado. E gustoume iso! (…)”
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do grande escritor Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo, escritor e referencia fundamental do teatro galego contemporáneo, finou o 10 de agosto na Coruña. O seu inmenso legado como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais, entre elas a fundación dos grupos e compañías O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e Casahamlet, así como a enorme calidade humana da súa persoa, foron unanimemente recoñecidos con múltiples premios, entre eles a Homenaxe Letra E dedicada pola AELG ao autor en 2007 na súa terra natal, Ferreira do Valadouro.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, da que salientamos esta entrevista onde fixo un repaso demorado a toda a súa traxectoria.
A súa obra o seu exemplo vital déixannos unha pegada indelébel, como persoa e escritor que mantivo a independencia fronte ao poder ao longo de toda a súa vida para ser fiel aos seus principios, así como unha postura critica insubornábel fronte aos inimigos da Galiza e a súa cultura.
A Coruña: representación de Neste feble tempo de frautistas, baseado en textos de autorías diversas
Compostela: presentación da Cátedra Otero Pedrayo e concesión da Insignia de Ouro a Manuel Lourenzo
Desde a Universidade de Santiago de Compostela:
“A Cátedra institucional Otero Pedrayo inicia o mércores 14 a súa andaina co acto de imposición da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ao actor e dramaturgo galego Manuel María Lourenzo Pérez.
Será o reitor Antonio López quen presida este acto ás 12.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), que estará acompañado da directora da cátedra, Dolores Vilavedra, e do co director, Francisco Durán.
A Cátedra traballará para manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX. As súas actividades procurarán expandirse nos ámbitos galego, estatal e internacional impulsando a colaboración tanto con institucións e entidades públicas, o Institut Ramon Llull ou o Instituto Cervantes, por exemplo, como emanadas da sociedade civil, tal como diversas fundacións ou casas-museo na traxectoria, o pensamento e a obra do autor, así coma co estudo da tradición galeguista e da memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras. “
Os Premios da Cultura Galega 2024 recaen en Manuel Lourenzo, Xosé María Pérez Barro, Marta Pazos, Joaquín Martínez, Ficción Producións, Julia Díaz, Xosé Manuel González e o Real Club Celta de Vigo
Desde a Xunta de Galicia:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega 2024 reuniuse en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas:
– Letras. Manuel Lourenzo.
– Artes Visuais. Xosé María Pérez Barro.
– Artes Escénicas. Marta Pazos.
– Música. Joaquín Martínez.
– Audiovisual. Ficción Producións.
– Lingua. Julia Díaz.
– Patrimonio Cultural. Xosé Manuel González.
– Proxección exterior. Real Club Celta de Vigo.
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de Igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Henrique Monteagudo, académico numerario, en representación da Real Academia Galega; Xosé Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Maximino Zumalave, académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes; así como profesionais de recoñecido prestixio, como Kirenia Martínez Acosta, xestora cultural, bailarina e coreógrafa; Lucía Carballeda Suárez, historiadora da arte e galerista; e Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.”