Arquivos da etiqueta: Margarita García Candeira
Compostela: presentación de Os inocentes, de María do Cebreiro
O venres 19 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, María do Cebreiro presenta Os inocentes, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Margarita García Candeira e Ismael Ramos.
A revista Journal of Galician Contemporary Studies dedícalle un monográfico ao “planeta” literario de Xavier Queipo
Desde Sermos Galiza:
“Co título xenérico de Espazos naturais, mobilidades textuais: novas perspectivas críticas sobre a obra de Xavier Queipo a revista Journal of Galician Contemporany Studies reúne varios traballos arredor da obra do escritor nun monográfico con estudos de Martín Veiga, Enrique Santos Unamuno, Margarita García Candeira e David Miranda-Barreiro ademais dunha entrevista co autor e unha antoloxía de textos inéditos.
O escritor Martín Veiga é o autor da longa conversa con Queipo ademais do texto introdutorio que fai a primeira achega a súa obra titulado Benvida ao planeta Queipo: mobilidade, outredade e viaxe interior en “Nos dominios de Leviatán”.
A Xenealoxía dun imaxinario boreal é o tema ao que se achega Enrique Santos Unamuno mentres Margarita García Candeira afonda na súa poesía desde a ecolingüística co título A natureza, refuxio e abismo. Pola súa parte, David Miranda-Barreiro, aproximarase a outros dos grandes temas da narrativa de Xavier Queipo, o da viaxe. En “Extramunde”: a narrativa da viaxe e o paradoxo da alteridade volverá sobre a escrita dun autor que construíu moitas das súas historias en terras lonxanas. (…)”
Santiago: Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada
Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada é un congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única.
O congreso presencial estará formado por 5 xornadas (28 de febreiro, 21 de marzo, 25 de abril, 30 de maio e 27 de xuño), once conferencias (cos seus correspondentes retruques), 9 mesas redondas, un recital poético e medio centenar de relatorios de especialistas. Celebrarase no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), Santiago de Compostela.
O congreso virtual estará aberta a comunicacións libres, coas mesmas liñas temáticas do congreso presencial.
Os seus obxectivos son:
– Amosar a vixencia da obra de Rosalía no século XXI e alentar o seu aprecio por parte do público galego e non galego de todas as xeracións.
– Acoller e poñer de relevo as novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do extraordinario pulo que para os estudos rosalianos supuxo o Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, que tivo lugar en 1985 e no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.
– Estimular novas lecturas críticas da obra rosaliana para propiciar o avance do seu coñecemento.
XOVES 28 DE FEBREIRO
ROSALÍA DE CASTRO ANTE OS PROCESOS DE CAMBIO SOCIAL E CULTURAL DO SÉCULO XIX. Coordinadora: María do Cebreiro Rábade.
– 09:30 h. Inauguración do Congreso.
– 10:00 h. A evolución política/intelectual do matrimonio Murguía-Castro, desde os anos sesenta aos anos oitenta do século XIX, Xosé Ramón Barreiro Fernández. Retrucante: Catherine Davies.
– 12:00 h. Mesa redonda: Rosalía ante os discursos científicos e as novidades tecnolóxicas do seu tempo. Moderador: Francisco Díaz-Fierros. Interveñen Mari Lires, Mirta Suquet e Margarita García Candeira.
– 16:00 h. Rosalía de Castro e América, Catherine Davies. Retrucante: Pilar Cagiao.
– 18:00 h. Mesa redonda: Usos e ideas sobre a lingua na obra de Rosalía. Moderador: Henrique Monteagudo. Con Xosé A. Fernández Salgado, Carme Hermida e Goretti Sanmartín Rei.
XOVES 21 DE MARZO
DO PRIVADO AO PÚBLICO: A CONFIGURACIÓN DA ROSALÍA ESCRITORA. Coordinadora: Dolores Vilavedra.
– 10:00 h. Avances na investigación da biografía rosaliana. Por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Retrucante: María do Cebreiro Rábade.
– 12:00 h. Mesa redonda: As imaxes en Rosalía, as imaxes de Rosalía. Moderadora: Marta Pérez Pereiro. Con Helena Miguélez, Arantxa Serantes e Fernando Pereira Bueno.
– 16:00 h. O paradigma autorial de Rosalía de Castro: unha denominación de orixe, por Pilar García Negro. Retrucante: María López Sández.
– 18:00 h. Recital poético.
XOVES 25 DE ABRIL
CARA A UNHA INTERPRETACIÓN GLOBAL DE ROSALÍA: HERMENÉUTICA, FONTES E EDICIÓN. Coordinador: Anxo Angueira.
– 10:00 h. Para unha interpretación integral da obra rosaliana, por Xesús Alonso Montero,. Retrucante: Dolores Vilavedra.
– 12:00 h. Mesa redonda: Editar Rosalía. Moderador: Anxo Angueira. Con Henrique Monteagudo, Aurora López, Ana Rodríguez Fischer e Juan Barja.
– 16:00 h. Mesa redonda: O mundo editorial da época. Moderador: Andrés Pociña. Con Xurxo Martínez González, Santiago Díaz Lage e Carmen Pérez Pais.
– 18:30 h. Gótico e romantismo alemán en Rosalía:
* Rosalía e o Volksgeist; resonancias do romanticismo alemán no contexto galego, por Derek Flitter.
* A cuestión do gótico nas novelas de Rosalía, por César Domínguez.
XOVES 30 DE MAIO
ROSALÍA NO CONTEXTO INTERNACIONAL: PARALELISMOS E INFLUENCIAS; DIFUSIÓN E ACTUALIDADE. Coordinadora: Rosario Álvarez.
– 10:00 h. Modelos estéticos da obra rosaliana no contexto europeo, por Javier Gómez-Montero. Retrucante: Arturo Leyte.
– 12:00 h. Mesa redonda: Rosalía e o canon literario do seu tempo. Moderadora: Olivia Rodríguez González. Con María Xesús Lama López, José Manuel González Herrán e Fernando Cabo Aseguinolaza.
– 16:00 h. Flavio e mailo Cabaleiro vestidos de inglés, por Kathleen N. March. Retrucante: María Teresa Caneda Cabrera.
– 18:00 h. Mesa redonda: A proxección exterior da obra rosaliana. Moderador: Javier Gómez-Montero. Con Olga Castro, Jonathan Dunne e Áurea Fernández Rodríguez.
XOVES 27 DE XUÑO
ROSALÍA Á LUZ DOS NOVOS PARADIGMAS CRÍTICOS. Coordinadoras: Helena González e Dolores Vilavedra.
– 10:00 h. A obra de Rosalía: como convencer os galegos de que o somos, por Francisco Rodríguez. Retrucante: Helena González.
– 12:00 h. Mesa redonda: Rosalía á luz do pensamento feminista. Moderadora: Margarita Ledo. Con Carmen Blanco, María Reimóndez e María Xesús Nogueira.
– 16:00 h. Rosalía e os emigrantes galegos, 1880-1970: da polisemia do mito na diáspora, por Xosé M. Núñez Seixas. Retrucante: Afonso Vázquez-Monxardín.
– 18:00 h. Mesa redonda: Cantares gallegos, novas perspectivas de análise. Moderador: Anxo Angueira. Con María López Sández, Helena González e Álex Alonso.
Terceiro número de Revista de Poesía
“Desde xa pode lerse e baixarse en pdf o número 3 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral. Inclúe artigos, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional.
poesiagalega.org pon a disposición pública o terceiro número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar.
Esta será a última entrega da xeira que se inaugurou hai un ano. Vén coincidir coa finalización das actividades programadas para o trienio 2010-2012 polo GAAP e o equipo do proxecto de investigación poesiagalega.org.”
Publicado o Revista de Poesía nº 2 en Poesía Galega
“Pode lerse e baixarse en pdf o número 2 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas, obra gráfica e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon a disposición pública o segundo número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. (…)” Vía Poesiagalega.
Publicado o nº 1 da Revista de Poesía
Desde Poesía galega:
“Publicamos hoxe o número 1 da Revista de Poesía, un proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon hoxe a disposición do público o primeiro número pechado da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. A saída de cada número da Revista de Poesía ten un dobre carácter: líquido (iremos publicando na páxina web os artigos do número seguinte na medida en que os vaiamos recibindo) e sólido (semestralmente, en maio e novembro, pecharemos e maquetaremos cada número nun arquivo conxunto). Actualmente ofrecemos xa material do número 2, onde potenciamos a revista con seccións novas e máis colaboracións abrindo unha vía cara aos contidos gráficos e a poesía visual. O enderezo de contacto para enviar textos é gaapsdc@gmail.com e podedes consultar aquí as normas de publicación.”
O Grupo de Investigación Rosalía de Castro estrea web
“O Grupo de Investigación Rosalía de Castro, coordinado por María do Cebreiro Rábade e cun proxecto orientado ao estudo da obra narrativa rosaliana, anuncia a publicación do seu web, con información sobre produción e reunións científicas, bibliografía e máis datos.
O obxectivo do proxecto é emprender unha análise da obra narrativa de Rosalía de Castro dende tres claves metodolóxicas: historiografía literaria comparada, estudos de xénero e estudos de tradución. Asemade, o proxecto pretende contribuír á difusión social da literatura de Rosalía e participar do proceso de renovación dos estudos rosalianos.
Os membros do grupo son: Fernando Cabo Aseguinolaza (USC), Margarita García Candeira (Universidade de Huelva), Helena Miguélez Carballeira (Universidade de Bangor), Kirsty Hooper (Universidade de Liverpool), María López Sández (USC), Manus O’Duibhir (USC), María do Cebreiro Rábade Villar (USC), Mirta Suquet Martínez (USC) e Dolores Vilavedra (USC).” Vía Poesía galega.
Barcelona: Rosalía de Castro, unha musa fecunda
“O pasado venres 18 de novembro celebrouse en Barcelona o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, organizado pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, o Centre Dona i Literatura e a área de Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona. A xornada contou coa presenza de investigadoras galegas e catalás como Margarita García Candeira, María do Cebreiro, Dolores Vilavedra, Helena Miguélez-Carballeira, Joana Masó ou Isabel Clúa. As sesións matinais estiveron dedicadas ao estudo da obra narrativa da autora galega e á análise da conciencia de escrita de Rosalía de Castro a partir das novas lecturas dende xénero. Pola tarde a gran protagonista foi Catherine Davies (The Nottingham University), que en 1987 publicou Rosalía de Castro no seu tempo, editado pola editorial Galaxia. Este ensaio erixiuna nunha figura fundamental nos estudos rosaliáns, despois de obter unha gran recepción entre a crítica. A autora someteuse, primeiramente, a unha rolda de preguntas que lle trasladaron María Xesús Lama e Dolores Vilavedra. A conversa distendida serviu para que relatase como foi a xestación deste ensaio, as trabas que atopou na procura de material, como chegou a Rosalía despois duns anos vivindo en Vigo, como aprendeu a lingua de Follas Novas co Gallego 1 e como, dende o Reino Unido, lle enviou o texto definitivo a Ramón Piñeiro que llo devolveu tempo despois en forma de libro. O seminario concluíu coa conferencia Rosalía de Castro no contexto do século XIX en España e Hispanoamérica, impartida por Catherine Davies. Ante unha sala chea debuxou o panorama político, social, literario e económico no que escribía a autora de Cantares Gallegos. Recoñeceu, finalmente, que, vinte e cinco anos despois de ter escrito Rosalía de Castro no seu tempo, rectificaría algunhas ideas e ofrecería unha lectura anovadora nalgúns aspectos.”