Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2013. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Con esta edición, son xa sete as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en participar.
Agradecer igualmente á Federación de Libreiros de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de Narrativa de adultos para Cadeas, de Xabier López (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos).
– Mellor libro de Ensaio para Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Operario, de Jano (Demo).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Ulises, de James Joyce, por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (Xerais).
– Mellor libro infantil para Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, traducido por Carlos Acevedo (Faktoría K).
– Autor do ano para Xabier López.
– Ilustrador do ano para Manel Cráneo.
– Mellor portada dun libro para adultos para A lúa da colleita (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Pan de millo (Kalandraka).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Ramón Nicolás.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para os recortes en Cultura.
– Mellor Libraría para Andel.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

Xavier Queipo: “Traducir o Ulises é unha homenaxe á Xeración Nós”

Entrevista de Carme Vidal a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para un escritor enfrentarse ao reto da tradución do Ulises de Joyce?
– Xavier Queipo (XQ): Traducir é un exercicio saudábel para calquera escritor. Axuda a espeluxar os labirintos internos da escrita. Axuda tamén a procurar opcións na propia lingua, a explorar camiños non transitados. Neste sentido é recomendábel para a formación de calquera escritor.
Constitúe, sen lugar a dúbidas un reto, mais un reto que non pode senón implicar unha maduración no xeito propio de escribir. No caso de Joyce, e do Ulysses en particular o reto é maior, considerando a complexidade formal do texto. (…)
– SG: Por que un narrador, alén de tradutor, decide asumir o traballo titánico da tradución dunha novela de tal envergadura? Canto tempo lle leva dedicado á tradución?
– XQ: Cando Víctor Freixanes falou do asunto, hai agora máis dunha década, con ocasión dunha visita a Bruxelas en novembro de 2002, eu dixen que precisaba pensalo uns días; pois o susto foi grande. Eu só non me atrevía, por non me considerar nin coas forzas nin cos coñecementos necesarios para afrontar a tradución en solitario. Antón Viale entrou deseguido no xogo. Despois decidimos pedir a axuda dunha terceira persoa, Eva Almazán, que xa traballaba para Galaxia e tiña sobrada reputación. María Alonso Seisdedos entrou no proxecto na súa fase final, coido que a finais de 2011, e foi de gran axuda para pór os borradores en orde e dar o impulso necesario para dar rematado o choio, que logo de certas dúbidas tanto no eido económico como no feito da negativa dos herdeiros de Joyce a autorizar a publicación, ficara en punto morto alá polo 2006.
Lembro un día no inicio do verán, sendo eu moi neno, paseando por Compostela, o meu pai sinalou a un tipo de aparencia gris e entrado en carnes, e dixo, nunha mestura de respecto e admiración: ese señor é Otero Pedraio. Daquela non entendín o por qué da admiración. Pasados os anos, cheguei a comprender e partillar o respecto e sentín que tiña unha débeda dupla: co meu pai, por descontado, e con Otero e toda a súa xeración de resistentes. Ou sexa, que cando Víctor propuxo o reto, unha luz prendeu nos labirintos da memoria e non puiden dicir que non. Esa é a explicación final, teorías aparte; o demais é conversa. (…)
– SG: Que supón, ao seu ver, que unha novela que está considerada iniciadora da narrativa moderna chegue agora a nosa lingua arredor de noventa anos despois da súa publicación?
– XQ: A importancia é dupla. Por unha banda poñemos a disposición dos lectores en galego unha obra de importancia capital da narrativa do século XX. Por outra, constitúe unha homenaxe a Xeración Nós e a Otero en particular, pola súa modernidade e afouteza, polo seu valioso legado. Pode verse como unha obriga xeracional, recollendo o facho que eles nos deixaran, e seguir así na carreira de dignificar a nosa lingua, de espallar o noso coñecemento, de normalizar o uso do galego, en definitiva, de aceptar que somos quen nós somos. (…)”

Premios da AELG 2010

[blogaliza.org emitiu os premios ao vivo por qik.com]

ENSAIO, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, POESÍA, NARRATIVA, TRADUCIÓN, TEATRO, TRAXECTORIA XORNALÍSTICA E BLOG LITERARIO

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.

Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.

Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:

Ensaio: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)

Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)

Poesía: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)

Narrativa: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)

Tradución: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)

Teatro: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)

Mellor traxectoria xornalística: Manuel Rivas

Blog Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas

Institucións: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Escritor Galego Universal: Juan Gelman