Salvaterra: actos literarios do XXV Festival de Poesia do Condado, o 2 e 3 de setembro

A XXV edición do Festival de Poesia do Condado, organizado pola S. C. D. Condado, baixo o lema Sem as mulheres nom há revoluçom, na sexta-feira 2 e o sábado 3 de setembro, conta coas seguintes actividades literarias dentro do seu programa:

Sexta-feira 2:
22:30 h. Noite nas minas, nas Covas de Dona Urraca. Recital de María do Cebreiro, concerto de De outra margem, e, ao remate, comida, repichoca e festa. Ten aforo limitado e unha entrada de 10 euros (reservas no correo info@scdcondado.org, ou no teléfono 986-658036).

Sábado 3:
12:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do libro colectivo de poesía Mulheres entre poesia e luita, publicado pola Assembleia de Mulheres do Condado, coa presenza de Ilduara Medranho, Andrea Nunes e Belém Grandal.
18:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do último libro de poemas de Claudio Pato, publicado en Estaleiro Editora.
Ao longo do día, no mesmo emprazamento, as Covas de Dona Urraca, terán lugar as proxeccións de vídeo-poemas, con obras de María Lado, Ledicia Costas, Lucía Aldao e o Colectivo Rec-deiras.
21:00 h. Festival poético-musical, na Zona das Murallas, presentado por Os da Ría. As e os poetas participantes son: Andrea Nunes Brións, Catarina Nunes, Claudio Pato, Iolanda Aldrei, Lorena Souto, Manuel Darriba, María Rosendo, Paula San Vicente, Séchu Sende e Xosé María Álvarez Cáccamo. Os grupos musicais serán Habelas Hainas, Marful, Ulträqäns, Cuchufellos e Maria Alice (Cabo Verde).

“Os Premios da Crítica renacen sen dar soterrada a polémica”

Reportaxe de Santiago Jaureguizar en El Progreso: “(…) A directiva da Fundación Premios da Crítica de Galicia renovada presentouse o xoves 4 Santiago. [Bieito Ledo é presidente], Antón Pulido pasou a ser vicepresidente, encargándose a Manuel Bragado a secretaría. Os outros cargos son vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó, e vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela. Un total de 42 persoas integraran os xurados de Creación Literaria, Ensaio, Investigación, Música, Arte e Iniciativas Culturais. Terán a potestade de designar o nome do Galego Egrexio.” A nova recóllese tamén en Cultura Galega.

Antoloxía de autores galegos na revista electrónica BigBridge, a cargo de F. R. Lavandeira

‘A revista electrónica estadounidense BigBridge ven de publicar no seu nº 15 unha pequena antoloxía de autores e autoras das letras galegas. O coordinador da escolma, o rianxeiro Fernando Ramón Lavandeira Suárez, subliña que “o obxectivo era dar a coñecer algo da nosa literatura actual a un público non moi -por non dicir nada- afeito a ela, como é o estadounidense”. BigBridge amosa unha escolma de once autores contemporáneos, como Miro Villar, María do Cebreiro, Inma López Silva ou Anxos Sumai, tanto en prosa como en verso. Por cada un dos autores o lector da revista pode consultar unha biografía, unha autopoética e unha selección da súa obra. As traducións corresponderon ao propio Lavandeira cara o castelán e de Terri Carrión para o inglés.’ Vía Fervenzas Literarias.

Santiago: presentación de Fogar impronunciable, de María do Cebreiro

O mércores 8 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, o último ensaio de María do Cebreiro, publicado en Galaxia. A autora estará acompañada por Carlos Lema, Ana Salgado e Isaac Lourido.

A Coruña: conferencia Rosalía de Castro entre a modernidade e a antimodernidade, de María do Cebreiro

O venres 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, terá lugar unha nova charla do Ciclo Escrita(s) 2011, na que María do Cebreiro falará sobre “Rosalía de Castro entre a modernidade e a antimodernidade – elementos para unha nova política de tempo”: Rosalía de Castro nace no mesmo ano no que Charles Darwin debuxa no seu caderno de apuntamentos unha árbore que torcerá o curso do pensamento humano sobre a natureza. Así como dende Darwin o patrón evolutivo se converteu nun dos fundamentos das ciencias da natureza, a modernidade filosófica tendeu a converter a idea ilustrada do progreso nunha das súas principais liñas de forza. Na obra de Rosalía de Castro o progreso desempeña unha función ambivalente. A democracia radical, a utopía socialista e o feminismo da igualdade conviven coa defensa da especificidade cultural de Galicia e a temporalidade progresiva das grandes revolucións coexiste coa apoloxía de certos costumes ameazados pola modernidade. O dobre compromiso descrito permite contribuír a explicar a riqueza sempre problemática da súa obra, capaz de abrir un interrogante que segue batendo no presente: Como conciliar os principios dun igualitarismo universal de carácter emancipador co recoñecemento de distintos tempos dentro deste tempo?”

A Coruña: charla Achegándonos a Lois Pereiro, con María do Cebreiro e Manuel Rivas

O luns 23 de maio, ás 18:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus de Elviña) da Universidade da Coruña, terá lugar a charla Achegándonos a Lois Pereiro, dentro do ciclo Celebrando as letras, organizado pola comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Nela intervirán a poeta e profesora de Teoría da Literatura María do Cebreiro e o escritor e xornalista Manuel Rivas.

Santiago: presentación de Estremas, de Ana Romaní

O xoves 10 de febreiro, ás 20:00 h, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo poemario de Ana Romaní, Estremas, publicado en Galaxia. Xunto á autora participan Carlos Lema e María do Cebreiro.