Publicado o Dicionario de Fraseoloxía Galego-Castelán Castelán-Galego

“Edicións Xerais publica unha ferramenta imprescindible para a lingua galega, unha ferramenta que se botaba en falla: o Dicionario
de Fraseoloxía Galego-Castelán Castelán-Galego.
O Dicionario, que pode ser consultado desde ambas as dúas linguas, recolle máis de 21.000 frases feitas e constitúe un dos maiores repertorios lexicográficos deste tipo publicados en lingua galega.
A autoría do dicionario corresponde a dúas especialistas excepcionais: Carme López Taboada e María Rosario Soto Arias, que realizaron un inxente e, sobre todo, valioso traballo. A información proporcionada en cada entrada dividiuse en cinco campos: a clave, a frase, o texto, o significado e a(s) correspondencia(s) no outro idioma. No campo da clave identifícase a palabra de maior peso semántico do núcleo da frase: o substantivo (con frecuencia, o primeiro en aparecer na orde de lectura), ou de non habelo, o verbo, o adxectivo e o adverbio. No campo da frase diferénciase frecuentemente entre núcleo e determinados elementos da contorna e proporciónase un certo número de variantes. No campo texto, facilítase un exemplo de uso documentado, extraído de diversos corpus lingüísticos e de fontes literarias e xornalísticas, identificadas cunha clave. No campo do significado preséntase a definición da entrada, enriquecida por información pragmática, metalingüística. No campo das correspondencias achéganse unha ou varias frases que serven para verter ese valor fraseolóxico da entrada no outro idioma. No caso do castelán, dáse prioridade ao español peninsular e só excepcionalmente se enriquece ese campo co español de América.”

Pontevedra: III Xornada de Onomástica Galega. Os alcumes

Crónica videográfica da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia (II)

A X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, é unha actividade da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.
Con esta iniciativa da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, a Asociación quere dar continuidade a unha colaboración coa Deputación de Lugo que pretende darlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura e que axuda a converter a capital lucense nun referente neste ámbito. A xornada tivo lugar o sábado 21 de outubro de 2017 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Presentación da conferencia de Mª Rosario Soto Arias, por Isidro Novo:

Conferencia: Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía, por María Rosario Soto Arias:

Presentación da conferencia de Gonzalo Navaza, por Isidro Novo:

Conferencia: Toponimia e lendas, por Gonzalo Navaza:

Mesa redonda: O abecé do noso ADN simbólico-cultural, con Isidro Novo, Mª Rosario Soto Arias e Gonzalo Navaza:

Palabras con misterio: O Latín dos canteiros, con Antonio Reigosa, Marcos Escudero e Isidro Novo.

Lugo: X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, o 21 de outubro

A X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, que terá lugar o 21 de outubro, é unha actividade da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.

Hai dúas modalidades de inscrición, ambas gratuítas e ambas até o 19 de outubro de 2017 (inclusive):
– 1. O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título homologado pola Consellaría de Educación (8 horas), deben inscribirse na web da AS-PG: http://www.as-pg.gal/Xestion/Curso/EncontrarCursos.do?identifierType=CURSO_ID&identifier=411.
– 2. Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
A matrícula é preferente para Socias-os da AELG e da AS-PG.
A entrada é libre.

Con esta iniciativa da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, a Asociación quere dar continuidade a unha colaboración coa Deputación de Lugo que pretende darlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura e que axuda a converter a capital lucense nun referente neste ámbito. A xornada será o sábado 21 de outubro de 2017 e terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Contaremos coas/cos relatoras/es Xulia Marqués Valea, Gonzalo Navaza, Isidro Novo, Mª Rosario Soto Arias, e mais cun faladoiro con Xesús Antón Gulías (investigador), Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema (canteiros), no seguinte programa:

10:15 Recepción, entrega de material e inauguración
10:30-11:30 Conferencia
Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego
11:30-12:30 Conferencia
Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio
12:30-14:00 Mesa redonda
Saber o seu nome sen perder a súa voz
Xulia Marqués Valea e Isidro Novo.
Coordina: Antonio Reigosa
16:00-17:00 Conferencia
Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía
17:00-18:00 Conferencia
Toponimia e lendas
18:00-19:30  Mesa redonda
O abecé do noso ADN simbólico-cultural
Mª Rosario Soto Arias e Gonzalo Navaza.
Coordina: Isidro Novo
19.30-20.30 Sesión práctica
Palabras con misterio: O Latín dos canteiros
Faladoiro con Xesús Antón Gulías (investigador), Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema (canteiros).

 

Obxectivos

  • Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relacion coa cultura popular tradicional.
  • Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender os valores da nosa cultura tradicional.
  • Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.

Contidos

  • As Palabras con Memoria na Literatura de Tradición Oral (palabras esquecidas, toponimia relacionada coa mitoloxía popular, antropónimos, hidrónimos….)
  • Busca e identificación das Palabras con Memoria.
  • Explotación didáctica transversal das Palabras con Memoria, con especial incidencia nos contidos de Literatura de Tradición Oral.