Programa María Victoria Moreno A Escena!, organizado pola Deputación

Entrevista a Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey sobre a súa biografía de María Victoria Moreno

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey fálannos nunha entrevista do seu libro homenaxe á autora das Letras de 2018: María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Periferias no Día das Letras

Desde Cultura Galega:
“A celebración por excelencia da nosa cultura homenaxea unha muller, nada fóra do país, neofalante e cunha carreira centrada na literatura infantil e xuvenil. A figura de María Victoria Moreno reivindica toda unha serie de aspectos que ata o momento ficaran en grande medida fóra dos focos da academia. Repasamos con Montse Pena Presas, autora da biografía da autora A voz insurrecta as cuestións que abre este 17 de maio.
Por vez primeira, unha homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, que organiza desde 2014 a plataforma de crítica feminista A Sega é recoñecida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas. María Victoria Moreno, cuarta muller que recibe esta homenaxe, integra así na súa figura discursos críticos e oficiais presentes no noso sistema cultural. A celebración amosa as novas sensibilidades sobre cuestións como o xénero ou a literatura para a infancia e promete unha celebración con perspectivas diversas e cun grande impacto potencial nos centros de ensino e entre o público máis novo.
O Día da LIX
Montse Pena Presas, investigadora especializada en Literatura Infantil e Xuvenil e autora de María Victoria Moreno. A voz insurrecta, publicado por Galaxia, destaca a importancia que ten este nomeamento. “Paréceme unha boa elección desde o momento en que este é por antonomasia o Día das Letras da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX). A Academia debíalle unha celebración a este campo e ás autoras pioneiras que cos seus traballos crearon un universo, o da Literatura Infantil e Xuvenil galega, onde non había nada e carecían de referentes”. Sendo esta a primeira autora que centra a súa produción no público máis novo, nos últimos anos a RAG xa lle outorgou certa atención a este campo coas homenaxes a Manuel María e a Carlos Casares, creadores que o cultivaron ao longo das súas carreiras. “Con eles comezouse a atender este ámbito, pero tamén me parece que tiñan moito que celebrar que se resaltaba máis. Con Manuel María era o poeta social e con Casares o intelectual total que fixo de todo”. Para Pena, esta tendencia irá a máis co tempo. “Penso que case todos os autores e autoras que han de vir terán parte da súa produción dedicada á LIX. Aínda que é certo que os académicos moitas veces ollan moi para atrás no tempo a procurar quen recoñecer, paréceme que está claro. En vindeiros anos veremos as letras dedicadas a Neiras Vilas e a Agustín Fernández Paz e haberá máis Literatura Infantil e Xuvenil nesta data. É algo de xustiza”. (…)”

Materiais para infantil e primaria do Día das Letras Galegas 2018, elaborados polo Seminario Galán

“Xa está a disposición dos centros escolares o material das Letras Galegas, 2018 para infantil e primaria elaborado polo Seminario de Galán.
Na páxina do Seminario poderedes atopar actividades interactivas sobre María Victoria Moreno, actividades en PDF, carteis da exposición e cuestionario, díptico, marcapáxinas, biografía en PDF, fotos, biografías en lingua de signos, “A festa no faiado” teatralizada, actividades interactivas en formato LIM…
A ligazón é a seguinte: Seminario Galán.”

Ferrol: actos destacados do 23 de abril na Feira do Libro

A segunda feira 23 de abril finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:30 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:30 h. Presentación de Anatomía da lingua e Tenrura, de Antón Cortizas, publicados por AS-PG e Galaxia, respectivamente.

Pontevedra: presentación de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre

O venres 20 de abril, ás 20:00 horas, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (que se celebra no Pazo da Cultura), terá lugar a presentación de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, publicado por Xerais. No acto, as autoras estarán acompañadas por Manuel Bragado.