Desde Fervenzas Literarias:
“O lucense Lionel Rexes é o novo gañador do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, que organiza o concello do Grove e que nesta edición chega ao número vinte e tres.
A raíña das velutinas, título da obra gañadora, é unha historia ambientada en Mondoñedo. O xurado valorou o seu brillante labor de documentación e a grande amenidade das historias que entrecruza na trama principal.
O xurado do certame estivo composto por Ánxela Gracián, Antonio Piñeiro, Manuel Quintáns, Mario Regueira e Armando Requeixo, baixo a coordinación da técnica de Cultura Marina Aguín e a concelleira de Cultura e Turismo Emma Torres. (…)”
Arquivos da etiqueta: Marina Aguín
Deserto o XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na mañá do sábado 23 de novembro, os membros do xurado do XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta reunímonos na casa consistorial do Ilmo. Concello do Grove para proceder á deliberación que nos levase ata a obra gañadora do certame deste ano. Acompañáronnos en tal empresa a encargada da Casa da Cultura, Marina Aguín, que actuou como secretaria do certame con voz pero sen voto, e mais o concelleiro de NNTT, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, que o fixo en representación da institución convocante.
Por espazo de case tres horas, Manuel Quintáns Suárez (en calidade de presidente), Ánxela Gracián, Francisco Martínez Bouzas, Juan Tallón (gañador da anterior convocatoria) e mais eu tentamos atopar un orixinal que reunise os que, ao noso ver, poderían ser méritos suficientes para distinguir tal texto como gañador do certame. A procura —delongada, laboriosa, intensa— resultou finalmente infrutuosa, pois ningunha das dezasete novelas presentadas convenceu o necesario á maioría do xurado para decidírmonos ao seu favor.
Así as cousas, o xurado non tivo máis remedio que actuar en consecuencia e declarar deserto o premio, o que comunicamos á prensa nunha acta da que, a seguir, extracto algúns parágrafos que dan conta do alí sucedido; velaí:
“Tras un longo e profundo debate, os membros do xurado non atoparon os puntos de encontro necesarios que os conducisen á escolla dun orixinal como gañador. Secasí, este xurado quere recoñecer as calidades que puntualmente puido descubrir nalgunhas das obras presentadas a concurso, mais entende que non foron suficientes para xustificar a concesión dun galardón da traxectoria e o renome do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey.
Tamén si, este xurado quere congratularse do decidido apoio que as dúas entidades que avalan o premio, o Ilmo. Concello do Grove e mais a Editorial Sotelo Blanco, amosaron sempre e seguen amosando para o bo desenvolvemento do certame, confirmado polo feito de que xa estean preparándose as bases para a vindeira convocatoria no primeiro trimestre do 2014.” (…)”