A AELG, o PEN Clube e A Mesa critican a participación de Marta Rivera na homenaxe a Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a entidade oficial que reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega, a través do seu presidente Césareo Sánchez Iglesias, opina que é “ofensivo que se chame a unha persoa que non é unha escritora en lingua galega nin ten nada que ver con todo o que simboliza Rosalía de Castro”. No parecer da AELG tamén “é ofensivo” que se represente con ela “a unha lingua maltratada como tamén son maltratadas moitas mulleres”.
Desde a mesma entidade lembran que “sempre estivemos a disposición da Secretaría Xeral de Igualdade”, mesmo con actividades nas casas de acollida. “Estamos diante dun acto profundamente agresivo para a cultura galega”, indica Cesáreo Sánchez, “unha cultura construída de maneira determinante por mulleres galegas que defenderon o que representa Rosalía de Castro”.
O PEN de Galiza, integrado en 1989 no PEN Internacional de escritores que representa a 146 Centros en 106 países, remitiu un comunicado no que afirma que “honrar a Rosalía de Castro, muller símbolo de Galiza, na conmemoración oficial do Día Internacional da Muller, implica a obrigada participación de escritoras en lingua galega”. Para a organización que preside Luís González Tosar “esta exclusión agravia ao conxunto do sistema literario de noso e desacredita aos organizadores”.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, manifestou en relación a que se escollera unha escritora en castelán que “desde que Rosalía publica Cantares Gallegos hai 150 anos, con máis ou menos dificultades, hai escritoras en galego coas que se pode contar”.”

A revista El Cultural achégase á figura de Álvaro Cunqueiro

‘”Mestre da transgresión e da melancolía” así define Darío Villanueva a Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) no texto que publica hoxe El Cultural, a revista cultural que se distribúe de xeito gratuíto con El Mundo. A publicación recolle ademais, a pegada de seis escritores (Luisa Castro, Víctor Freixanes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Claudio Rodríguez Fez, Lola Beccaria, e Marta Rivera de la Cruz) que achegan unha mirada personal sobre a súa obra. A revista recupera deste xeito o legado deste novelista, poeta, dramaturgo, gastrónomo e xornalista cando se cumpren cen anos do seu nacemento.” Vía Cultura Galega.