Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro

O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.

O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:

Venres, 9 de novembro
16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.

Sábado 10 de novembro
10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.

A entrada é de balde.

Vigo: novo combate dos Poetas da Hostia

O mércores 14 de marzo, ás 16:30 horas, no Bar Leonardo da Vinci (antigo Universitas, Praza Miralles) de Vigo, terá lugar un novo combate dos Poetas da Hostia. Nesta ocasión, enfrontaranse os poetas de Ferdinand de Saussure contra os poetas de Noam Chomski, nun recital organizado pola Asociación Trabalingua.

Vigo: Poxa de Poetas

“Os creadores dos famosos recitais-combate da Hostia en Verso teñen “un estado na cabesa” e están xa imprimindo a súa propia moeda: os poetrodólares. Con ela poderedes mercar este sábado as almas das poetas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Nolim González, nunha poxa que dirixirá María Lado e que se celebrará no Bar Hipólito (Avda. de de Castrelos, 26) de Vigo ás 22:00 horas. A entrada non só é de balde, senón que aínda os asistentes recibirán un sobre con pasta (os tales poetrodólares) para poder mercar a/o poeta que máis encha o ollo. E aqueles máis afoutos que consigan gañar a subasta levarán a almiña metida nun precioso obxecto poético deseñado por unha artista de excelencia. Todo isto estará amenizado polo desalmado músico Mig Seoane e conta coas mellores calificacións de Lehman Brothers e o Banco Europeo de Inversións. Todo un choio, vaia.”

Vigo: nova edición de A hostia en verso

O sábado 14 de xaneiro, ás 22:00 horas, no Bar Hipólito (Avenida de Castrelos, 26) de Vigo, terá lugar unha nova velada poética de A hostia en verso, que nesta ocasión enfrontará a Aliens Vs. Predators. Da man das poetas presentadoras da gala María Lado e Lucía Aldao os asistentes poderán decidir cal das dúas bestas primixéneas será a que poña fin a este mundo. Para a defensa de cada bando contarase coas poetas: Ledicia Costas, Nolim González, Edu Estévez, María N. Soutelo, O Leo de Matamá e Daniel Landesa. Coa actuación musical de Mig Seoane.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o venres 2 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, comeza este venres 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Venres 2:
13:30 h. A Compañía Traspediante presenta o espectáculo de animación e danza Baleadas, baseado no libro de Estevo Creus, Balea2.
16:30 h. Xan Eguía: A lenda de Cuaima e Mohan.
18:00 h. Café con: Xulia Alonso.
19:00 h. Conversa de Ana Romaní con Antonio Piñeiro. No Salón.
19:30 h. Conversa de Ana Romaní co Colectivo Polaqia (Brais Rodríguez e Sergio Covelo). No Salón.
19:30 h. Presentación de A caza do ghazafello, de Denís López Horro, Marcos Payno e Valentín Torrado Blanco, libro musical publicado en Xerais. No Cuarto dos Nenos.
20:00 h. Conversa entre Ana Romaní e Xulia Alonso. No Salón.
20:30 h. Das Kapital. Poesía e vangarda, expresión máxima dos adentros. No Patio.
21:00 h. Federico Cocho: Guerra civil. O que pasou en Galicia e en España, publicado en Xerais. No Salón.
– A partir das 21:00 h. Poetas da Hostia. Vendo a miña alma, poxa de poeta. No Pequeno Karma. Coa participación de Ledicia Costas, Lucía Aldao, Daniel Landesa, Mig Seoane, María Lado e María Longa.

Vilariño, Cangas: nova edición de A hostia en verso

O mércores 17 de agosto, ás 22:00 h., dentro do Festival Folk de Vilariño (na praia do mesmo nome en Cangas), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. No acto participan Daniel Landesa, Laura Sáez, Xabier Xil Xardón, Daniel Costas Currás, Nolim González e Ledicia Costas, exercendo como mestras de cerimonias María Lado e Lucía Aldao, tamén coñecidas como “as desolemnizadoras da poesía”. A música correrá a cargo de Mig Seoane. O enfrontamento será entre Protóns e Neutróns.

Vigo: VI edición de A hostia en verso

O venres 15 de xullo, ás 22:00 h., no Pub Alma (Rúa Pobladores, 9) de Vigo, terá lugar a VI edición da velada lírica bautizada co lema de A hostia en verso. Desta volta, baixo o título de Capuletos vs. Montescos, revivirán a paixón e a fatalidade shakesperianas Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Elvira Riveiro, Isaac Xubín e Daniel Costas Currás. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, e contará tamén coa intervención musical de Mig Seoane. Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo.