A VII Festa da Palabra reivindica a figura do galeguista e xornalista Francisco Luís Bernárdez

Desdepoetas_696776_0x0_izda Galicia Hoxe:
“A VII Festa da Palabra, que se celebrou este sábado na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño), reivindicou a figura do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese nun libro no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, “é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura”.
O volume que recolle a traxectoria vital e profesional de Bernárdez é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia. Tosar foi precisamente o encargado de abrir o acto nesta xornada festiva para a palabra na nosa lingua. Con el estaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto a persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.
Na clausura do acto Manuel Baltar afirmou que a palabra “é compromiso e progreso” e defendeu a Ourensanía, “un horizonte amplo e plural, o noso xeito de percorrer o mundo, como a definiu o propio Tosar: “Sólida mestura de astucia pándiga e de íntima e fonda reflexión dos que máis sabemos dos camiños do mundo, porque os percorremos case todos, a pé e detrás da roda”. Baltar, quen agradeceu a todos os que achegan “ilusión e vitalidade a este territorio único e singular, comprometidos coa cultura e coa lingua propias de Galicia”, reafirmou que somos ourensáns, “coñecedores do bo e do ruín, sufridos, narrativos e agudos”.
O presidente do goberno provincial dixo coincidir co que Risco –e tamén Bernárdez- expresaba en 1917 na revista neosófica “La Centuria”, onde escribiru: “Ourense está moito máis preto de Nova York que de Madrid”, “Aínda que isto no sexa certo en canto a distancias, explicou Manuel Baltar, si é verdade desde unha perspectiva cultural, na que cómpre ter en conta o papel da Ourensanía, porque os ourensáns, moi amantes do noso, que non entendemos de fronteiras nin de dogmas, preferimos ser máis ben rebeldes e inadaptados. Gústanos sorprender. E como me dixo nunha ocasión Ogando Vázquez a modo de consello: “Hai que rebelarse de voz”. Rematou afirmando o presidente da Deputación que hoxe, “na festa das festas”, “as palabras son compromiso, porque poden que as leve o vento, máis ditas quedas”. (…)

Comeza a constituirse a Fundación Blanco Amor

DesdeEduardo Blanco Amor Galaxia:
“Onte deuse o primeiro paso para a constitución da Fundación Blanco Amor nun acto celebrado no Centro Cultural da Deputación de Ourense. No acto participaron representantes das distintas institucións implicadas no que será a futura Fundación. Así, asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, o director da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a sobriña-neta de Blanco Amor, Ana Risco Bóveda. Todos eles tiveron ocasión de estudar en detalle o borrador dos estatutos da futura Fundación.”

Eduardo Blanco Amor na Insua dos Poetas

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Como cada ano, dende hai xa máis dun lustro, onte tivo lugar no singular marco da Insua dos Poetas na Esgueva, Madarnás, O Carballiño, a VI Festa da Palabra, que organiza, baixo a coordinación de Luís González Tosar e Xabier Castro Martínez, a Fundación que leva o nome do lugar.
Con grande asistencia de público tanto anónimo coma significado nos eidos culturais e artísticos, a Festa da Palabra entregou onte os seus Premios Setecarballas e, sobre todo, rendeu homenaxe á figura de Eduardo Blanco-Amor, á memoria do cal ía este ano dedicada a xuntanza e, con tal motivo, inaugurouse un espectacular grupo escultórico recordando a súa produción que asinou o artista Acisclo Manzano.
O evento conduciuno Xabier Castro Martínez, secretario da Fundación Insua dos Poetas, quen logo de dar comezo ao mesmo cedeu a palabra ao presidente desta, González Tosar, para que saudase os presentes, se congratulase da celebración e exhortase a todas as forzas vivas do país a se unir en prol da consecución dun futuro que superase as actuais dificultades pola vía da “concentración parcelaria” superadora do minifundismo cultural, avanzando, así mesmo, que a próxima convocatoria do evento estaría dedicada ao intelectual galego-porteño Francisco Luis Bernárdez.
Tomou logo a palabra Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia, quen deu lectura á proposición, non de Lei, pola que todos os grupos parlamentarios aprobaron declarar na cámara este 2014 (no que se fan trinta e cinco anos do pasamento do escritor) Ano Blanco-Amor. (…)”