Miguel Anxo Fernán Vello: “Syra Alonso e Francisco Miguel tiñan gran capacidade para empatizar e explorar formas artísticas”

Entrevista de Pilar G. Rego a Miguel Anxo Fernán-Vello no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“‘O vello agoniza e o novo canta tarda en chegar!’. Con esta frase ábrese Diarios, o libro que recolle os textos de Syra Alonso unha das máis importantes cronistas da represión franquista en Galicia.
Neste primeiro programa da temporada de Zigzag falaremos da figura de Syra Alonso e do seu marido, o pintor Francisco Miguel, que este mes son os homenaxeados en Coruña. Para falarnos deles convidamos a Miguel Anxo Fernán Vello, especialista na figura deste dous artistas esquecidos. A entrevista pode verse aquí.”

Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o VI Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde Somos Comarca:
“O Barco acolleu o sábado 20 de setembro unha noite de homenaxe á poesía no Teatro Lauro Olmo do Barco, onde se entregou o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán dotado con 3.000 euros. O galardón recaeu no escritor Miguel Anxo Fernán Vello, que se impuxo coa obra A porta da casa que se abre, nun certame que tamén tivo como finalistas ás autoras Cristina Ferreiro (A casa de barro) e Saray Rodríguez Pérez (Deixará de pasar algún día).
A cerimonia, que este ano tivo carácter solidario e por primeira vez contou cun prezo simbólico de entrada (5 euros), destinou a súa recadación a iniciativas de recuperación ecolóxica nas zonas queimadas polos incendios forestais no verán na comarca.
O nome do gañador foi anunciado polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, nun acto presentado pola actriz Iria Pinheiro e o músico Davide González. Ambos deron vida ao evento cunha posta en escena íntima e artística que combinou poesía, música e moito humor.
Segundo o xurado —composto por Emma Pedreira, Inma Núñez e Aleixandre Lago (gañador da edición anterior)—, a obra premiada destaca “pola súa intensidade lírica, imaxes evocadoras e a súa capacidade de emocionar ao lector”. Durante a súa intervención, Pedreira fixo referencia á traxedia ambiental vivida recentemente nos montes de Valdeorras e expresou o seu desexo de que “o vento semente esperanza e flores no futuro desta terra”.
O público asistente, entre os que se atopaban os alcaldes de Vilamartín, Enrique Álvarez, e Petín, Raquel Bautista, recibiu como detalle unhas bolsas con landras e castañas recollidas polos veciños de Alixo e Rubiá, simbolizando o compromiso coa reforestación e co medio ambiente.
Os poemas finalistas foron recitados en escena polos seus propios autores, agás no caso de Cristina Ferreiro, quen enviou un vídeo por non poder asistir ao acto. No seu discurso de agradecemento, Miguel Anxo Fernán Vello evocou a figura de Florencio Delgado Gurriarán e condenou “o xenocidio do pobo palestino por parte de Israel”. (…)”

Pontedeume: actividades do 25 de agosto na Vila do Libro 2025

Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2025, dedicada a Xosé Manuel Beiras

A Homenaxe O Escritor na súa Terra: Xosé Manuel Beiras. Compostela, 2025, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio do Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, CEDRO e Xunta de Galicia, chegou este ano á súa XXXI edición, recaendo na figura de Xosé Manuel Beiras, de quen se destaca, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986. A homenaxe tivo lugar en Santiago de Compostela o sábado 14 de xuño de 2025.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, un teixo, e a colocación dun monólito conmemorativo.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, CEDRO, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

Aquí pode verse a crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolma: