O 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, botou a andar o XIII Obradoiro de Tradución Poética en San Simón

Compostela: Xornada “Financiamento europeo para o sector editorial galego”, o 27 de febreiro

“O vindeiro 27 de febreiro, a Oficina Europa Creativa Cultura do Ministerio de Cultura e a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega, organizan unha xornada sobre as oportunidades de financiamento europeo para o sector editorial e do libro galego.
Nesta xornada, presentaranse os requisitos e as bases da convocatoria de Circulación de Obras Literarias Europeas 2024, ademais dos formularios e o orzamento da solicitude.
A convocatoria de Circulación de Obras Literarias Europeas 2024 está dirixida a entidades legais do sector editorial e do libro. O seu obxectivo é apoiar a tradución, a publicación, a distribución e a promoción de obras europeas de ficción e cada proxecto deberá incluír un paquete mínimo de 5 obras literarias europeas de ficción, establecéndose tres categorías de proxectos segundo o seu orzamento e o volume das obras.
Por outra parte, tamén se exporán outras axudas do subprograma Europa Creativa Cultura que poden ser de interese para o sector: Culture Moves Europe, Proxectos de Cooperación Europea, Redes e Plataformas Europeas.

Lugar: Auditorio do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.
Horario: 10:30 a 13:15 h.
Programa (galego)
Inscricións  
Pode seguilo en streaming aquí.”

Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023

Desde Nós Diario:
“A escritora fenesa Paula Carballeira Cabana vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas (Galaxia), a proposta do xurado reunido esta sexta feira. O premio está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou a obra da autora galega “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate”, así como “polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República”.
Aliás, o xurado quixo poñer en valor como “a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada”.
O premio recoñeceu na súa pasada edición Josep Maria Miró Coromina, uníndose a unha ampla lista de galardoados, entre os que se atopan Pablo Remón, Guillem Clua, Alberto Conejero, Yolanda García Serrano, Alfredo Sanzol, Juan Mayorga ou Angélica Liddell, entre outros.
O xurado desta presente edición estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte; e como vicepresidenta actuou Almudena Hernández de la Torre Chicote, subdirectora xeral adxunta da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas do Ministerio de Cultura e Deporte.
Como vogais actuaron Aurora Gloria Egido Martínez, proposta pola Real Academia Española; Celia Pereira Porto, pola Real Academia Galega; Maria Aitzpea Goenaga Mendiola, pola Euskaltzaindia; Gabriel Sansano Belso, polo Institut d’Estudis Catalans; Maria Josep Marín Jordà, pola Acadèmia Valenciana da Llengua; Francisco Domínguez Matito, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Nieves Rodríguez Rodríguez, pola Asociación Colexial de Escritores de España-Asociación de Autores de Teatro (ACE-ATT); Luis Alberto de Cuenca y Prado, pola Asociación Española de Críticos Literarios; María del Carmen del Riego de Lucas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Isabel Ortega Sánchez, polo Centro de Estudos de Xénero da UNED; Juana Natividad Escabias Toro, polo Ministerio de Cultura e Deporte, e Josep Maria Miró Coromina, autor galardoado na convocatoria de 2022.”

Fina Casalderrey, proposta para o Premio Hans Christian Andersen, o ‘Nobel’ da literatura infantil

Desde Pontevedra Viva:
“A escritora pontevedresa Fina Casalderrey é, desde hai anos, unha das grandes referencias da literatura infantil española. Por iso é polo que non sexa de estrañar que fora proposta para gañar o Premio Hans Christian Andersen, coñecido como o ‘Nobel’ da literatura infantil.
Así o acordou a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e da Xunta de Galicia.
O Premio Hans Christian Andersen é o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo neste xénero.
O galardón concédeo a Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) desde o ano 1956 a partir das propostas que realizan as propias seccións nacionais.
O fallo do xurado farase público na Feira do Libro Infantil de Bolonia en 2024.
A entrega dos premios realizarase no marco do 39 Congreso Internacional de IBBY, que se celebrará en Trieste (Italia) do 30 de agosto ao 1 de setembro de 2024.
Xunto a Fina Casalderrey, a sección española desta organización propuxo para o Premio Hans Christian Andersen á ilustradora vasca Elena Odriozola para a categoría de ilustración.
O xurado internacional que elixirá á persoa que recibirá este premio está integrado por profesionais do sector chegados desde Rusia, México, Estados Unidos, Austria, Arxentina, Líbano, Alemaña, Finlandia, China, Eslovenia e Francia.”

Marilar Aleixandre gaña o Premio Nacional de Narrativa 2022 por As malas mulleres

Desde Nós Diario:
“A escritora Marilar Aleixandre converteuse na gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte. A obra pola que foi galardoada é As malas mulleres (2020), pola que tamén obtivo o Premio Blanco Amor 2020.
O xurado do certame destacou da obra a súa “orixinal estrutura híbrida”, que a converte nunha “singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX”.
Por outra parte, tamén salientou que As malas mulleres “recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e a cultura oral”.
Finalmente, o xurado puxo en valor que “a autora incide nas desigualdades e á vez ofrece unha ollada esperanzadora”.”

Ismael Ramos gaña o Premio de Poesía Miguel Hernández

Desde Nós Diario:
“Ismael Ramos vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, correspondente ao ano 2022, pola súa obra Lixeiro, (Xerais), a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.
O xurado destacou a súa obra “pola potencia da súa imaxinación poética, capaz de emprender un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia”.
Aliás, o xurado sinalou que, como “bo coñecedor da tradición poética contemporánea, Ismael Ramos ofrece unha proposta desprovista de afectación e moi depurada lingüisticamente que conforma unha sorte de épica vivencial de ton á vez transcendente e lixeiro”.
Ismael Ramos, nado en Mazaricos en 1994, é autor dos poemarios Os fillos da fame (XVII Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016), Lumes (Apiario, 2017) e posteriormente Lixeiro (Xerais, 2021).
En 2019 publica en La Bella Varsovia a primeira tradución ao castelán da súa obra Lumes, pola que recibiu en 2020 o Premio Javier Morote de ‘As Librarías Recomendan’.
Os seus poemas foron versionados tamén ao catalán, finés, francés, húngaro, inglés e portugués, e incluídos en numerosas revistas e antoloxías.”