Tabela dos libros. Setembro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Diego Alfonsín, Premio Lueiro Rey de Novela Curta con Non o saben as estrelas

Desde Xerais:
“O escritor Diego Alfonsín Rivero (Tui, 1980) resultou vencedor este luns do Premio Lueiro Rey de Novela Curta que concede o Concello do Grove coa novela Non o saben as estrelas, unha obra que, a xuízo do xurado, destaca pola súa «orixinalidade do seu traballo, polo seu carácter innovador e a súa capacidade para envolver o lector na historia que narra, así como pola redacción e a súa trama». O galardón, dotado con tres mil euros, recoñece a primeira obra literaria en galego de Diego Alfonsín, profesor de Lingua e Literatura española no IES Guadarrama, en Madrid, que xa recibira o Premio de Novela Miguel de Unamuno 2015 pola súa obra Lenta demolición. O xurado do Premio Lueiro Rey de Novela estaba conformado por Manuel Quintáns Suárez como presidente, Ánxela Gracián, Mario Regueira, Lionel Rexes, Manuel Bragado e Armando Requeixo.
A novela gañadora, Non o saben as estrelas, de Diego Alfonsín, será publicada por Xerais na colección Narrativa en 2018.”