Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Tito Pérez en Xornal da Coruña:
“(…) – Xornal da Coruña (XC): Dende cando escrebes?
– Tito Pérez (TP): De pequeno, con 14 anos, cos trobadores Martín Codax, comecei a escribir poemas de amor á típica rapaza que pasaba de ti… Despois xa na carreira empecei a escribir relatos, xa nalgún dos primeiros gañei un premio, e a partir de aí funme animando, a escribir, presentarme…
Eu escribía sobre todo relatos, e algo de poesía. Publiquei o primeiro libro de relatos, despois o segundo, e agora a miña primeira novela.
Por agora, publicando gaño poucos cartos, pero cos premios algo se fai.
– XC: Como nace Latexar de barrio. Vivencias e conflitos na sociedade real dun barrio? Levaba tempo fraguándose na túa cabeza?
– TP: Escribino a raíz dos primeiros 20 relatos realistas. Todo están ambientados na nosa sociedade. Non é que sexan nas rúas de Coruña. Hai algún por exemplo, que se dan nunha casa, con problemáticas de aquí.
O caso é que un dos 20 relatos do primeiro libro chámase “Latexar de Barrio”, e é un percorrido dende a praza de España ata casa dos meus pais. O protagonista chámase Curros (sabes que Curros está enterrado no cemiterio) e va contando o que ve.
Intento describir a sociedade galega e os seus conflitos, no caso de ser lido, que a sociedade reflexione para mellorarse. Intento non caer no panfleto, pero ten unha intención clara. Eu non xulgo, describo -o que fan, e que cada un saque as súas conclusións.
A novela O grupo vai sobre o bulling, por exemplo, cunha intención clarísima, das cousas reais e frecuentes. (…)”
Arquivos da etiqueta: O latexar do barrio
Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019
Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.
Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada un dos paseos. O programa previsto é o seguinte:
Sábado 26 de outubro: Dores Tembrás. A Coruña: cartografía con puntos de fuga. Inscrición desde o 14 de outubro.
Este paseo propón demorarse nalgunhas interseccións entre pasado e presente nun péndulo que cruza tamén da palabra pública á íntima. A Coruña como territorio fascinado da literatura.
Sábado 9 de novembro: Tito Pérez. Un paseo polo barrio. Inscrición desde o 28 de outubro.
Seguiremos o percorrido do protagonista de O latexar do barrio e comprobaremos in situ as súas diversas realidades e contrastes. Pasaremos polo lugar onde o enterro dun poeta congregou hai 111 anos a 40.000 persoas. E, como non podía ser doutro xeito, remataremos no mesmiño centro neurálxico do barrio dos barrios galegos.
Sábado 16 de novembro: María Casar. Sobre o espello do mar e do vento, arredor de Luísa Villalta. Inscrición desde o 4 de novembro.
Roteiro sobre a poeta e os espazos da cidade da Coruña que poetizou nos seus libros En Concreto e Papagaio. Un camiñar pola paisaxe urbana que sae dos versos e sinala o territorio como xerme da creación. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, como espazo de vida e de historia, na que a música enche os baleiros.
Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 6 de agosto
O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
– 18:00 h. Presentación de En efecto bolboreta, de Ana Pillado Vega, publicado por Fervenza. Con Sofía de Labañou e María Manseliña.
– 19:00 h. Presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. Participan Carmen Denébola Álvarez Seoane, Vicepresidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
– 19:00 h. Xulio López Valcárcel asina A invención dun Deus. Xesús de Nazaret. II. A configuración do mito. De Mesías a Deus, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
– 19:30 h. Enrique López asina Hércules e o xigante. Unha torre de lenda, na caseta de Hércules de Edicións.
– 19:45 h. García Lorca en imaxes. Seis poemas galegos, publicado por Alvarellos Editora. Con Henrique Alvarellos e Diego Rodríguez.
– 20:30 h. Antonio Sandoval asina A Torre, publicado por Kalandraka, na caseta de Moito Conto.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 6 de xullo
O 6 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 13:00 h. Falando de libros con… Elba Pedrosa e Selina Otero. Modera Malores Villanueva. Sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
– 18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, publicado por Do Peirao, na caseta de Nobel.
– 18:30 h. Brinca vai! De aquí para acolá, con Paco Nogueiras.
– 19:00 h. Sinatura de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka, na caseta de Libros para soñar.
– 20:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participa Carlos Da Aira.
A Coruña: presentación de O latexar do barrio, de Tito Pérez Pérez
Ferrol: presentación de Linguaxes dixitais, de Clara Vidal, e O latexar do barrio, de Tito Pérez
Lugo: presentación de O latexar do barrio, de Tito Pérez Pérez
Tito Pérez: “Monte Alto mudou moito. Agora o barrio é moito máis moderno e cosmopolita”
Entrevista a Tito Pérez en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Moitas veces os autores rexeitan o próximo, pero vostede sempre escolle A Coruña.
– Tito Pérez (TP): Cando un escritor escribe ten que buscar unha motivación, e precisamente a miña é describir o próximo e os conflitos que pode ter a sociedade que me rodea. Hai moitos libros sobre Nova Iorque, París, etc. Pero eu creo que, desde o local, transcéndese ao universal.
– LO: Cal diría que é o peso desa identidade nos autores de aquí?
– TP: Dicía un crítico que Galicia ten moitísimos problemas estruturais. Por exemplo, o envellecemento da poboación, ou o cambio brutal do campo ao cidade. Contaba que eses problemas semellan que existen en todos os sitios menos na literatura galega. Eu creo que pode ser verdade, e a miña intención é tratar de encher ese oco. (…)
– LO: No relato que titula o libro, os seus habitantes semellan incapaces de ser inconformistas.
– TP: Eu creo que no fondo iso segue a ser igual. Agora o que cambiou é o exterior, pero o interior segue a ser parecido. Os hipsters dos que falabamos ao final teñen que emigrar para saír adiante. Os que quedan aquí poucas saídas teñen, e non loitan polo seu.
– LO: Segue o golpe da crise?
– TP: Si, porque somos a xeración da crise. Eu son enxeñeiro industrial, e cando comezou a crise non había traballo. É cando empecei a escribir. Non tiña nada fixo, e gustábame moito a literatura. (…)
– LO: Fala de ter tempo. As súas personaxes pérdeno en entretementos e ignoran as cuestións de peso social.
– TP: Claro. E na mocidade iso tamén está moi presente. Por exemplo, cando veñen as eleccións, a súa abstención é moi elevada. Moitas veces pensas antes en emigrar que en loitar polo noso e sacar adiante a situación. Pero así non conseguiremos o desenvolvemento pleno da sociedade que podemos ter. Iso é o que demanda o libro. (…)”