
Arquivos da etiqueta: O tenro é o salvaxe
Samuel L. París: “A influencia da música está presente sempre”
Entrevista de Inés Pena Franco a Samuel L. París en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Os seus inicios no mundo escritor remóntanse a xa hai preto de 20 anos e sempre cunha obra que non deixa de sorprender, pero, quen dirías que é hoxe Samuel L. París? Como se definiría artisticamente?
– Samuel L. París (SP): Pois así como cando empecei era moito máis referencial e trataba de tirar abaixo certas cousas, pois estaba no fondo da aula da creación da literatura soltando chanzas e sinalando cousas que non me gustaban; a día de hoxe estou máis no labor de crear. De conformar as cousas desde un punto de vista máis positivo para poder facer o que aínda non está feito. Igual a evolución na que estou agora mesmo é esa: construír no canto de deconstruír.
Artisticamente definiríame como unha persoa que intenta divertirse en todo o que fai, que trata de estar conectado cos proxectos. Tampouco me insiro nunha cousa en concreto, ao final fixen música, diferentes literaturas… Creativamente a cabeza vaime levando por diferentes sitios que me gusta probar, nuns asento e noutros saio correndo, mais sempre trato de probalos todos. Gústame moito xogar cos formatos, entendelos, experimentar…. Así que si, ese probar cousas novas xunto co humor posibelmente sexa o que máis e mellor me defina.
– ND: Aparentemente xa o título da súa última peza poética, O tenro é o salvaxe, é moi potente, como nace esa tensión antonímica de enfrontar “tenro” e “salvaxe”?
– SP: Pois un pouco do que somos a naturalidade de cada un de nós. Polo menos desde o meu lado, xa no mesmo día a día e mesmo en horas conviven esa parte máis tenra e vulnerábel que agochamos baixo a tona con esa parte máis salvaxe que pretende saír. Ao final a vida está cargada de moitos tenros e salvaxes, e precisamente é iso, para nada as vexo como opostas ou á marxe, senón bastante identificadas. (…)”
A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2025
Vigo: Samuel L. París no Festival de poesía e oralidade Máis alto que o ceo, en Évame Oroza
Samuel L. París adéntrase en novos terreos literarios
Entrevista de Belén Regueira a Samuel L. París no Diario Cultural da Radio Galega:
“Samuel L. París publica neste 2025 a súa primeira incursión na narrativa, a colección de artefactos Pifostio (Xerais) e mais o poemario O tenro é o salvaxe (Galaxia), no que leva os seus versos a un territorio máis íntimo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Samuel L. París: “Cando acabei o poemario quitei un peso de enriba, foi como se marchase algo meu”
Entrevista de Olalla Bouza a Samuel L. París en Diario de Arousa:
“(…) – Diario de Arousa (DA): A súa poesía ten bastante de posicionamento político, segue O tenro é o salvaxe nesa mesma liña?
– Samuel L. París (SLP): Nunca considerei que o que fago é moi político, senón con certa conciencia social. Entendo que estaría a miña obra máis ben nese terreo. E esta liña mantense, pero fixen o esforzo de indagar noutros temas que, ao principio, costábame máis meterme. Fixen esforzo por entrar nos temas máis persoais. Amoso unha parte que xa estaba algo apuntada no anterior traballo, O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, pero neste fun a por todo.
– DA: E cales serían eses temas nos que afonda?
– SLP: A vulnerabilidade, a capacidade para equivocarme e revolcarme, temas familiares nos que ata agora nunca entrara… Non participara niso, nese tipo de poesía. Agora abordo temas máis vivenciais, como unha mirada sobre a infancia. Cando vas gañando anos, permíteste botar a mirada atrás para ver que pasou aí. Nesta ocasión entrei nese tipo de temáticas, que ás veces están nun primeiro plano e outras máis desdebuxadas. (…)”
A Serra de Outes: presentación de O tenro é o salvaxe, de Samuel L. París, o 13 de xuño
Samuel L. París: “O humor é unha mostra de vulnerabilidade, para nos defender”
Entrevista de María Solar a Samuel L. París no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Hoxe traemos un libro onde saen elfos, mosquitos, o discurso de aceptación dun Premio Nobel, infidelidades, distopías, Britney Spears, un aspirador Dyson ou unha faneca. É Pifostio. Un delicioso e singular libro de relatos que escribiu Samuel L. París na súa primeira incursión fóra da poesía.
Tennos acostumados a compartir a súa experimentación. Un poeta loitando contra a rutina das máis diversas maneiras. Esta vez o creador deixou a poesía e entrou nunha experimentación narrativa.
Pifostio son 61 relatos, algúns para quedar a vivir, outros para reflexionar, hainos para escachar da risa, hainos poéticos, hainos desconcertantes.”
A entrevista pode verse aquí.