A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu socio Manuel Caamaño Suárez

Manuel Caamaño Suárez, escritor, arquitecto técnico e grande activista cultural, faleceu o 5 de abril. Na súa traxectoria, marcada pola posta en valor da arquitectura popular e o seu compromiso político, destaca tamén a dinamización da cultura galega a través da súa participación significativa no Centro Galego de Barcelona, a Agrupación Cultural O Facho, Editorial Galaxia, SEPT, Sociedade Cultural Escola Aberta, ADEGA, Fundación Castelao, as revistas Teima e Tempos Novos e a Fundación Pedrón de Ouro, sendo tamén un dos fundadores do Partido Socialista Galego.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, das que salientamos estas dúas entrevistas realizadas en 2022. A súa obra escrita xirou arredor da reivindicación e actualización da arquitectura galega e a teimosía afectuosa e constante na construción dun país máis xusto e identificado consigo mesmo.

O seu exemplo vital, sempre na busca de novos horizontes para Galiza e a súa cultura partindo do seu inmenso legado, queda como referencia ineludíbel para o presente e o futuro.

Morreu a Mestra da Memoria María da Vrea

A AELG lamenta fondamente a perda de María da Vrea, Mestra da Memoria en 2025, que faleceu o 24 de marzo de 2026, aos 93 anos de idade.

Lembramos aquí un fragmento da laudatio que lle dedicara Calros Solla:

“María Conceución Fraíz Canaval naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. Foi a máis nova de catro irmáns (algún outro malogrouse). María, filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso), enfeita o seu nome de pía co chamadeiro da Vrea, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella, unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo.
María foi un case nada á escola (“Aprendín as catro reghras e pouco máis”), porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro. Ela mesma recorda o que se dicía daquela: “O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco”. O migallo que asistiu á escola rendeulle ben, pois, amais da lectura, da escritura e dos rudimentos matemáticos, boa parte do seu repertorio en castelán (romances, cancións, oracións…) deprendeuno na unitaria de Folgoso (escola mixta con tabique segregador), ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro: “Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme”. Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro. De calquera xeito, a escola da posguerra era un niño de piollos (“neghros, no pelo neghro; brancos, no pelo loiro”) e os nenos aldeáns, descalzos e remendados, de acudiren luxados á lección, debían antes lavar as mans e a cara na auga da presa.
Alén do ensino regrado, a devoción que lles profesaba á súa nai Xosefa (Pepa) e á súa avoa materna Filomena Matelo Canaval (Mamá Filomena), e mais a escoita atenta e respectuosa das voces anónimas do pobo fixérona herdeira dun mesto e vizoso saber: coplas, adiviñas, contos, refráns…, expresados con primor na nosa lingua. Ai, canto deron de seu aqueles seráns, aquelas rúas e esfolladas…! No lecer ou na angueira, no loito ou na troula, canto se aprendía dos vellos! Os seus veciños escóitana abraiados: “–Ti moito sabes, María!; onde o aprendiches!? –Aprendino de miña avoa mais de miña nai! –Pois, nós non sabemos nada deso! –Vós sodes de canda min; se non sabedes, é porque non lle puxestes atención!”.
Conta María Fraíz con moita graza que, pola rama paterna, viría sendo bisneta dun cura. A súa avoa de Castrelo apelidábase “Iglesias”: María Iglesias. O seu tataravó entregou no hospicio a filla que lle fixera á súa anónima tataravoa. Pasados os anos, o cura volveu pola rapaza –xa moza– para que o atendese na vellez. O crego soubo identificar a súa filla porque, antes de deixala no orfanato, lle tallara coa navalla unha corta nun pé. Como dixo a nosa informante: “Os fillos dos curas todos son Ighlesias”.
E a min dáme por pensar que todos os galegos somos fillos dun cura ou dun deus menor que, acabadiños de nacer, nos deixaron quedar no hospicio, non sen antes tallarnos unha amosega na planta do pé para, cando se cumpriren os tempos, noso pai volver por nós, recoñecernos e aconchegarnos a canda el ao pé do lume.
As galegas e galegos recoñecidos polo deus novo do ceo novo son sen dúbida os distinguidos co galardón Mestras e Mestres da Memoria. Ben seguro, María da Vrea e os integrantes do Equipo Chaira han ter a marca no pé e, se procedese, eu pediríalles que nola mostrasen para tapar as bocas da incredulidade.”

Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas súas participacións no Proxecto Polafías.

A AELG lamenta fondamente o pasamento de Xesús Alonso Montero

A AELG lamenta fondamente o pasamento do escritor, ensaísta, filólogo, sociolingüista e investigador Xesús Alonso Montero, sumándonos á dor da súa familia e ao recoñecemento da súa prolífica obra, a través da que desenvolveu un importante labor como divulgador incansábel da nosa literatura.

Pode consultarse a continuación a información sobre o autor recollida na Real Academia Galega, entidade da que foi presidente entre 2013 e 2017.

(Nota: a foto do autor provén tamén da Real Academia Galega).

A AELG lamenta fondamente o pasamento da Mestra da Memoria Elba Requeijo

Elba Requeijo Barro, Mestra da Memoria en 2014, faleceu o 29 de novembro de 2025, aos 82 anos de idade.

Lembramos aquí o texto que no seu momento lle dedicara Antonio Reigosa:

Nacera en Arca, Montouto, en 1943. Criouse onde no lugar das Basilias, na parroquia de Labrada, concello de Abadín. Alí medrou entre os traballos propios do medio, da idade e do sexo, e os xogos con xoguetes de fabricación propia. Aprendeu na escola básica, a que ensina a ler e a escribir, e as catro regras, e tamén aprendeu outras moitas cousas imprescindibles para sobrevivir: os nomes das árbores e das plantas, os dos animais, os dos penedos, fontes, camiños e leiras, os das ferramentas e os dos labores que se fan con elas, e tamén aprendeu unha lingua para falar, contar e cantar; a lingua nai. Casou e tivo fillos que agora lle van achegando netos; fillos e netos que van e veñen…

Coñecémola en 1992 cando os do Equipo Chaira andabamos cos traballos de campo para a realización dun inventario de literatura de tradición oral do concello de Abadín. Petamos á súa porta na procura de Aurora, a súa sogra, sabedores de que dominaba un amplo rexistro de coplas e cántigas, como así foi, pero ninguén nos avisara de que naquela casa tamén vivía outra persoa que atesouraba inmensas riquezas na súa memoria. Aquel mesmo día gravámoslle romances, parrafeos, contos…, e volvemos outros días, e outros… O resultado está publicado no libro Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (O. Carnero, X. R. Cuba, A. Reigosa e M. Salvador, 2004) ao que Elba achega tres contos: “Ben pode ser”, “O fillo do cura” e un interesantísimo “Como naceron os lobos” que esconde, en realidade, un mito. Tamén nos recitou tres versións dos coñecidos romances “Xerineldo”, “Albaniña e “O conde Alarcos”, parrafeos e romances de cego como “Os paraugüeiros”, “Tres casamentos nun día”, “As catorce mentiras”, “Cuarta feira”, “Boas tardes, rapaciña”; unha panxoliña e numerosas coplas do cancioneiro popular.

Anos máis adiante, no 2007, Elba Requeijo participou en dúas sesións (Serra de Outes e Mondoñedo) do poxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) denominado Polafías, reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais que pretenden rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical galego. Tamén participou na revista oral “Tesouros vivos”, promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte nas Ondas” que tivo lugar no Museo Verbum de Vigo o 5 de xuño de 2009, na 3ª edición da revista oral “O pazo das musas”, 29 de setembro de 2005, editada polo Museo de Lugo, un número especial dedicado a divulgar e apoiar a candidatura para o recoñecemento por parte da UNESCO da Tradición Oral Galego-Portuguesa como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Intanxible da Humanidade.

Máis recentemente interveu no curso “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. Reescrituras actuais do conto popular” organizado pola USC e colaborou no proxecto da AELG que leva por título “Mestres da memoria”, unha mostra representativa dos saberes dos máis vellos para divulgalos a través de internet como modelos de excelencia da literatura de tradición oral galega.

Elba Requeijo recrea o que lle escoitou aos vellos, especialmnte a un dos seus avós, e tamén o que leu nas “historias” que lle emprestaban ou que mercaba na feira de Gontán. Sempre gustou de memorizar os textos e logo recitalos coa maior fidelidade posible o que a convirte nunha transmisora fiable e única; Elba foi un Tesouro Humano Vivo.

Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas súas participacións no Proxecto Polafías.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Carlos Taboada

O escritor, editor, publicista e ilustrador Carlos Taboada faleceu o 13 de agosto en Pontevedra. Autor de diversas obras individuais e colectivas, levou adiante tamén un importante traballo en proxectos como o colectivo de actividades artísticas Polo Correo do Vento e Lela Edicións.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz.

Quédanos a súa obra e o seu exemplo vital como persoa de creatividade multidisciplinar e grande humanidade.

Desde a AELG adherímonos ás palabras que Míriam Ferradáns nos transmite sobre Carlos: “Ser bo. Ser bo e esforzarse por selo. Escoller entre moitas posibilidades aquelas que permiten seguir alimentando un corazón limpo e nobre. Posuír a bondade sen limitarse ao xesto. Traballar con talento, alegría, visión e profundísimo compromiso cara á cultura, á lingua, á infancia e á sociedade. Traballar con amor. Cunha sensibilidade incuestionable. Con ansia. Ser bo e trazar as cores dos murais, as cores dos libros, as cores das palabras e as cores da risa das persoas queridas que resoarán, co pasar do tempo, coma unha melodía vibrante e feliz. Ser bo e que este silencio inesperado atravese centos de estratos ata o centro exacto da vida que ti nos deixas.”

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do grande escritor Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo, escritor e referencia fundamental do teatro galego contemporáneo, finou o 10 de agosto na Coruña. O seu inmenso legado como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais, entre elas a fundación dos grupos e compañías O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e Casahamlet, así como a enorme calidade humana da súa persoa, foron unanimemente recoñecidos con múltiples premios, entre eles a Homenaxe Letra E dedicada pola AELG ao autor en 2007 na súa terra natal, Ferreira do Valadouro.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, da que salientamos esta entrevista onde fixo un repaso demorado a toda a súa traxectoria.

A súa obra o seu exemplo vital déixannos unha pegada indelébel, como persoa e escritor que mantivo a independencia fronte ao poder ao longo de toda a súa vida para ser fiel aos seus principios, así como unha postura critica insubornábel fronte aos inimigos da Galiza e a súa cultura.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor e xornalista Xosé Lois Rúa, socio desta entidade

O escritor e xornalista Xosé Lois Rúa faleceu o 30 de xullo de 2025.

Na súa traxectoria destacan os premios recibidos pola súa obra poética, o Cidade de Ourense, en dúas ocasións, e o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Na web da AELG pode consultarse información sobre a súa obra, así como acceder á súa Fototeca e Videoteca.

Destacamos especialmente estes vídeos onde falaba sobre os motivos que o levaron a escribir e sobre os referentes e lecturas que alimentan a súa obra.

Falece o escritor asturiano Xuan Bello

Por Antonio Reigosa (foto do autor, desde Wikipedia):
Xuan Bello! Grande en todos os sentidos!
Na súa participación no Mondoñedo é poesía 2022, Xuan Bello mandara este texto: “A vida é moito máis verosímil na páxina escrita que no borrador do cotián. O poeta —poñendo toda a paixón na música esencial dos versos— descobre un mundo intacto, orixinal e ordenado onde, por exemplo, un aire pode ser a alma dunha dama que vén de Bretaña beber un trago de auga á fonte de Fascura. O poeta, ao longo dos anos, saúda esa dama e ponlle nomes pequenos: ribeira delgada onde se pousa a rula, rula das illas de lonxe, flor que bica a rula.
Os exemplos, xa se terá dado conta o lector, están sacados das cantigas de don Álvaro Cunqueiro. Ao pasar dos anos foi facendo da rula, esa pomba silvestre que cruza os mares, un símbolo da aventura, da delicadeza e da vertixe. Por iso os tres últimos versos que escribiu Cunqueiro gardan un misterioso e lúcido segredo: “E agora doume conta / de que xamais / oín cantar a rula”. Asdo. Xuan Bello.”

Falece José Luís Fontenla Rodrigues

Desde Nós Diario (foto dese mesmo medio, Nós Diario):
“José Luís Fontenla Rodrigues naceu dentro dunha familia nacionalista en Pontevedra en 1944. Fillo do antigo militante das Mocidades Galeguistas e da Dereita Galeguista Xosé Luís Fontenla Méndez, comprometeuse na loita pola cultura galega desde moi novo, facendo parte da directiva da Agrupación Cultural O Galo nos primeiros 60 e sendo fundador en 1963 da asociación Os Novos de Pontevedra.
Fontenla Rodrigues desenvolveu unha intensa actividade cultural ao longo da súa vida. Fundador e presidente da asociación Amigos da Cultura de Pontevedra, impulsou entidades como a Associação Amizade Galiza-Portugal, Irmandades da Fala da Galiza e Portugal.
A loita a favor da lingua foi unha constante na vida de Fontenla Rodrigues. Desde a súa actividade nos anos 60 a favor da galeguización da liturxia até o seu traballo no ámbito do reintegracionismo e do achegamento do portugués e o galego
A actividade social de Fontenla Rodrigues foi moi importante nos anos 60, 70 e 80. Neste sentido, fixo parte do núcleo fundador da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), pertenceu ao núcleo directivo da editorial SEPT e xogou un papel de relevo no impulso e creación do semanario A Nosa Terra.
O seu labor político alcanzou grande relevo, sendo un principais impulsores da alternativa nacionalista de orientación demócrata cristiá. Representante desta tendencia en 1963 no Consello da Mocidade e principal dirixente do Partido Galego Social Demócrata durante o franquismo, participou en 1976 do Consello de Forzas Políticas Galegas, unha alternativa de ruptura contra o franquismo que agrupaba todo o nacionalismo galego.
Fontenla Rodrigues legou unha significada obra xornalística e literaria. Neste canto, destacan volumes como Poemas de Paris e outros poemas, Sememas, Tempo e Terra ou Itaca, estes tres últimos publicados co pseudónimo de João Padrão.
O enterro terá lugar esta segunda feira 30 de xuño ás 12 horas, no cemiterio municipal de San Amaro, en Pontevedra. Previamente, ás 11 horas, celebrase un acto de despedida no tanatorio Alviana, na mesma cidade.”

Desde a Academia Galega da Língua Portuguesa recolhem esta nova.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Sofía Baquero

Sofía Baquero Céspedes, compañeira de vida de Antón Avilés de Taramancos desde inicios da década dos anos 60 do pasado século, faleceu o 25 de abril aos 90 anos de idade.

Desde a AELG manifestamos o noso profundo pesar por quen sempre apoiou Antón nos seus proxectos, nomeadamente nas diferentes facetas da súa creación literaria.