Falece aos 90 anos Saleta Goy

Desde Nós Diario (foto da Fundación Manuel María):
“No serán de onte faleceu na cidade da Coruña Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María. Goy, presidenta da fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María, levaba ligada á cultura galega desde os anos 50, participando da vida social e política do país.
Os restos de Saleta Goy serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña o domingo 11 de setembro, e a segunda feira realizarase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 horas, previa a recibir sepultura, ás 18 horas, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei, a poucos metros da Casa-Museo. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade social e cultural.
Saleta Goy García fixo 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación. Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron o escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de “La Voz de Vigo” por esixírselle a afiliación á Falanxe.
Desde o ano 1970 Saleta rexenta en Monforte a libraría Xistral, que a parella decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritoras e escritores, de intelectuais, tanto da Galiza como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega.
Saleta e Manuel mantiñan un inequívoco compromiso nacionalista desde os anos 50, o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime fascista. Segundo sinalan desde a Fundación Manuel María, “non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitraria”.
A Fundación Manuel María lembra, tamén, que “a represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita contra a ditadura franquista e en favor dos dereitos políticos de Galiza e, sobre todo, no traballo pola recuperación de usos para a lingua galega e polo dereito a vivir dignamente na propia terra en paz e harmonía cos demais pobos do mundo”.”

Aquí poden consultarse as fotos coa presenza de Saleta no Arquivo fotobiográfico d@s escritor@s, na web da AELG.

A AELG lamenta fondamente o pasamento de Ana Luísa Amaral, Escritora Galega Universal

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega expresamos a nosa desolación pola morte da nosa Escritora Galega Universal deste 2022, Ana Luisa Amaral, cuxo nomeamento foi ratificado pola Asemblea Xeral da AELG, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra. Doémonos moito ao saber da súa morte, ela para sempre Escritora Galega Universal .

Ana Luísa acompañáranos coa súa palabra poética na Gala dos Premios Follas Novas do pasado maio, dado que non puidera facelo presencialmente. Agardábamos poder entregarlle a figura de Rosalía de Castro como Escritora Galega Universal no outono deste 2022 en Santiago de Compostela, que lle faremos chegar á súa familia.

En palabras de Marta Dacosta, quen ía facer a laudatio: “Amaral era a poeta que contraria a tradición, a que reinterpretou e volveu falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contrariou e ironizou. Nos seus poemas Penélope négase a Ulises e Medea decide ficar no palacio. Lemos os seus poemas como espellos en que a palabra ocupa o lugar exacto, transparente, simbólico, traslada sentimentos, constrúe un mundo propio sen artificios innecesarios. Espida, densa, directa.”

A AELG lamenta a perda do seu socio Basilio Losada Castro

A AELG lamenta a perda do catedrático, crítico literario e escritor Basilio Losada Castro, primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona, e autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira. Traduciu máis de 150 libros en sete linguas, de autores como Jorge Amado, Saramago, Rosalía de Castro, Pere Gimferrer… Recibiu, entre outros premios, o Premio Nacional de Tradución, a Creu de Sant Jordi, a Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués, a Ordem do Cruzeiro do Sul, de Brasil, e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Deixamos aquí as súas palabras de agradecemento na Homenaxe que a AELG lle dedicara no XXIV Galeusca: Lugo-Mondoñedo, 2007.

Aquí tamén pode verse a ampla entrevista feita arredor do conxunto da súa obra, na primeira e segunda parte da mesma:

A AELG lamenta fondamente o pasamento de Domingo Villar

A AELG lamenta fondamente o pasamento do escritor Domingo Villar, sumándonos á dor da súa familia, así como á de todas as lectoras e lectores da nosa literatura, á que achegou o seu talento narrativo para ampliar os territorios creativos e axudar á súa proxección internacional.
Pode consultarse a continuación a dolorosa noticia recollida por Nós Diario e pola Editorial Galaxia.

(Nota: a foto do autor provén da Wikipedia Galega).

Pesar polo falecemento de Arcadio López Casanova

Desde Nós Diario:
“O poeta, profesor e académico Arcadio López Casanova faleceu o 11 de abril aos 79 anos de idade. Considerado un dos grandes poetas galegos contemporáneos, deixa tras de si unha importante obra literaria e como investigador.
Nado en Lugo en 1942, en plena posguerra, licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A súa vinculación coa cultura galega vén dos seus anos como estudante no Instituto de Lugo. Alí, editou canda outros compañeiros unha publicación en lingua galega, tomando contacto cos círculos galeguistas.
Neste tempo, trabou amizade co escritor Manuel María e coa súa compañeira, Saleta Goi, persoas decisivas na formación política e literaria do primeiro López Casanova.
A etapa universitaria de López Casanova destacou pola súa intensa actividade política, cultural e literaria. Membro da asociación cultural O Galo de Compostela, gañador de diversos premios literarios fixo parte do círculo máis próximo de Ramón Piñeiro.
A conexión con Piñeiro resultou decisiva para López Casanova. A un tempo, guiouno na súa actividade literaria e comprometeuno en diversas actividades do galeguismo. Neste sentido, xogou un papel de relevo no Consello da Mocidade, organización clandestina da mocidade nacionalista operante entre 1963 e 1964.
O seu primeiro traballo como docente tivo lugar no Colexio Fingoi, un centro educativo fundado e impulsado polo empresario galeguista, Antonio Fernández López e dirixido durante anos por Ricardo Carvalho Calero.
Unha vez aprobadas as oposicións do ensino público, desprazouse ao País Valencià, primeiro como mestre nun instituto, e despois como docente da Facultade de Filoloxía na Universidade de Valencia.
A actividade investigadora de López Casanova estivo moi vinculada o seu labor docente. Así, destacou polos seus estudos sobre a novela e poesía española do século XIX e XX, sendo un dos críticos de referencia da obra poética de Miguel Hernández ou Luís Pimentel.
Arcadio López Casanova foi, primeiro de nada, un poeta. As súas primeiras composicións datan de finais da década dos 50, aparecendo a comezos da década seguinte as primeiras publicacións.
Autor en español e galego, deu ao prelo, entre outros, Sonetos da esperanza presentida (1965), Liturxia do corpo, (1976), Noite do degaro (1994) ou Do tempo posuído (2004).
Mesteres (1976) e Herdo do canto (2006) son os dous volumes mais celebrados de toda a súa produción poética. O primeiro rematou como finalista do Premio Nacional de Poesía e o segundo gañou o Premio de Poesía de Caixanova.”

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do grande escritor Darío Xohán Cabana, membro desta Asociación

Darío Xohán Cabana, poeta, narrador e tradutor prezado por todas e todos nós pola súa inmellorábel calidade humana, vén de finar hoxe. Nado en Roás (Terra Chá) en 1952, colaborou na década de 1970 con Xosé María Álvarez Blázquez en Edicións Castrelos. Membro da AELG desde a súa fundación, foi elixido membro da Real Academia Galega en 2006.
A súa extensa obra, marcada por un fértil río poético que tamén alimentou a creación narrativa e a tradución, recibiu numerosos premios ao longo da súa relevante traxectoria.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor na súa propia voz, da que salientamos esta entrevista onde Darío fixo un repaso demorado a toda a súa vida literaria.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento da escritora María Magdalena Domínguez, socia desta entidade

María Magdalena Domínguez Domínguez, poeta do Val da Louriña, faleceu o 18 de agosto. O funeral terá lugar o 19 de agosto, na igrexa parroquial de Santa Eulalia de Mos. Ás 18:45 horas sae da sala número 3 do tanatorio Vigo Memorial.

No Centro de Documentación poden achegarse á súa obra, á súa Fototeca, e ver as entrevistas que se lle fixeron promovidas desde a AELG ao longo dos anos.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor e dramaturgo Francisco Pillado Maior, membro desta entidade

Elixido membro do Consello Directivo da AELG en 1984 e 1988, recolleu o Premio Bos e Xenerosos dedicado á Editorial Laiovento en 2014 en Pontevedra.

Francisco Pillado Mayor estudou Maxisterio, Graduado Social, Declamación e Arte Dramática, e foi Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares. Traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais Ramón de la Sagra, do Colexio Universitario da Coruña.
Fixo crítica literaria, artigos e entrevistas en diversos medios de comunicación: Radio Nacional de España na Coruña, Radio Coruña da Cadea SER, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, O Correo Galego e a revista Grial.
No mundo do teatro foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Foi Presidente da Escola Dramática Galega, onde exerceu tamén como director de publicacións e responsábel do Departamento de Estudos Teatrais, así como da dirección dos Cadernos da EDG.
Formou parte do Consello de Redacción da Revista monográfica de Cultura da Agrupación Cultural O Facho e de Cen Augas. Dirixiu, desde a súa creación, a colección de teatro A Biblioteca do Arlequín, de Sotelo Blanco Edicións. Foi director de Cadernos da Escola Dramática Galega, Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Colección Castrodouro-Teatro, Colección Arlequín, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro e da Revista de Teatro Casahamlet. Así mesmo, foi director literario de Edicións Laiovento até 2014; directivo da Agrupación Cultural O Facho. Entre 1995 e 1997, formou parte do Consello Reitor do IGAEM. Tamén foi membro do Consello Asesor da Colección Teatro nas Aulas, patrocinada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
En 1996, doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Foi nomeado Presidente de Honra da citada Biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución académica. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.
En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galicia e a proposta do BNG, membro do Consello de Administración de Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.
Fixo parte, ademais, de diversos xurados literarios.

O seu traballo incesante pode consultarse no seu espazo no Centro de Documentación da nosa web.

(Foto de Manu Cruz, desde a Wikipedia en galego).

A Real Academia Galega lamenta o pasamento do expresidente Xosé Ramón Barreiro Fernández

Desde Nós Diario:
“O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifesta en nome da institución o fondo pesar pola perda do profesor Barreiro. “Foi un compañeiro activo e comprometido coa institución, á que dedicou moito esforzo e moito tempo. Botarémolo moito de menos”, expresa. Xosé R. Barreiro asumiu como presidente, entre decembro de 2001 e decembro de 2009, “unha etapa moi importante de renovación e modernización da Academia, que se iniciara no período como presidente de Francisco Fernández del Riego, con quen foi tesoureiro”. Víctor F. Freixanes salienta tamén o seu papel como historiador dentro e fóra da RAG. “Foi un membro destacado da xeración de historiadores que anovaron o estudo desta ciencia en Galicia a partir de década dos 80. Prestou especial atención a capítulos importantes da historia contemporánea de Galicia e da súa cultura, e á preservación da memoria da Academia, con achegas tan relevantes como a biografía do primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía”.
A vinculación de Xosé Ramón Barreiro Fernández coa Real Academia Galega remóntase ao ano 1971, cando foi nomeado membro correspondente da institución. O 14 de febreiro de 1997 converteuse en académico de número, a proposta de Antonio Fraguas, Xosé Filgueira Valverde e Antonio Meijide Pardo, coa lectura do discurso O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823-1846). Tras ser tesoureiro da institución entre 1997 e 2001, durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego, asumiu a presidencia entre 2001 e 2009, período no que se iniciaron os procesos de dixitalización de fondos e informatización dos recursos da Academia.
Como especialista na figura de Manuel Murguía, foi ademais coeditor do seu epistolario, as máis de 1600 cartas conservadas no arquivo da Real Academia Galega. O historiador exerceu tamén dende a Academia un papel destacado na divulgación da figura de Emilia Pardo Bazán como director do grupo de investigación La Tribuna da Casa- Museo Emilia Pardo Bazán, autora sobre a que escribiu diversos artigos.

Xosé Ramón Barreiro Fernández ingresou no seminario de San Martiño Pinario e proseguiu os estudos de Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma, onde se licenciou en 1963. Dous anos despois doutorouse na mesma universidade coa tese A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico, pola que recibiu a cualificación de Summa cum laude e a medalla de ouro da universidade. De regresou a Galicia, foi profesor no seminario e en 1974 rematou os estudos de Filosofía e Letras (Sección Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura La Ilustración en la Universidade de Santiago de Compostela, que acadou o premio extraordinario. Doutorouse en 1979 coa tese El campesinado gallego en la historia contemporánea. (…)”

Adeus ao ‘Alcalde do Teatro’: morre Xosé Manuel Pazos Varela

Desde Erregueté:
“Na tarde do luns 25 de xaneiro, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O rexedor de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) arrastraba problemas de saúde desde hai uns anos tras someterse a unha delicada operación de pulmón. A nova fíxose pública nos medios de comunicación e comezouse a compartir nas redes sociais de moitas institucións e profesionais das artes escénicas galegas que quixeron despedirse do “Alcalde do Teatro”.
Xosé Manuel Pazos Varela naceu na parroquia morracense de Coiro no ano 1957. Mestre de profesión, traballou varios anos na montaña sanabresa e, despois, en colexios públicos da parroquia de Darbo. Entrou en política no ano 1990 como responsable de Persoal e Benestar Social na xestora municipal do Concello de Cangas. Tras pasar pola oposición durante unha lexislatura, volve ao goberno no ano 1995 co cuatripartito, ocupándose das áreas de Cultura e Ensino. Entre 1997 e 2001 foi Deputado no Parlamento de Galicia e, despois dun tempo afastado da primeira liña política, volve ao Concello no ano 2007 para ocuparse outra vez de Ensino e Cultura. Logo doutra lexislatura na oposición, sae elixido Alcalde nas eleccións de 2015, facendo parte dun novo tripartito. Pazos nunca renunciou á súa intensa actividade cultural e política. Boa proba disto foi o seu empeño por dotar a Cangas dun Auditorio Municipal.
O seu corpo foi velado no salón de plenos do Concello de Cangas para, posteriormente, ser trasladado ao cemiterio de Coiro, a súa parroquia natal. A corporación municipal decretou tres días de loito na vila do Morrazo e bandeiras a medio mastro.
Xosé Manuel Pazos Varela era, fundamentalmente, un home do teatro. Así foi recordado onte na páxina de Facebook de Teatro de Ningures, compañía que fundou no ano 1986. No grupo cangués foi todo: actor, produtor e, finalmente, tradutor, adaptador e dramaturgo en, practicamente, todos os espectáculos da compañía. En 2008 recibiu o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego polo espectáculo Emigrados, texto asinado xunto a Cándido Pazó, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado. (…)”