Falece a relixiosa e escritora Engracia Vidal, unha pioneira e revolucionaria da Igrexa galega

Artigo de Yuri Carrazoni en Nós Diario:
“Din que ninguén morre se permanece vivo no recordo, e Engracia Vidal é unha desas persoas. Relixiosa, docente, escritora, teóloga, galeguista, feminista, revolucionaria… son moitos os adxectivos cos que se podería describir a esta cambadesa nada en 1930 e finada esta terza feira, 23 de xaneiro, aos 93 anos de idade. O seu legado perdura intacto na memoria de quen compartiron vivencias con esta muller de firmes conviccións.
Ingresou moi nova no Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra —onde esta quinta feira será despedida polos seus achegados— e impartiu aulas en diferentes centros da congregación. Engracia Vidal cursou estudos de Historia e diplomouse en Teoloxía, pero a súa aportación á comunidade vai máis aló da escola, pois insistiu en defender a lingua e identidade da Galiza e en abrir a Igrexa católica ás mulleres, como atesoura o feito de ser a primeira autora en lingua galega dun ensaio relixioso —Por unha Igrexa tamén feminina (2000)—, a primeira en ser mestra no Seminario Menor de Belvís (Santiago), ou de participar activamente nos inicios da Marcha Mundial das Mulleres. Foi, ante todo, “unha pioneira”.
“A Igrexa galega é hoxe o que é, en boa parte, grazas a ela, que estivo sempre traballando desde abaixo, apoiando, animando e creando novas iniciativas”, afirma, en conversa con Nós Diario, Marisa Vidal, mestra, teóloga e membro da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Para ela, Engracia foi “unha muller moi activa” e de firmes conviccións.
O Concilio Vaticano II, destinado en esencia a abordar a relación da Igrexa co mundo moderno, marcouna profundamente. E xa nos estertores da ditadura franquista comezou a deixar unha forte pegada. “Nos anos 70, as monxas que se puñan ao carón do xente para escoitala, e exporse [como Engracia], estaban moi mal vistas”, apunta Vidal. Mais a ela non lle importaba, pois non había nada que a frease. (…)”

Rianxo: actividades do 22 de xullo na Feira do Libro 2022

Carballo: actividades do 10 de xullo na Praza dos Libros 2022