Vigo: presentación de Os kowa, de Xavier Queipo

OXavier Queipo xoves 31 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), preséntase Os kowa, de Xavier Queipo, publicada en Galaxia, obra que obtivo o Premio Blanco Amor en 2015. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Xavier Queipo: “A aventura existirá en canto exista o abraio por outras xeografías”

EntrevistaXavier Queipo de Xesús Fraga a Xavier Queipo en La Voz de Galicia:
Os kowa (Galaxia), a novela coa que Xavier Queipo (Santiago, 1957) gañou o último premio Blanco Amor, arranca en Europa para logo desprazarse á Amazonía, seguindo ao seu protagonista, un naturalista que marcha tralo ronsel dunha bolboreta e se perde na selva. O escritor, residente en Bruxelas, visita estes días Galicia para presentar o seu libro, mañá en Compostela (Libraría Pedreira, 20 horas) e o xoves en Vigo (Andel, 20 horas).
– La Voz de Galicia (LVG): No noso mundo hiperconectado, ¿a verdadeira aventura segue a ser a descuberta do humano?
– Xavier Queipo (XQ): A aventura está presente en cada sensación, en como esta se percibe e se entende. Temos máis información, é certo, do que imos atopar nun contexto determinado, mais non a temos de como nós imos vivir esa experiencia, que está ligada a nosa percepción, algo sublime no senso de individual e complexo. (…)
– LVG: Xa escribiu hai moito tempo sobre o Ártico: que posibilidades narrativas ofrece o Trópico fronte aos polos?
– XQ: As posibilidades narrativas existen en calquera punto da xeografía. A percepción inicial é que os Trópicos son un escenario barroco en contraposición ao Ártico, máis minimalista. Esta percepción dilúese co exercicio narrativo que require de estímulos externos e internos. O abraio dos glaciares e das montañas de xeo, dos océanos inzados de baleas e do xogo de luces na auroras boreais é distinto daquel que se vive na selva que pasado un tempo semella monótona e interminábel, diferente aínda dos desertos que tamén hai nos trópicos. (…)
– LVG: ¿Cre que de vivir en Galicia habitualmente a súa obra literaria tería sido moi distinta?
– XQ: Os textos que eu escribo constrúense nunhas coordenadas xeográficas afastadas, isto é certo, mais constrúense tamén na base dunha tradición literaria, a partir da experiencia de vida, das lecturas, do que se escoita, do que se soña e do que acontece arredor de min. Algúns destes parámetros están claramente marcados pola xeografía, outros son independentes. Noutras palabras, si sería diferente, mais non podo adiviñar a magnitude desa diferenza.
– LVG: Houbo no seu discurso de aceptación do Blanco Amor unha reivindicación dunha ollada emigrante, diaspórica, da cultura galega. ¿Que trazos a identifican e que supón no conxunto da nosa cultura?
– XQ: A lectura que fai é atinada. Volvendo outra vez os parámetros, a arte da literatura aliméntase de sensacións, internas e externas. O vivir en permanencia no mesmo nicho ecolóxico, sen interactuar co mundo, pode levar a unha visión cativa do que é a vida e o mundo. Explorar é necesario para un escritor, na forma e nos contidos. Se non queremos ver máis alá do Padornelo, non daremos saído deste momento de estancamento temático e formal no que habitamos.”

Xavier Queipo recolle o Premio Blanco Amor de Novela pola obra Os Kowa

DesdeXavier Queipo o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Se un libro non ten premio, non ten visibilidade; se non ten visibilidade, non ten influencia, pasa desapercibido. Non estou disposto a que os libros que me levan tanto traballo pasen desapercibidos”. A entrevista a Xavier Queipo pode escoitarse completa aquí.”

Xavier Queipo: “Dá forza saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante”

EntrevistaXavier Queipo a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) vén de recibir o Premio Blanco Amor de novela por Os Kowa. (…)
– Sermos Galiza (SG): Como recibe un escritor tan premiado o anuncio dun novo recoñecemento?
– Xavier Queipo (XQ): Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento, que amolece as quebras da saúde e do ánimo co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante como este é. Ende máis se un revisa o xurado, cunha mestura de escritores de renome, críticos literarios e profesores, o recoñecemento magnifícase.
– SG: Como xurdiu a novela?
– XQ: Como a meirande parte das miñas novelas e dos meus textos narrativos en xeral, xurdiu dun soño, é dicir do inconsciente: o soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos. Perfílanse a partir de aí outras imaxes de impacto como a música de Wagner soando no medio do mato ou o primeiro encontro cun indio, cun xaguar, cunha anta… Experiencia vivída, coñecemento acumulado, e xaora traballar coas verbas, coas imaxes, e sobre todo co ritmo da historia.
– SG: Se tivese que resumir en seis liñas Os Kowa
– XQ: Folleando un libro de “Papillons tropicaux”, Francis descobre unha lámina que chama a súa atención. Trátase de Callitaera aurora, orixinaria da conca superior do Amazonas. Fuxindo dunha relación sentimental errada aproveita unha oferta de traballo dun equipo multidisciplinar que vai explorar o curso superior do Amazonas, recolle varios libros e sae en dirección a Copenhague, onde o esperan os outros membros do grupo. A partir dese comezo, plantéxase a viaxe dupla -física e interior- que constitúen unha acción en paralelo. Nos lles vou contar mais nada, pois comprometería a lectura, que espero reflexiva.
– SG: Que quixo transmitir na obra?
– XQ: Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplemente conto como un home foxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas, nunha aventura que mestura momentos álxidos de soedade lacerante con momentos expansivos de encontros con outras culturas e outras xentes. (…)”

Xavier Queipo gaña o XXXIV Premio Blanco Amor de novela coa obra Os Kowa

Desde aXavier Queipo Deputación de Ourense:
“A XXXIV edición do premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor, que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa, de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luís González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas. (…)
Os Kowa é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado. (…)
Luís González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”. (…)
A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.
No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luís González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe “é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida”.”