Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do 8 de xuño

O 8 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:

18:30 h. Chan da Pólvora. «Poesía en Acción», con Estela Pan. Diálogo interdisciplinar para abrir un espazo de encontro no que o verso acada unha materialidade distinta á do trazo clásico no papel.
18:30 h. Xandobela. Navegando entre papel e contos. Contos e obradoiros. Ás veces portámonos mal e convertémonos en bechos insoportables; ás veces somos adorables e encantadores… Contos de diversidade e interculturalidade, para a paz e a convivencia.
19:00 h. Mesa debate. Irmás Cartoné. «A tradución, factor normalizador para o sistema literario galego». Con Patricia Buján Otero, de Catro Ventos Editora; Laura Sáez, de Patasdepeixe; Celia Recarey, de Irmás Cartoné.
20:00 h. Paseo literario Scórpio. de Ricardo Carvalho Calero. Paseo que rende homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través da súa novela Scórpio. As persoas asistentes percorrerán espazos da cidade relacionados tanto co autor como coa obra. ▸ Inicio: Casa do escritor. Carreira do Conde, 4.
20:00 h. Encontro co poeta Antonio Gamoneda. Conducido por Claudio Rodríguez Fer.
21:30 h. Off SELIC. Elías Knörr. Recital ao redor dos poemas de O xardín de atrás – Bakgarðurinn traducidos ao galego en O marinheiro con cabalos matutinos baixo o vestido.
22:30 h. Proxección de Contrafaces de Antón Cortizo. Centrado na voz poética de Knörr. En colaboración coa MICE. ▸ Teatro Principal.