Dúas investigacións sobre rituais curativos e espirituais gañan o XVIII Premio Xesús Ferro Couselo

Desde o Concello de Valga:
“Dous traballos sobre rituais protectores e máxicos tanto a nivel autonómico como local son os gañadores do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, un certame que busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e que o Concello de Valga convoca dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto da vila e insigne figura da cultura galega.
O 30 de xullo, no día no que se cumpren 111 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo, dase a coñecer a decisión do xurado que se reuniu o pasado 21 de xullo na Casa do Concello e que, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Municipal de Ourense, técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia e neto de Xesús Ferro Couselo; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.
Na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte, o gañador foi o antropólogo Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971). Concorreu ao certame baixo o lema “Vade Retro” e coa investigación titulada Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. Fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía xa se proclamou gañador no ano 2015 do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo “Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega” e no 2016 gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra “Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia”. A esta modalidade da XVIII edición do Premio presentáronse, ademais, outros dous traballos: O auxe do priscilianismo na Gallaecia trala decapitación de Prisciliano e Orixe e evolución da fortaleza baixomedieval das Torres de San Paio.
No tocante á segunda modalidade do certame, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu premiar a proposta titulada A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga, co que a autora, a xornalista Natalia Sueiro Monje (gañadora do VII Premio Internacional de Periodismo Álvaro Cunqueiro, entre outros certames xornalísticos e literarios), pretende abordar cuestións espirituais e máxicas que formaron o imaxinario popular da vila no seu pasado recente. Neste caso a investigación non está aínda realizada, xa que os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entrégase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto. A esta segunda modalidade do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo concorreron un total de catro propostas. Á marxe da gañadora, as outras tres estaban centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, pintor nado en Valga e emigrado na Arxentina, os anos da Segunda República no municipio e o catastro en Valga.
Ademais de debater sobre os traballos presentados ao concurso, na reunión do xurado non faltaron palabras de lembranza para Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía e membro da Real Academia Galega falecido en 2016 e que formou parte do tribunal do Premio Xesús Ferro Couselo dende as súas primeiras edicións. A acta da sesión recolle, así pois, “un recoñecemento especial á figura do profesor Fernando Acuña, que tristemente nos deixou o ano pasado”, engadindo que “posiblemente moita da sona e prestixio que ten hoxe en día este premio de investigación débese ao labor e adicación que don Fernando lle dedicou ao longo da súa vida. Hai que recordar que formou parte de todos e cada un dos tribunais dende a primeira convocatoria do premio aló polo ano 1996”.
O Concello trasladou a noraboa aos dous gañadores, felicitándoos pola calidade dos seus traballos.”

XXXII Premio Antón Losada Diéguez: Inma López Silva, en Creación Literaria, e Xosé Ramón Pena, en Investigación e Ensaio

Desde o Concello do Carballiño:
“A novela titulada Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva, e a publicación Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou o sábado 22 no concello do Carballiño.
O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.
Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.
Así mesmo, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, á novela titulada Aqueles días en que eramos malas, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca na novela galardoada “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.
Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.
O xurado estivo formado por:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Manuel González González.
Polo Consello da Cultura Galega, don Pegerto Saavedra Fernández.
Polo Museo do Pobo Galego, don Francisco Fariña Busto.
Pola Deputación de Ourense, don Luís González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Carme Silva Domínguez.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Paulo Martínez Pereiro.
Houbo unha ausencia xustificada pola Universidade de Vigo, don Xosé Henrique Costas González.
Actuou como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández.
A sesión comezou ás 11:00 h., no salón de plenos do concello do Carballiño, a quen lle correspondeu a organización do premio nesta edición, e rematou ás 13:30 h.”

Ledicia Costas e Xosé Fernández gañan o premio Antón Losada Diéguez 2016

DesdeLedicia Costas Faro de Vigo:
Ledicia Costas foi a gañadora do Premio Antón Losada Diéguez, coa súa obra Un animal chamado néboa, no apartado de creación literaria. No de investigación e ensaio correspondeu a Xosé Fernández Fernández, polo seu libro Vicente Risco. Mestre de mestres. A decisión foi adoptada por unanimidade, no primeiro caso, e por maioría no segundo, despois dun intenso debate, debido á alta calidade das obras presentadas.
O xurado considera que os relatos de Un animal chamado néboa “conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un uso de innumerables fontes documentais. A autora ofrece unha crónica do mellor e do peor da condición humana”. E destaca que as historias que forman este libro “suscitan en nós un abano de emocións que chegan a deixarnos case sen alento”. (…)
O xurado reuniuse na Casa do Concello de Boborás para proceder ao fallo da XXXI Edición do Premio Antón Losada Diéguez. Estaba integrado por Ana Patricia Torres Madureira, Diego Fernández Nogueira, Xosé Luís Regueira Fernández, Pegerto Saavedra Fernández, Francisco Calo Lourido, Manuel Doval Soto, Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Freixeiro Mato, como vogais. Actuou como secretario Fernando Torre Comesaña. Non puido asistir á reunión Xosé Henrique Costas González.”