Coñécense os gañadores da 4ª e 5ª categoría do Premio Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Martín Sarmiento:
“Na Festa da Lingua celebrada o 17 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, fixéronse públicos os/as gañadores/as da IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, nas seguintes categorías:
4ª categoría: 1º e 2º de ESO: Ledicia Costas e Pere Tobaruela, por Mortos de ningures, publicado en Everest.
5ª categoría: de 3º a 4º de ESO e Bacharelato: Xosé Henrique Rivadulla Corcón, por O noso amor será eterno, publicada por Xerais.”

Pere Tobaruela: “Coñecer outra lingua ábreche a mente”

Entrevista de Ramón Nicolás a Pere Tobaruela, en Qué leer, publicada en galego no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que leva a un escritor profesional en catalán a escribir en galego?
– Pere Tobaruela (PT): Actualmente vivo en Galicia e o simple feito de vivir nun país cunha lingua propia leva consigo, para min, falar e escribir nesa lingua. É pura cuestión de lóxica, creo eu. De respecto tamén… Coñecer outra lingua, somerxerte nas súas palabras ábreche a mente, sérveche para valorar e ver o mundo desde outra perspectiva. Creces como persoa. E no meu caso pásao ben. Que máis se pode pedir?
– RN: Que diferenzas advirte entre estes dous sistemas literarios?
– PT: Á parte de que en Cataluña haxa unha masa de lectores proporcionalmente máis ampla que en Galicia, outra das grandes diferenzas pódese resumir coa palabra «profesionalidade». Ao meu modo de ver, en Galicia a maioría dos escritores non conciben o feito de escribir como unha profesión. Respéctoo pero non o comparto. Por que un zapateiro, por poñer un exemplo, pode dicir que o é un profesional e a xente o asume e o respecta? Que un escritor diga que é un profesional, en Galicia non «soa» ben. Polo menos iso é o que eu percibo…
– RN: A súa presenza tanto na rede coma na promoción dos seus libros é moi intensa, trens que non se deben perder?
– PT: Non se trata de perder trens, trátase de subir a eles. Penso que, a nivel de promoción literaria, a rede ofrece unha gran posibilidade de visibilizar o que fas, e iso xa é moito. Está claro que é unha opción persoal e á que lle tes que dedicar tempo. Eu hai anos que asumín que a promoción é importante, por iso dedícolle o mesmo tempo que ao proceso de escritura. (…)”.

Parlamento das Letras: Pere Tobaruela

Entrevista de Armando Requeixo a Pere Tobaruela no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Pere Tobaruela (PT): Todo o que diga pode ser utilizado na miña contra… ¿Teño que responder? A ver… Podería contestar que aínda non levo tempo abondo como para ter unha composición de lugar das letras galegas, mais non sería certo. Así que aí o vai: sobran prexuízos e falta profesionalidade. Sobran (ou sobraron, mellor dito) exceso de subvencións. E agora, pola contra, estamos no polo oposto e falta apoio. Nin unha cousa nin outra… Sobran elites e faltan lectores do común. Sobran etiquetas e vacas sagradas. Falta unha diada de Sant Jordi. Sobra convencionalismo e que, por exemplo, o Día das Letras deixe de ser festivo. Falta cotidianidade de lectura en galego. Sobran críticos que estean hiperpendentes da lingua. Falta amor e respecto pola nosa lingua. Sobran formalismos. Falta informalidade: as letras, os escritores temos que tomar a rúa. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PT: Coido que xa dei algunhas pistas co que respondín ao que faltaba e sobraba nas nosas letras… Pero centrándome no que dis, déixame que utilice agora a palabra “crise”. Non o fago para escudarme nela, senón para non esquivala e para que a xente que lea esta entrevista non pense que non a teño en conta e vivo noutro mundo. E agora respondo: eu penso que o momento que nos toca vivir temos que afrontalo. Para min o pasado nunca foi mellor que o presente. Sinceramente, o pasado xa non existe. ¿E como é o presente? Éche o que hai. Incertidume, medos, éxito, fracaso… ¿A cousa está mal?… Négome a queixarme. Eu quero construír. Hai que ser positivo, mais non simplemente dicilo. Hai que implicarse. E eu estou totalmente implicado no panorama actual, no presente da nosa literatura, á procura de lectores, de romper fronteiras, de convencer á xente de que é posible crear en galego para o resto do mundo. E non o digo por dicir, e menos aínda por quedar ben. Demóstroo con feitos: des que cheguei a Galicia publiquei algunhas novelas e, sen ter en conta os números do ano 2012 (porque as editoriais aínda non me renderon contas), vendéronse uns 15.000 exemplares destas obras. Tamén me traduciron obras escritas en galego para o catalán. E do catalán e o castelán para o galego. Hai que crear sinerxías. E o movemento conséguese camiñando, digo eu. (…)”.

Pere Tobaruela: “Propoño un debate arredor do mundo da edición”

Entrevista a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿De onde xurde a idea da novela por entregas [Sempre perden os mesmos]?
– Pere Tobaruela (PT): Dunha reflexión sobre o momento da literatura galega. Custa que público en xeral merque narrativa para adultos. Quitando un par de excepcións, como poden ser Os fillos do mar ou os premios Xerais, non é doado que un libro en galego pase da primeira edición. Penso que hai algo que non funciona ben, e é unha crítica que estendo a min mesmo. Non conseguimos enganchar co lector ou ben o público non está afeito a ler en galego. Así que decidín saír pola tanxente: aquí non hai a escusa do prezo, trátase dunha novela por entregas, de balde, que segue a idea decimonónica que xa usaban algunhas revistas en Inglaterra.
– LVG: E funciona?
– PT: Fíxeno máis por intuición que por convencemento. O día 23 saíu o primeiro capítulo e, cada venres, engadirei un novo, así durante doce semanas. O contador que inclúe o blog xa leva máis de mil visitas, iso dá idea de que está a ter boa resposta, é unha iniciativa que esperta curiosidade.
– LVG: E economicamente resulta?
– PT: Non é unha ruína. Eu estou vendendo a marca, a Pere Tobaruela. Evidentemente, as miradas curtopracistas poden pensar que non saco rendemento económico, pero quen sabe, nun futuro (…)”

Sempre perden os mesmos, de Pere Tobaruela, novela por entregas na rede

Pere Tobaruela irá publicando, a partir do venres 23 de novembro, capítulos da novela por entregas Sempre perden os mesmos no blog creado expresamente para ela, e da que hai un evento creado en facebook. Segundo o autor, “Nesta novela participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor… Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.”

Coñécense os finalistas da 9ª edición do Premio Literario Martín Sarmiento

Déronse a coñecer os finalistas da novena edición do Premio Literario Martín Sarmiento:

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
– María Solar: Vou ter un irmán!!!, Galaxia.
– Pinto & Chinto: A maceira que daba calquera cousa menos mazás, Everest.
– Manuel Guisande: Rodribico e a noite, Baía.

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
– Silvestre Gómez Xurxo: Ti non xogas!, Xerais.
Antón Cortizas: Rosalía e os equinodermos, Tambre.

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
– Anxo Fariña: A chave da Atlántida, Xerais.
– Abraham Carreiro: Xoeliki, Sotelo Blanco.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Ledicia Costas e Pere Tobaruela: Mortos de ningures, Everest.
Agustín Fernández Paz: Fantasmas de luz, Xerais.

5ª categoría: 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
– Carlos Laredo Verdejo: Lena e o lobishome, Tambre.
Xosé Henrique Rivadulla Corcón: O noso amor será eterno, Xerais.

6ª categoría: adultos:
Manuel Rivas: Todo é silencio, Xerais.
Antón Riveiro Coello: Laura no deserto, Galaxia.

Casa Grande do Bachao: Talleres de escrita Redelibros, do 26 ao 28 de outubro

“Gústavos escribir? Queredes profundar no coñecemento das técnicas narrativas fundamentais para capturar a atención e o interese do lector: a creación de personaxes, o tempo e o ritmo da narración, os trucos do oficio, a consecución dun estilo propio?
Durante o fin de semana do 26 ao 28 de outubro, na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, organizamos o primeiro Taller de escrita Redelibros, dirixido por Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Durante dous días, nunha contorna ben fermosa, alternaremos a teoría narrativa co debate aberto, o fomento da creatividade e a imaxinación, a realización de exercicios narrativos e a análise individual e colectiva dos traballos dos participantes. Falaremos tamén da realidade editorial actual e trataremos de orientarvos nos camiños para acadar a publicación das vosas obras.
Dous días nunha fermosa casa rural, lonxe do balbordo diario, para mellorar as nosas técnicas narrativas, reflexionar sobre o estilo e o oficio de escribir e gozar da compaña e a conversa con outros escritores.
– Interésache? Descarga aquí o programa.
– Queres máis información? Escríbenos a: editorial@redelibros.com.
– Prazo de inscrición aberto ata o luns 15 de outubro.
– Inscricións: 666 841041 ou editorial@redelibros.com.”