Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz) que enviou o seu voto por correo, Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) e Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco), acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica dos traballos presentados.
2.-Conceder o XV PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo
presentado co lema Firmiter in re, suaviter in modo e co título O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser María Pilar García Negro, domiciliada na Coruña.Trátase dun excelente ensaio no que a autora con gran madurez reflexiona sobre a figura de Rosalía non só como fundadora da literatura galega contemporánea senón tamén como membro dun colectivo que nunha situación totalmente adversa e de xeral desprestixio de Galicia e dos galegos soubo reivindicar a lingua galega e tamén a dignidade das galegas e galegos como pobo.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.
En Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2010.
Arquivos da etiqueta: Pilar García Negro
A Coruña: conferencia de Pilar García Negro e Xoán Costa
Mañá xoves na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña (Panaderas, 12) e dentro do ciclo “Represión e defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza” poderemos escoitar a conferencia Represión lingüística no ensino en Galiza, por María Pilar García Negro e Xoan Costa. Será ás 19:30, con entrada libre até completar capacidade.
A Coruña: conferencia de Pilar García Negro
O vindeiro día 27 de outubro, martes, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falará dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom. A sua charla leva por título O idioma em crise: Alternativas. Será ás oito do serán na sala de prensa da Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña.
A Coruña: Pilar García Negro presenta novo libro
Hoxe xoves 9 no paraninfo da Universidade (Maestranza, s/n) presentarase o libro Sobre o racismo lingüístico, de María Pilar García Negro. Ademais da autora participarán no acto Carme Fernández Pérez-San Julián, Celia María Armas, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín, Francisco Rodríguez, Luis Villares e Francisco Pillado. O acto comeza ás 20 horas e a entrada é libre até completar capacidade.
A Coruña: Pilar García Negro presenta o seu novo libro

O luns 22 de xuño ás 20 horas no Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza. Participarán Antón Reixa, Goretti Sanmartín, Francisco Pillado e Pilar García Negro.
Pilar García Negro gaña o V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009
O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse onte, mércores 27 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 45 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia, ao artigo titulado A nena que berra, de María Pilar García Negro.
Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á imaxe moi plástica e moi visual que retracta e describe a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán; á introdución de conceptos interesantes, modernos, novidosos e moi valiosos para a descrición sociolingüística, como «lingua inevitábel» ou «xustiza ecolingüística»; á súa calidade e ligazóns lingüística e argumentativa, cun fío discursivo que dirixe todo o artigo cunha tese que se defende durante todo o texto e que o pecha; e por considerar moi valiosos e útiles os argumentos defendidos.
María Pilar García Negro (Lugo, 1953) reside na Coruña. É doutora en Filoloxía e profesora titular da Universidade da Coruña. Como estudosa é experta en literatura e mais en sociolingüística galega. Neste último campo foi autora da primeira tese sobre lexislación lingüística galega, e publicou numerosos artigos e libros básicos na sociolingüística galega como O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991), Sempre en galego (1993), O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995) ou Direitos lingüísticos e control político (2000). No ámbito político foi, entre outras cousas, deputada polo BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003. No ámbito social foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada deste en Galiza entre 1985 e 1990. Na actualidade é directora da Fundación Bautista Álvarez.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo GZ Power, do autor lugués Marcos Abalde Covelo. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor. Por estas razóns, o xurado recomendarlles aos medios de comunicación colaboradores a publicación destoutro artigo.
O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita. Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga.
A Coruña e Vigo: presentación do novo libro de Alfonso Armada
O luns 20 de abril ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo presentarase o libro TSC. Diario da noite, de Alfonso Armada, nun acto que contará coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.
Ao día seguinte, martes 21 de abril, o libro vai ser presentado na Galería Sargadelos da Coruña (R/ Real, 56), coa presenza de Pilar García Negro e Yolanda Castaño. Será a partir das 20 horas. A entrada nos dous casos é libre.
A Coruña: conferencia de Pilar García Negro
O vindouro dia 17 de decembro, na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) ás 20:00, a professora da Universidade da Coruña Pilar Garcia Negro falará dentro do ciclo “Literatura e naçom” da A. C. O Facho. A sua charla versará sobre “Rosália, a primeira feminista da naçom galega”.
Homenaxe a Manuel Curros Enríquez en Compostela
«O martes 24 de xuño a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais convídante aos actos de homenaxe a Manuel Curros Enríquez co seguinte programa de actividades:
-Conferencia de Pilar García Negro. “A defensa da lingua galega en Curros Enríquez”. Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16).
-Concerto homenaxe a Curros Enríquez. María José Ladra / Antón de Santiago / Cítola: “Na frente unha estrela”. Ás 21:00 horas no Teatro Principal.»
A Semana das Letras da Galería Sargadelos de Ferrol
O luns 7 de maio, de 12:00 a 13:30 horas, terá lugar a presentación do libro de Fina Casalderrey A lagoa das nenas mudas, editado por Xerais. No acto, enmarcado dentro da Campaña Educar para ler, intervirán a autora e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
O mesmo luns 7 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro Textos filosóficos-políticos de Ramón Vilar Ponte, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. O acto, en colaboración coa Asociación Cultural Medulio, será presentado por Elia Rico e Pilar García Negro, autora da introducción do libro.
O martes 8 de maio, ás 20:00 horas, o Grupo Gadisa celebrará o Día das Letras Galegas presentando o libro de José Díaz Dopico A noite de Reis, editado por Gadisa. O libro será presentado por Perille, Xosé María Dobarro, Antonio Cortés e Ana Lago, e contaremos coa presenza ademais do
autor e do artista Xosé María González Collado, ilustrador da obra.
O xoves 10 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre o uso do galego na ESO. No acto intervirán Eduardo Fra Molinero e Bernardo Máiz, profesores do IES Concepción Arenal e Anxos García Fonte, profesora do IES de Mugardos.
O venres 11 de maio, de 16:00 a 21:30 horas, terá lugar unha gravación en vídeo e unha sesión fotográfica da lectura de poemas clásicos e propios dos socios da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Ferrolterra: Tucho Calvo, Francisco Pillado, Antón Cortizas, Rosa Méndez, Antonio Yáñez, Arturo Casas, Carmen Sotelo, Medos Romero, Xosé Leira, Ramón Loureiro, Alexandre Ripoll Anta, Xavier López, María Xosé Lamas…