Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2013

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 21 de marzo en Betanzos a IX edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega. O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés; Concelleiro de Cultura da cidade, Antía Otero, Vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega. A actividade foi coorganizada pola AGE e o Concello de Betanzos e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura e GADIS. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.
Formaron parte do xurado dos premios Mercedes Queixas, profesora e Secretaria da AELG; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía Galego Portuguesas da UDC; Roberto Castro Iglesias, libreiro, Librería Sisargas; Isabel Blanco Pardo, directora das Bibliotecas Municipais da Coruña; Xesús Fraga, escritor e xornalista en La Voz de Galicia; exercendo como secretaria Luz Picos, con voz e sen voto. Os premios son os seguintes:

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, editado por Galaxia.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos.
Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editado por Kalandraka.
Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013: A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos.
Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editado por Xerais.
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013: Berta Dávila.
Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013: Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro e Pepe Díaz.

Ismael Ramos, Concepció Rubert e Lucía Laíño gañan o XVI Premio Literario Ánxel Casal nas modalidades de poesía, teatro e conto

Os membros do xurado, formado por Mercedes Rosón Ferreiro, Marcos Calveiro, Dores Tembrás, Manuel Bragado, Rosa López Gato e Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez como secretario, do XVI Premio Literario Ánxel Casal, deron a coñecer os gañadores desta edición, que neste caso recaeron en alumnos de colexios e institutos de Santiago, Noia e Boiro. En total presentáronse case 40 traballos chegados de toda Galicia.
– Na modalidade de Poesía, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo, do I.E.S Virxe do Mar, de Noia, polo traballo Casa Tomada. Segundo o xurado, “hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra”.
O traballo presentado por Helena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, co título O transitorio das palabras foi merecente segundo o xurado do segundo premio xa que “quere chamar a atención sobre o traballo desenvolvido coa linguaxe, e a utilización do espacio do poema poñendo a proba a sintaxe. É interesante, así mesmo, o tratamento da palabra en relación ao silencio e a contención como fórmula que resolve o desencontro no acto poético”.
– No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo Eros & Psique. O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual. Salienta así mesmo a fluidez da escrita e a estrutura dramática moi coidada, tanto nas acoutacións como no desenvolvemento dunha peza concibida para ser representada. O segundo premio declarouse deserto.
– En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada., de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estructura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva., de Vilalba, co título Os ollos da pantasma, un relato de pautas, de estilo clásico, con clara inspiración gótica e vitoriana, apuntando unha linguaxe imitadora da novela do XIX.
Máis información e a acta orixinal do xurado poden ser consultadas aquí.

Convocado o XVI Premio Literario Ánxel Casal

“I. Convócase a XVI Edición do Premio Literario Ánxel Casal. O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.
II. A denominación de Ánxel Casal para este certame literario provén do recoñecemento a este insigne galeguista, que foi tamén alcalde da cidade de Santiago. Esta iniciativa quere expresar o desexo de que os estudantes coñezan e valoren a súa achega á cultura galega e quere ser unha actividade de promoción da lingua galega no constante e necesario proceso de normalización lingüística.
III. O Concello de Santiago convoca este premio e comparte a súa organización cada ano cun centro de ensino secundario da cidade, atendendo a un desexo de itinerancia na coorganización do mesmo.
IV. Poderán concorrer a este premio literario, alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos.
V. As obras, escritas en lingua galega, serán inéditas e o tema libre.
VI. Os traballos terán un mínimo de 100 versos, na modalidade de poesía e un mínimo de 10 páxinas a dobre espazo, na modalidade de conto e na de teatro.
VII. A dotación total do premio é de 5.100 euros. Os premios están suxeitos a retención fiscal.
– Na modalidade de conto establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros.
– Na modalidade de poesía establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros.
– Na modalidade de teatro establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros.
VIII. Os traballos presentados ao premio non levarán nome do autor ou autora, senón que serán asinados con pseudónimo. Cada traballo presentado levará adxunto un sobre pechado no que, por fóra, deberá figurar o título do conto, da poesía, ou da peza teatral e por dentro o nome completo do autor/a, enderezo, idade, teléfono, centro no que estuda, título do conto, poesía ou texto teatral e pseudónimo utilizado. Achegarase unha copia do traballo nun CD, formato RTF, acompañando á copia do traballo en papel.
IX. Os traballos presentaranse por correo certificado, polo que toda a documentación citada na base anterior deberá remitirse ao Concello de Santiago, en sobre pechado, facendo constar no seu exterior:
XVI PREMIO LITERARIO ÁNXEL CASAL
CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Departamento de Educación
Praza do Obradoiro, 1
15.705 Santiago de Compostela.
X. A presidencia do xurado será asumida polo Alcalde do Concello de Santiago ou persoa en quen delegue. A composición do xurado, que non se fará pública ata o día do veredicto, contará cunha representación dos institutos da cidade, unha representación dos creadores de poesía, conto ou teatro e unha representación do Concello de Santiago. Nesta décimo sexta convocatoria, o IES Rosalía de Castro forma parte do xurado en calidade de coorganizador do Certame, de acordo coa base terceira do mesmo.
XI. A decisión do xurado, que será inapelable, adoptarase por maioría simple de entre os seus membros. A participación no certame supón a plena aceptación destas bases, sobre as que diante de calquera dúbida prevalecerá única e exclusivamente a opinión do xurado.
XII. O Concello de Santiago resérvase, durante un ano, os dereitos de publicar as obras premiadas. Neste sentido, os autores renuncian, a favor do Concello de Santiago de Compostela, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
XIII. Non se devolverán os traballos non premiados, que serán destruidos cando finalice o certame.
XIV. O prazo de admisión dos traballos finalizará o 25 de marzo de 2011.”

Coñécense os gañadores dos Premios Ánxel Casal da Concellaría de Educación de Santiago

Afonso Francisco Traficante Fernández, de Ordes, con 14 anos, foi o gañador do XV Premio Ánxel Casal, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago, na modalidade de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás, integrante do xuri, considerou “extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual”. Na modalidade de conto, o premio foi para Brais Lamela Gómez, de 16 anos, alumno do IES Basanta Silva (Vilalba). Da súa obra, Fiat Voluntas Tua, sinalou Marcos Calveiro, escritor e membro do xuri, a “calidade literaria e o uso dos recursos lingüísticos do galego”. En teatro, a premiada foi Lara Porto Mato, de 17 anos, alumna do colexio compostelán Manuel Peleteiro, por Sagrada Familia. A entrega dos premios celebrarase o xoves 16 de decembro, ás 12:00 h. no Pazo de Raxoi, en Santiago. Máis información aquí.

XIV edición do Premio Literario “Anxel Casal”

O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto. O prazo de presentación remata o 23 de abril. Poden descargar o tríptico coas bases en PDF neste enderezo.

Bases XIV edición do Premio Literario “Anxel Casal”

I
Convócase a XIV Edición do Premio Literario “Ánxel Casal”. O Concello de Santiago, atendendo á proposta expresada polo IES Arcebispo Xelmírez I con motivo da celebración do 150º Aniversario da súa fundación, creou no ano 1996 o Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades de poesía, teatro e conto.

II
A denominación de “Ánxel Casal” para este certame literario provén do recoñecemento a este insigne galeguista, que foi tamén alcalde da cidade de Santiago. Esta iniciativa quere expresar o desexo de que os estudantes coñezan e valoren a súa achega á cultura galega e quere ser unha actividade de promoción da lingua galega no constante e necesario proceso de normalización lingüística.

III
O Concello de Santiago convoca este premio e comparte a súa organización cada ano cun centro de ensino secundario da cidade, atendendo a un desexo de itinerancia na coorganización do mesmo.

IV
Poderán concorrer a este premio literario, alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos.

V
As obras, escritas en lingua galega, serán inéditas e o tema libre.

VI
Os traballos terán un mínimo de 100 versos, na modalidade de poesía e un mínimo de 10 páxinas a dobre espazo, na modalidae de conto e na de teatro.

VII
A dotación total do premio é de 5.100 euros. Os premios están suxeitos a retención fiscal. Na modalidade de conto establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros. Na modalidade de poesía establécese un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo premio de 700 euros.
Na modalidade de teatro establécese un primeiro premio de 1.000
euros e un segundo premio de 700 euros.

VIII
Os traballos presentados ao premio non levarán nome do autor ou autora, senón que serán asinados con pseudónimo. Cada traballo presentado levará adxunto un sobre pechado no que, por fóra, deberá figurar o título do conto, da poesía, ou da peza teatral e por dentro o nome completo do autor/a, enderezo, idade, teléfono, centro no que estuda, título do conto, poesía ou texto teatral e pseudónimo utilizado. Achegarase unha copia do traballo nun CD, formato RTF, acompañando á copia do traballo en papel.

IX
Os traballos presentaranse por correo certificado, polo que toda a documentación citada na base anterior deberá remitirse ao Concello de Santiago, en sobre pechado, facendo constar no seu exterior:
“XIV PREMIO LITERARIO ÁNXEL CASAL”
CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Departamento de Educación
Praza do Obradoiro, 1
15.705 Santiago de Compostela

X
A presidencia do xurado será asumida polo Alcalde do Concello de Santiago ou persoa en quen delegue. A composición do xurado, que non se fará pública ata o día do veredicto, contará cunha representación dos institutos da cidade, unha representación dos creadores de poesía, conto ou teatro e unha representación do Concello de Santiago. Nesta décimo cuarta convocatoria, o IES Pontepedriña forma parte do xurado en calidade de coorganizador do Certame, de acordo coa base terceira do mesmo.

XI
A decisión do xurado, que será inapelable, adoptarase por maioría simple de entre os seus membros. A participación no certame supón a plena aceptación destas bases, sobre as que diante de calquera dúbida prevalecerá única e exclusivamente a opinión do xurado.

XII
O Concello de Santiago resérvase, durante un ano, os dereitos de publicar as obras premiadas. Neste sentido, os autores renuncian, a favor do Concello de Santiago de Compostela, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.

XIII
Non se devolverán os traballos non premiados, que serán destruidos cando finalice o certame.

XIV
O prazo de admisión dos traballos finalizará o 23 de abril de 2009.

XV
A decisión do xurado e a entrega de premios daranse a coñecer no mes das Letras Galegas de 2009.